Skip to Content

O DIRECTOR CINEMATOGRÁFICO RUBÉN RIÓS VISITA O CEP ALTAMIRA

Dentro das actividades levadas a cabo polo CEP Altamira ao longo deste curso, destácase a participación dentro do programa AULAS I+I: INCLUSIVAS E IGUALITARIAS, dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación.

 

O alumnado de 5º curso puido desfrutar coa presenza do director Rubén Riós e de Mónica Ferreiro,  actriz principal da curta "Vida". 

 

A inclusión no ámbito educativo é unha tarefa que está aparentemente resolta, con todo cómpre trasladarlle ao contorno educativo a necesidade de avanzar nela para desenvolver as mellores estratexias para levala á práctica.

A educación inclusiva manifesta avances significativos, malia que aínda non pasamos do formal ao real. Cómpre seguir a traballar para que a escola inclusiva sexa unha realidade. Ser inclusivo/a pasa necesariamente por adoptar na vida unha idea das capacidades diferentes e diversas das persoas diferente á que tiñamos ata hoxe, unha actitude de convivencia aberta e de crenza na dignidade, capacidade e posibilidades sen facer distingos nin apartes e comezando polos centros de ensino.

Este programa deseña esta aprendizaxe para levala aos centros, abre espazos nos que ver e palpar dignamente a inclusión, permite que os resultados acadados non queden ocultos senón expostos nun produto final elaborado polo centro no que os seus protagonistas expresan as súas reflexións, e a obra producida compártese co resto da comunidade educativa.

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa Aulas I+I (aulas inclusivas e igualitarias) é sensibilizar a comunidade educativa da necesidade de afondar nas estratexias que favorezan a inclusión das persoas con diversidade funcional nas aulas xa que ainda que  a inclusión é unha realidade integrada nas aulas, resulta necesario desenvolver estratexias para levala á práctica dun xeito efectivo e identificar cales delas son as mellores para favorecela.

Os obxectivos xerais do programa son os seguintes:

  • Reflexionar sobre as posibilidades e os atrancos do alumnado con capacidades diferentes na escola.
  • Potenciar que o alumnado sexa parte activa na toma de decisións.
  • Producir un cambio metodolóxico nas aulas, que dea cabida a todo o alumnado.
  • Formar o profesorado nos procesos de igualdade e dereitos das persoas con capacidades diferentes.
  • Coñecer experiencias escolares inclusivas de éxito na escola.


 
 
 
 
 

blog | by Dr. Radut