Polos Creativos
Seguimos probando ferramentas...
Seguimos probando novas ferramentas que imos adquirindo para o noso polo, co fin de optimizar o uso de todo o equipamento recibido... Desta vez aventurámonos na impresión téxtil, que ben seguro nos traerá un mundo de posibilidades argalleiras para traballar co noso alumnado...
Formación coordinadores Polos Creativos
Seguimos formándonos en relación aos elementos presentes no noso Polo. Foi unha formación sobre Plótter e Impresión 3D, con petiscos de escáner 3D e de cortadora láser e tivo lugar no CFR A Coruña.
Previamente, o Equipo de Polos Creativos xa nos formaramos no noso centro a través do PFPP do Plan Dixital en Impresión 3D e Plótter. Seguimos aprendendo para poder seguir argallando...
Recreos argalleiros de maio
Este mes contamos cun novo robot no noso Polo nos recreos (o tren de Intelino). Estamos argallando con el sen pantallas, empregando os bloques de cores e está gustando bastante.
Asemade, a celebración do PDI achégase e que mellor que un tangram con soporte bibliográfico que propón construcións de animais para imaxinar, crear, construír e desfrutar.
Reto de Polos Creativos
Neste mes tocou presentar o noso reto de Polo Creativos... Un reto moi adaptado ao interese do noso alumnado por un xogo que inundou a nosa biblio ao longo do presente curso e que tamén está presente no patio do noso centro...
Foi unha sorte poder participar e facelo dun xeito contextualizado partindo dos seus intereses.
Alumnado de EI argallando cun novo robot
Esta semana, alumnado de 6º de EI, coñeceu un novo robot do noso Polo Creativo: Cubetto. É un robot que permite iniciar o alumnado na programación sen pantallas. A programación lévase a cabo mediante pezas manipulables. Cada unha delas representa unha acción e combinadas créanse secuencias.
Podedes ver nestas imaxes o alumnado de EI iniciándose na robótica e na programación...
Tarde argalleira con multitude de ferramentas no Polo Creativo
Hoxe pola tarde seguimos con xente argalleira polo Polo Creativo. Ademais dun semáforo programado coa Microbit, houbo chapas, Plotter, impresión 3D... Este é un Polo Creativo que cada vez suma máis adeptos polas tardes...
Alumnado maker polas tardes con makey makey
Nesta ocasión, varios alumnos de 6º viñeron pola tarde ao Polo Creativo a facer música empregando cartón, placas Makey-Makey, papel de aluminio e Scratch. Este era o reto de marzo que tiñamos no noso Polo Creativo para as tardes e puxéronse as pilas.
Crearon os instrumentos e contaron coa axuda da mestra de música, Leticia, para preparar a partitura... Hoxe iniciaron os ensaios e o produto final está en proceso pero van polo bo camiño.
Aprendendo a deseñar en 3D...
Moito alumnado de 6º de EP quixo vir aprender a deseñar en 3D no recreo do luns para crear algo moi especial e que están desexando que chegue... Que poderá ser? Seguimos argallando...
Creando modelos de ferramentas reais cos kits de Nezha
Comprender como funciona un sensor de luz, un sensor de humidade ou o funcionamento dunha porta automática... En definitiva, comprender o mundo que nos rodea é posible e... necesario! Esta semana tocou argallar cos kits de Nezha estas e outras propostas...
Chaveiros en 3D... 3º debuxa e 6º deseña...
Dúas semanas despois das encargas, o alumnado de 6º que asumiu a responsabilidade de deseñar os chaveiros do alumnado de 3º interesado e de darlle unha nova dimensión aos seus debuxos, fixéronlle entrega dos primeiros e vaia se gustaron...
Foi entregárllelos e xa recibiron máis encargas...
Tarde maker creando un secador de mans co kit de Nezha
Hoxe pola tarde tivemos no Polo Creativo un alumno argalleiro de 6º creando en Makecode co kit de Nezha un secador de mans. Despois do proceso de construción, deseñou o código de programación e a funcionar.
Xornada formativa no Polo Creativo
Esta tarde o Equipo de Polos estivemos formándonos no uso e manexo do Plotter do noso Polo Creativo. O Equipo de Polos xa anda procurando ideas para deseñar e darlle uso no noso centro.
Velaquí unha imaxe que resume esta sesión formativa enmarcada no PFPP.
Día da Muller en Polos
Comezamos marzo con talleres de chapas no recreo para conmemorar o 8M. O noso polo creativo a prol dunha igualdade de xénero real e efectiva. Asemade, este ano o lema é: "Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero".