voznaturacarral
Día sobre rodas!
No día de hoxe tivemos o noso primeiro día sobre rodas, ao conmemorarse nesta semana o Día Mundial do Medio Ambiente e o Día Mundial da Bicicleta, co cal a oportunidade era irrexeitable.
A iniciativa tivo unha boa acollida entre alumnado, familias e mesmo profesorado, que non dubidaron en empregar un método de transporte alternativo por un día.
Agardamos que o ano que vén poidamos dicir aquilo de "máis e mellor". Velaquí algunhas imaxes do aspecto do noso patio, que funcionou como aparcamento por un día:
Mobilidade sostible
O día 3 de xuño celébrase o Día Mundial da Bicicleta e o día 5 do mesmo mes o Día Mundial do Medio Ambiente. Por iso, dende o Equipo de Reciclaxe e Medio Ambiente propoñemos a súa conmemoración conxunta o venres 7 de xuño acudindo ao centro nun medio de transporte sostible como pode ser a bicicleta, patinete ou outro sobre rodas.
Esta actividade será voluntaria para todo aquel alumnado que queira e poida. O alumnado deberá vir debidamente protexido (casco e outras proteccións que se consideren necesarios), ben visible e nos casos que sexa preciso acompañados de algunha persoa adulta.
Os diferentes medios de transporte quedarán custodiados no patio cuberto do centro dende a entrada ata a saída do mesmo. En ningún caso poderán levalos no servizo de transporte polas dificultades loxísticas que pode supoñer.
Ademais pedirase a todo o alumnado que ese día traian algo de cor verde (unha prenda ou complemento) sen encesidade de mercar nada, calquera cousa que teñamos na casa serve, fomentando así a sostibilidade.
A idea desta actividade e o seu carácter tan voluntario é pulsar a participación que pode ter entre a comunidade educativa (pois isto implícanos a alumnado, familias, profesorado, persoas de administración e servizos...).
Compre lembrar que os beneficios de usar medios de transporte alternativos son moitos e variados, dende a promoción de estilos de vida saudables á redución da contaminación.
Éxito do mercado solidario!
A pesar das inclemencias meteorolóxicas do día de hoxe e a celebrarse no día despois da Festa do pan, quedamos moi contentos do resultado deste primeiro mercado solidario. A práctica totalidade das plantas atopou acomodo en diferentes fogares e as nenas e nenos do colexio fixeron un traballo espectacular atendendo a toda a veciñanza que se achegou a colaborar nesta fermosa iniciativa.
O día xa comezou coa ledicia de ler a nova na que o xornal La Voz de Galicia se facía eco do noso traballo:
En total recadáronse arredor duns 25 quilos de alimentos e un total de 123,47 €. Os alimentos quedaron xa nas dependencias do concello e a recadación irá a “Proyecto caballo”, por iniciativa do alumnado, a quen lle encantou este proxecto que promove o coidado de cabalos e a súa inserción no medio natural, mellorando a biodiversidade do planeta.
Dende o centro queremos expresar a nosa gratitude a tódalas familias e veciñanza por participar e apoiar a iniciativa, e por suposto ao Concello de Carral, que tanto e tan ben nos coidou e alentou.
Tal e como moitas persoas pediron ao longo da mañá, agardamos poder repetir!
Mercado solidario - 13 de maio
Boa tarde!
Estamos moi ledos de anunciar que o vindeiro luns estaremos no campo da feira de Carral. Aproveita que chega o bo tempo e faite con tomates, allos porros, pementos, apios, acelgas, algunha cabaza, cabaciños e algunha que outra sorpresa!
A maioría das nosas sementes son de colleita propia ou ecolóxicas, e foron cultivadas con gran coidado por nós. E sabedes o mellor? Que as intercambiamos por alimentos que quedarán no Concello de Carral, ou se o preferides facer por diñeiro colaboraredes cunha causa solidaria que anunciaremos nuns días.
Agardámosvos!
