Excursión á neve (Jaca/Candanchú)
Dende o luns 28 de xaneiro ata o venres 2 de febreiro de 2013, dez alumnos de 4º da ESO, acompañados dos profesores Juan Carlos Clemente e Eva Álvarez, disfrutaron dunha excursión á Estación de Esquí de Candanchú (Jaca, Huesca). Saíron de Lugo ás 9 da mañá do día 27, e chegaron ao seu destino ás 7 da tarde. Alí aloxáronse no hotel Barceló Jaca Golf & Spa.
A Estación de Esquí de Candanchú ocupa un lugar privilexiado no corazón do Pireneo Aragonés. Está situada no nacemento do río Aragón, xunto ao Porto de Somport e a 2 quilómetros da fronteira con Francia. Nela, alumnos e profesores puideron observar a gran beleza das montañas, e disfrutar da variedade de pistas, do seu carácter deportivo e familiar, e do acolledor núcleo residencial. Ademais, trátase da primeira estación de esquí que se inaugurou en España (1928) e da primeira que implantou cursos de esquí.
Durante dúas horas pola mañá (de 10:00 a 12:00) e durante unha hora pola tarde (de 15:00 a 16:00) o grupo participaba nun destes cursos de esquí, dispoñendo dun monitor particular para eles. Todos os días comían no bufete da estación, e marchaban de alí ás 5 da tarde.
O grupo visitou a Cova das Güixas (situada no municipio de Villanúa), na que se poden observar estalactitas, estalagmitas, columnas e gours, e ver animais coma morcegos. Nesta cova hai unha colonia duns 500 morcegos, o que motivou a súa inclusión como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da Rede Natura 2000 europea.