Skip to Content

Traballo feito para a primavera!

Rematamos o segundo trimestre neste mes de marzo no que as nosas particulares “sentinelas” (grupo de alumnado voluntario que colabora co equipo medioambiental) fixo un gran traballo, tanto no referido a cantidade como a calidade do mesmo. E como temos moito que contar, alá vamos!

En primeiro lugar demos continuidade ao reto do mes pasado, neste caso instalando nas aulas uns pequenos avisos que conciencien sobre o aforro enerxético, de maneira que a nosa comunidade educativa sempre o teña un pouco máis presente.

Para seguir, remataron coa instalación dos bancais para os máis peques, que mesmo se encargaron de decorar con gran dedicación e quedando un resultado ben fermoso:

Ademais instalouse un novo composteiro, achegado polo Consorcio das Mariñas, e estase a traballar na reparación do vello invernadoiro, ao que xa se lle achegou unha nova localización no centro:

E diredes, pois haberá que ir poñendo algo dentro dos bancais non? Claro que si, por iso xa temos unha gran selección de produtos cultivados por nós. A maioría das sementes son ecolóxicas, sen ningún tipo de tratamento, e boa parte delas son de colleita propia.

Teremos excedentes? Claro que si, para toda esa planta farían falla moitas hortas.En breve agardamos podervos contar os nosos plans para eles.

Tamén se recuperou a zona das aromáticas, que agardamos encher de olores e sabores no mes de abril.

E finalmente preparamos unha zona para a repoboación, que xa comezou a recibir as primeiras árbores que sementamos a comezos de curso.

Vaia canto traballaron estas sentinelas no mes de marzo, ben merecen un descanso! Ata pronto!



blog | by Dr. Radut