Polos Creativos

Deseño en 3D

A impresión 3D está gustando entre o alumnado do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel. Despois do éxito dos lapis 3D, varios alumnos e alumnas de 6º de EP animáronse a vir pola tarde a axudarlle a alumnado de 3º a facer en 3D os seus debuxos.

A idea é crear minichaveiros con eles... Nuns días veremos como quedaron.

 

Final 1º Torneo de Xadrez

O 1 de marzo tivo lugar a final do 1º Torneo de Xadrez do CEIPP Vicente Otero Valcárcel na Biblioteca do noso centro e como non podía ser doutro xeito, dende o Polo Creativo creamos o trofeo do gañador e unha peza impresa en 3D para a finalista. Foron semanas de emoción e desfrutaron moito durante o desenvolvemento do torneo. Tamén quedaron abraiados/as co trofeo! Tanto que agora queren aprender a deseñar en 3D e moito máis alumnado está interesado no Xadrez.

 

Velaquí unha imaxe do trofeo, da final que contou con moita expectación e dos finalistas na entrega de trofeos.

 

Entroido en Polos Creativos en familia

Este mes de entroido tivemos reto de antifaz STEAM para as familias e o alumnado en polos pola tarde. Podedes ver o ben que lle quedou a Nerea, de 2ºC , o seu antifaz maker.

Animádevos a seguir argallando en familia nos próximos meses!

 

Corazóns 3D

Hoxe o alumnado de 5º de Educación Infantil descubriu a aula de Polos Creativos. Estiveron a probar os lapis 3D e fixeron uns corazóns para celebrar o día do amor (San Valentín). Aquí podedes velos traballando:

polos1

 

 

Minimakers nos recreos de febreiro

Este mes de febreiro durante os recreos moito alumnado está deseñando colgantes de corazóns con xornais. Asemade tamén están creando máquinas de todo tipo con LEGO e iniciándose no uso dun robot moi interesante: o Mind Designer.

 

Velaquí algunha fotos das súas producións:

 

Candeloria STEAM

Este mes festexamos a Candeloria no noso Polo Creativo co reto: Candeloria STEAM. Está dispoñible na aula de polos durante o horario lectivo para aquel profesorado que se anime a argallar co seu alumnado mesturando papiroflexia, circuítos e moita creatividade. Creouno profesorado integrante do equipo de Polos.

Aquí podedes ver algunha produción dos nosos minimakers:

Día da Non Violencia e da Paz

O 30 de xaneiro conmemoramos o Día da Non Violencia e da Paz e no noso Polo creamos pulseiras, colgantes e aneis co símbolo da Paz con axuda dos lapis 3D.

Velaquí podedes ver as creacións destes pequenos/as makers:

 

Tríptico informativo sobre o noso Polo Creativo

Temos un novo espazo no noso centro, o Polo Creativo, que queremos compartir con vós e invitarvos e animarvos a vir a coñecelo e compartir cos/coas vosos/as fillos/as momentos de creación conxunta. 

Podedes ver máis información no seguinte tríptico.

 

Iniciándonos na Impresión 3D!

Este mes avanzamos no noso Polo iniciándonos na impresión 3D cos lapis 3D. Para iso, traballaron con animais, enmarcado así no PDI do cole: ColeAnimal e crearon multitude de simbolos da Paz.

Os resultados foron "iMPRESIONartes"!! Velaquí unha pequena escolla.

 

O noso Polo Creativo

Esta semana rematamos a creación do noso Polo Creativo. Un espazo que xa contaba con propostas pero que agora conta con máis recursos e cunha distribución moito máis versátil: cun espazo aberto con diferentes zonas para traballar as metodoloxías activas e o enfoque STEAM dun xeito moito máis atractivo.

Aquí tedes unhas poucas imaxes que permiten ver como quedou o noso Polo, despois do bo traballo do Equipo de Polos Creativos do centro. 

 

Pequenos/as expertos/as na papiroflexia

Este mes estivo marcado pola papiroflexia no noso Polo Creativo, sen deixar de lado a programación e as construcións con LEGO.

Tanto polas mañás, nos recreos, como polas tardes, nalgúns casos acompañados de familiares, o alumnado comezou a amosar as súas capacidades artísticas rodeados de libros que os guían no proceso de elaboración das súas obras.

 

Proposta de actividades familias (tardes de decembro)

PAPIROFLEXIA NADAL FAMILIAS de Terceiro Primaria

Tardes de Polos Creativos

Formación en Polos Creativos

Hoxe había representación do noso centro na Formación de Polos Creativos, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Crear novos espazos tecendo redes e compartindo inquedanzas con outros centros para poder mellorar o noso. 

Agardamos con entusiasmo poder seguir mellorando o noso Polo proximamente...

 

Semana de recreos no noso Polo Creativo

Esta semana comezamos os recreos empregando o noso Polo Creativo. A programación, os LEGO e a papiroflexia encheron de vida este espazo.

A creatividade foi obra do alumnado. Contamos co apoio do Equipo de Biblioteca que aportou libros que guiaron boa parte das manualidades que levaron a cabo. Seguiremos argallando ideas e dinamizando este espazo e agardamos que pronto vos poidamos ir dando novas novas.

 

                           

 


Theme & Icons by N.Design Studio


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

ceip.vicente.otero@edu.xunta.gal - 881 880 446 - Carral - A Coruña
Distribuir contenido