Estimadas familias, querido alumnado!
Aquí vos deixo unha serie de propostas para que sigades aprendendo e repasando música dende as vosas casas! Aínda que pareza que son moitas actividades, en realidade non son longas, e creo que bastante interesantes!
Moito ánimo nesta etapa! Lévase mellor con algo de música!
Para calquer consulta, dúbida ou suxerencia, podedes mandarme un correo á seguinte dirección: evamaria.fernandez.gonzalez@edu.xunta.es
1- Se lembrades, en clase estivemos falando de Vivaldi (o compositor das Catro Estacións) e de Bach (o compositor de música de órgano que “dicía” o seu nome nas súas pezas, como fan algúns e algunhas cantantes actuais, pero dun xeito diferente). Pois ben, aquí vos deixo tres enlaces para que coñezades algo máis a Mozart, a Beethoven e a Chopin. O último enlace, o de Chopin, é máis longo e emprega nalgunha parte un vocabulario máis “técnico”, pero non vos preocupedes porque é bastante ameno e creo que moi interesante nestes días.
MOZART: https://www.youtube.com/watch?v=F_5BS2c6Bt4
BEETHOVEN: https://www.youtube.com/watch?v=TU8jAhH_pB4
CHOPIN: https://www.youtube.com/watch?v=-5b4E1OIE5w
2- Por suposto, non nos podemos esquecer dos instrumentos e das súas familias. Aquí vos deixo un enlace do youtuber que xa coñecemos: https://www.youtube.com/watch?v=RHAklmqlvRI
3- E para practicar o anterior… ide ao seguinte enlace e clicade en: “Actividades LIM Clasificación tradicional” https://www.mariajesusmusica.com/los-instrumentos-musicales.html
4- Ademais, para repasar as notas, figuras e compases, propóñovos o seguinte enlace: https://www.mariajesusmusica.com/lenguaje-musical.html Nel, recomendo os 4 seguintes apartados:
- “veo veo”.
- las figuras musicales.
- las notas musicales.
- compases, figuras y ritmos.
5- Tamén, relacionado cas notas, o ritmo e os instrumentos, indícovos a seguinte páxina: https://aprendomusica.com/ Nela recomendo entrar só en RITMO, NOTACIÓN e MISCEL. Son actividades de distintos niveis de dificultade, probade que tal vos saen! Consello: en NOTACIÓN asegurádevos de que clicades en actividades con clave de sol (porque hai algunhas en clave de fa).
6- E para rematar, que xa van sendo horas… Simplemente vos quero animar a que escoitedes moita música diferente, porque na variedade está a esencia! Non vos esquezades de que o proxecto deste curso se centra na diversidade, diversidade tamén na música, e respecto polas diferenzas!
Bailade! Descansade! E non xoguedes demasiado a eses xogos de pantalliña dos que falabamos algúns luns en obradoiro! E AAAHHH!!! Falando de obradoiro… Creo que agora, máis que nunca, é o momento de pensar nos nosos maiores, de valorar todo o que fixeron e fan por nós, de descubrir canto saben e nos poden transmitir, de coidalos. Se tedes a oportunidade de convivir nesta etapa de confinamento con algunha persoa maior, ou podedes establecer contacto a través de medios telemáticos (móbil, teléfono, ordenador..), preguntádelle por cantigas galegas que lembren! Que volas canten, e non vos esquezades de escribilas! Seguro que é emocionante para eles!