Somos sabedores das dificultades das familias para acudir á nosa biblioteca de xeito aberto,
como antes da pandemia, debido ás restriccións. Moitas delas incorporáronse xusto neste período
e non saben nin coñecen os espazos dos que gozan os seus fillos e fillas.
Queremos poñer un pequeno parche e abrir un buratiño na Biblioteca Carlos Labraña,
así podedes ollar como é un Laboratorio Creativo de Aprendizaxe, a nosa biblioteca Lía.
Imos recuperar algúns arquivos para amosarvos...
Polo 2019 veñen gravarnos dende a Asesoría de Bibliotecas e publican este vídeo tan bonito.
Dende aquela xa choveu e a biblioteca sufriú novas remodelacións.
Nunha das salas incorporamos ata unha cociña, si na mesma biblioteca non lestes mal, non!
Nela tamén hai uns asentos bancadas para escoitar exposicións, autores, contacontos e mesas de
montaxe rápida para realizar os obradoiros. As mestras/es e incluso alumnado deseñan
estas actividades para poder gozalas todas as semanas. É un espazo que oferta múltiples usos.
Tamén temos un xardín interior para ler, conversar e facer zumes de limón no verán!
A Biblioteca "Carlos Labraña" está aberta a todo o alumnado e profesorado.
Por suposto tamén a toda a comunidade educativa. Temos habilitados uns
foros para que calquera persoa que se identifique faga as súas consultas.
Tamén podedes facelo a través do correo da biblioteca: biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
ou seguirnos no Facebook ou no Twitter.
Nestes cursos buscamos proxectos para ter ás familias moi presentes e achegalas o máis que nos permiten,
como é o caso da Biblioteca Humana e que vos convidamos a participar.
Confiamos que para o vindeiro curso, o burato se abra totalmente deixando que a vosa marea nos inunde
e que as portas abertas para as familias sexan a nosa nova realidade.