Skip to Content

Animación á lectura

TECENDO COMUNIDADES

Con este lema "Tecendo Comunidades" pretendemos destacar o papel fundamental que ten a biblioteca na construción de lazos coa comunidade do noso centro. A nosa biblioteca non é só un espazo cheo de libros, senón un espazo de encontro, un espazo vivo motor das aprendizaxes e un espazo para a lectura e a creación.

Por iso, o pasado 24 de outubro celebrouse o día das Bibliotecas. Para conmemoralo, inauguramos este curso a Biblio de Toni creando un "MARCAESTANERÍAS" para cada usuario, empregando materiais plásticos. A finalidade e uso deste material e axudar na organización e orde dos nosos fondos, facendo máis autónomos a todos os usuarios, especialmente os máis pequenos, á hora de seleccionar e recolocar os libros que van lendo.

Foi divertido crear todos xuntos os nosos propios marcaestanterías no marco da biblioteca, comezando así a nosa aventura lectora deste curso.

Donas de Si

O xoves 19 de outubro desenvolveuse no noso centro un contacontos pola igualdade, unha das actividades que nos ofreceu o Programa Donas de Si, enmarcado dentro do Plan Proxecta.

Este, consistiu en desenvolver un proxecto relacionado coa visibilidade e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar nas nosas aulas a igualdade e os estereotipos de xénero.

Nesta proposta, narrativa e plástica, o escritor Enrique Mauricio e a ilustradora Tania Solla presentaron ao alumnado do noso centro a obra de Rosalía de Castro, ademais de ensinarnos pautas para crear as nosas propias ilustracións de Rosalía. Resultou unha sesión ben interesante!


Outubro: mes do Samaín na biblioteca

Este mes na biblio teremos unha pequena mostra bibliográfica para os nosos nenos e nenas sobre o Samaín con contos de medo e libros horripilantes!

Habemus meses temáticos

Como novidade este curso académico teremos meses temáticos na biblioteca. Así, entre os meses de outubro a maio, o alumnado terá unha selección de libros á súa disposición sobre unha temática concreta. A lectura e os libros son un recurso imprescindible para o proceso formativo dos nenos e nenas, permiten imaxinar, descubrir, viaxar e coñecer o mundo que nos rodea.

Asi que... non deixes para mañá o que poidas ler hoxe!

Viaxando polo mundo con Sabela Gago

Unha vez máis o pasado 24 de maio tivemos a sorte de recibir a estupenda contacontos Sabela Gago que nos deleitou facéndonos viaxar polas cidades e lugares máis famoso e marabillosos do planeta como París, Londres, Roma, Sao Paulo, Nova York, Sevilla...

Rematamos a aventura na gran muralla chinesa xunto a dous ratiños amigo, Sofía e Martín, cos que visitamos o sol nun foguete, as nubes nun avión e o vento nun helicóptero.

Se queredes saber máis sobre esta actividade premede no vídeo:

Trocalibros solidario

A terceira e derradeira actividade desta semana foi o "Trocalibros Solidario". Un ano máis todo o alumnado do cole intercambiou libros que tiña na casa e que xa non lía para darlle unha segunda vida e que poidan ser usados por outros nenos e nenas novamente. É unha maneira estupenda de reutilización e reciclaxe de libros! 

Semana do libro: Apadriñamento Lector

Esta semana conmemoramos a Semana do Libro coa realización de varias actividades. A primeira delas foi a realización do "Apadriñamento Lector" no que cada padriño e madriña cos seus afillados e afilladas leron un conto da súa elección. Posteriormente levamos a cabo un coloquio no que reflexionamos sobre porqué se celebra o día do libro e que significa o libro para cada un de nós.

Quedámonos cunha interesante idea dun alumno que dixo que "ler é como viaxar sen moverse do sitio". Para rematar o día, por grupos, fixeron debuxos sobre os seus personaxes ou contos favoritos e sobre o que significa o libro para eles cos que elaboramos un fermoso mural.

 

O xardín de Rosalía

Rosalía de Castro é unha figura fundamental para a lingua e a cultura galega. Constitúe todo un emblema en Galicia e, por iso, o alumnado do centro conmemorou, este xoves 23 de febreiro, a data de nacemento da escritora galega máis universal elaborando un “Xardín de Rosalía” con anacos dos seus poemas escritos nun xardín de flores.

Dentro vídeo!

Contacontos con Sabela Gago

O pasado xoves 26 de xaneiro recibimos a visita de Sabela Gago, unha gran actriz e marabillosa contacontos, que nos convidou a soñar coa nosa imaxinación. 

Sabela trouxo consigo contos cargados de aventuras e emocións. Todo o alumnado e profesorado gozamos moitísimo! 

Foi unha divertida viaxe a través da nosa imaxinación. Se podes imaxinalo, podes crealo. A lectura ábrenos as portas do mundo que nos atrevamos a imaxinar. 

Grazas Sabela por contaxiarnos o teu amor polos libros viaxando coa imaxinación. Foi unha xornada fantástica! 

Día da biblioteca escolar

O 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca Escolar e non atopamos mellor maneira de facelo que inaugurando o Apadriñamento Lector agora que xa podemos estar todos xuntos. O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria son os padriños e madriñas do alumnado de educación infantil e de 1º de primaria. Para esta actividade os padriños e madriñas escolleron, cos seus afillados e afilladas correspondentes, un libro para ler nos diferentes recunchos da biblioteca e das aulas. Logo da lectura fixeron un debuxo sobre o que máis lles gustou do libro e con todos eles elaboramos un fermoso mural.

Gozamos dunha agradable e divertida sesión pois o apadriñamento lector é unha experiencia fantástica para o fomento da lectura que ademais fai que os nenos e nenas creen uns lazos afectivos que non deixan indiferente a ninguén.

Así de ben o pasamos!


Distribuir contido


by Dr. Radut