Concienciamos
Ola ola! Dentro dos retos propostos para este curso, en abril tiñamos o reto de concienciar na redución de uso de material escolar, tanto por abuso do mesmo como por falta de coidado.
Transcorrida unha gran parte do curso, a instalación creada para concienciar acerca do uso aínda non está nin ao 50% da súa capacidade.
Agardamos que esta iniciativa axudara a facer un bo uso do material escolar neste curso, e sobre todo, que deixemos pegada para o futuro.
Traballo feito para a primavera!
Rematamos o segundo trimestre neste mes de marzo no que as nosas particulares “sentinelas” (grupo de alumnado voluntario que colabora co equipo medioambiental) fixo un gran traballo, tanto no referido a cantidade como a calidade do mesmo. E como temos moito que contar, alá vamos!
En primeiro lugar demos continuidade ao reto do mes pasado, neste caso instalando nas aulas uns pequenos avisos que conciencien sobre o aforro enerxético, de maneira que a nosa comunidade educativa sempre o teña un pouco máis presente.
Para seguir, remataron coa instalación dos bancais para os máis peques, que mesmo se encargaron de decorar con gran dedicación e quedando un resultado ben fermoso:
Ademais instalouse un novo composteiro, achegado polo Consorcio das Mariñas, e estase a traballar na reparación do vello invernadoiro, ao que xa se lle achegou unha nova localización no centro:
E diredes, pois haberá que ir poñendo algo dentro dos bancais non? Claro que si, por iso xa temos unha gran selección de produtos cultivados por nós. A maioría das sementes son ecolóxicas, sen ningún tipo de tratamento, e boa parte delas son de colleita propia.
Teremos excedentes? Claro que si, para toda esa planta farían falla moitas hortas.En breve agardamos podervos contar os nosos plans para eles.
Tamén se recuperou a zona das aromáticas, que agardamos encher de olores e sabores no mes de abril.
E finalmente preparamos unha zona para a repoboación, que xa comezou a recibir as primeiras árbores que sementamos a comezos de curso.
Vaia canto traballaron estas sentinelas no mes de marzo, ben merecen un descanso! Ata pronto!
Cada gota conta
Neste mes o reto é concienciar sobre o aforro, e as Sentinelas non dubidaron en poñerse man á obra. En colaboración co noso equipo de Polos Creativos deseñáronse estas imaxes que locen nos nosos aseos recordándonos a importancia de non malgastar un ben tan prezado como a auga.
O noso seguinte paso será facer o propio coa enerxía eléctrica.
Bo traballo, Sentinelas!
Comezamos a sementar
As sentinelas do silencio (o noso grupo de voluntarios/as) comezaron xa a traballar coa mirada posta na tempada de poñer a horta.
Ademais de labores de preparación da terra (que por mor da choiva vai un chisco máis lento do agardado), comezaron a sementar algúns dos produtos cos que contaremos. As sementes foron adquiridas de casas comerciais na súa maioría (primando as ecolóxicas), xunto con algunhas variedades de tomates dos que posuíamos un bo número no nos particular banco de sementes. E por suposto, dando unha segunda vida a moito do material que había pola escola ou que nos cederon na cociña.
Iremos informando dos progresos!
A separación de residuos que vén
Boa noite! Continuamos cun novo reto dos propostos por Voz Natura, neste caso para o mes de xaneiro. Na nosa visita ás instalacións de SOGAMA contáronnos como imos ter o mesmo sistema de separación de residuos que no no resto de Galicia, e ocorreusenos que era unha boa idea irnos preparando para a separación de residuos que nos vén. Todo isto e algunha outra información pódese ler no tríptico que se xunta.
Saúdos e boa reciclaxe!
Reutilizando e decorando
Xa comezan a agromar as primeiras plantas que sementamos ao longo do mes de decembro, e polo tanto chegou o momento de presentar esta actividade a toda a comunidade educativa!
