"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".
Elena Vázquez Cendón
Así remata o manifesto deste ano da celebración do mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas. Como non podía ser doutro xeito, dende a Biblioteca de Toni quixemos unirnos a esta conmemoración que achega ao eido científico aos nosos alumnos e alumnas, e quixemos facelo dun xeito atractivo e dinámico, para que, como o lema deste ano indica, sementemos neles o inicio dun interese científico que pode levalos a descubrir unha vocación, afección, gusto ou foco motivacional.
Así, creamos un espazo de recomendacións con algúns dos libros que temos no noso fondo relacionados con diversas ramas da ciencia, e adaptados ás distintas idades. Durante as horas de biblioteca ou nas horas de libre acceso, o alumnado tiña estes exemplares ao seu dispor de xeito máis accesible.
Tamén creamos uns talleres por idades con distintos grados de dificultade, nos que puideron comprobar e experimentar distintos fenónmenos científicos, tales como a condutividade dos materiais, os cambios de estado e temperaturas, as forzas e incluso as capacidades do seu propio corpo.