O alumnado de diferentes cursos do cole púxose mans á obra, e ao tempo que lle deu unha segunda vida a plásticos, decoraron o valado do centro e engadiron vida.
Sementáronse dende os tradicionais chícharos e garavanzos, ata flores coma o ciclamen ou algunha planta tan valiosa coma o azafrán.
E sabedes o mellor de todo? Que aínda hai máis macetas a piques de saír do forno. Seguimos!
Manifesto polo clima
O 5 de decembro de 2023 emitimos un novo programa de radio gravado polo alumnado de sexto de Educación Primaria, con motivo do comezo da C0P28 onde lemos un manifesto baseado no Movemento Galego polo Clima e gardamos un minuto de silencio.
Nel, entre outras cousas pídese que neste tipo de cumios os nosos mandatarios asinen acordos de medidas vinculantes que axuden a parar os devastadores efectos da crise climática.
Aquí vos deixamos o programa.
Queremos feitos, non palabras baleiras!
Visita a SOGAMA
Ola de novo!
Hoxe vimos a contar que o pasado día 20 de outubro o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo ocasión de visitar as instalacións de SOGAMA.
Foi unha visita onde aprendimos un chisquiño máis sobre a recollida selectiva e a reciclaxe, e sobre todo foi moi entretida. A bo seguro que a experiencia coa realidade virtual foi unha das actividades favoritas de moitas e moitos dos visitantes.
Velaquí deixamos algunhas imaxes de ese día.
Recollida selectiva de residuos
No pasado mes de outubro botou a andar unha das actividades que o equipo consideraba prioritaria: a recollida selectiva de residuos.
Coa colaboración de toda a comunidade educativa, facemos unha separación de residuos nas aulas, separando envases, papel e cartón, materia orgánica e material escolar.
Para tal fin o centro adquiriu uns colectores de gran tamaño e instaláronse tres pequenos puntos limpos dentro do edificio (un por andar) coa colaboración de Ecoembes, quen remitiu depósitos para papel e envases.
Colectores mercados polo centro.
O alumnado xestiona os envases e o papel e cartón, facéndose unha recollida conxunta os xoves para os envases e os venres para o papel e cartón, no que o alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria colabora co alumnado de Educación Infantil e co traslado dos residuos aos colectores exteriores.
Alumnado do centro depositando residuos.
A maiores, contamos coa colaboración do persoal de limpeza, quen se encarga a diario de xestionar o lixo orgánico.
E por último, en cada recreo saen ao patio dúas patrullas ecolóxicas, conformadas por alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria. Estas patrullas non só manteñen o noso patio máis limpo recollendo restos que poida haber nel, se non que tamén asesoran e axudan a todas aquelas persoas que non saiban que facer cos seus residuos.
Patrullas ecolóxicas en acción.
Dende o Equipo de Reciclaxe e Medio Ambiente estamos encantados co traballo que están a desenvolver todas e todos!
Somos Voz Natura
O CEIPP Vicente Otero Valcárcel foi finalmente seleccionado para participar no proxecto Voz Natura co noso proxecto Carral Sostible. Deste xeito somos un dos 373 centros seleccionados, o que nos axudará a desenvolver o noso proxecto e darlle maior difusión.
Velaquí o cartaz desta edición:
En breve seguiremos contando máis cousas que temos entre mans!
Presentación Reciclaxe e Medio Ambiente
Benvidas e benvidos ao espazo de Reciclaxe e Medio Ambiente!
A Organización das Nacións Unidas fixo recentemente un chamamento á acción global para rematar coa pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade.
A escola non é allea a esta realidade, nin ás necesidades de preservar o planeta, e é por iso que esta iniciativa ve a luz, como mostra do compromiso da comunidade educativa para co medio ambiente.
O primeiro paso a dar, foi a instauración dun sistema de reciclaxe no centro. Toda a información ao respecto está recollida na seguinte presentación:
En breve iremos desvelando máis información da nosa actividade!