Neste curso, o P.D.I. do centro ten como lema O SUEIRIÑO A DIVERSIDADE RESPECTA, TRABALLEMOS XUNTOS A PROL DO PLANETA! e céntrase na temática medioambiental e dende a aula de primeiro desenvolvémolo centrándonos na necesidade de educar aos cidadáns desde pequenos para favorecer o desenvolvemento dunha conciencia ecolóxica que lles leve a comprender a estreita interrelación que existe entre os animais e as persoas, e a necesidade de coidalos e protexelos para contribuír a unha sociedade máis sostible e habitable para todos. Desta forma favorécese o desenvolvemento integral do alumnado e impúlsase a súa vinculación e compromiso co coidado e protección da contorna natural e os seres que o habitan, así pois xurdiu “ANIAMIGOS: sempre ao noso carón”
Obxectivos xerais
- Coñecer e valorar os animais máis próximos ao ser humano e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado.
- Deseñar e poñer en marcha iniciativas que favorezan a aprendizaxe de valores de respecto, empatía e responsabilidade no coidado dos animais.
- Promover novos modelos de relación baseados no coidado e protección dos animais.
Obxectivos específicos
- Coñecer as características e beneficios que os animais achegan á vida das persoas.
- Describir as sensacións que experimenta o alumnado ao tomar contacto cos animais.
- Identificar as accións positivas emprendidas polos seres humanos cos animais.
- Valorar o trato negativo que algunhas persoas deparan aos animais.
- Coñecer e implicarse no coidado dun animal de maneira responsable.
- Relacionarse e interactuar con animais de maneira empática e respectuosa.
- Representar, a través de dramatizacións, características e vida de diferentes animais.
Contidos:
- Relación dos animais co medio.
- Accións para o coidado do medio.
- Nocións de coidado de animais de compañía.
- Observación e identificación de animais.
- Identificar características dos animais
- Animais en perigo de extinción.
Contribución ás competencias básicas e transversais e competencias claves da unión europea
O desenvolvemento desta unidade contribuirá ao desenvolvemento do conxunto das competencias básicas e competencias claves definidas no marco normativo, en especial as competencias sociais e cívicas (CSC) xa que implica coñecementos que permitan comprender e analizar condutas e procesos de cambio. Tamén inclúe manifestar o sentido da responsabilidade e mostrar comprensión e respecto dos valores compartidos necesarios, neste caso sobre o medio e os animais.
Temporalización
- Durante todo o curso en sesións de 50 minutos, unha por semana.
Metodoloxía
Traballaremos a través dunha metodoloxía activa e do descubrimento guiado, para que o alumno sexa capaz de construír as súas propias aprendizaxes de maneira autónoma. Apoiarémonos na maioría das actividades de soporte visual, priorizando en todo momento o traballo a través da comunicación oral, axustándonos ás características do alumnado.
Criterios de avaliación
- Coñecer o medio.
- Recoñecer animais e as súas características.
- Entender a necesidade do coidado do medio como hábitat de todos.
- Identificar os coidados de animais de compañía.
- Recoñecer os animais en perigo de extinción.
- Valorar a importancia do medio.
- Indicadores de logro ou desempeño
- Diferencia os bens achegados por distintos animais.
- Identifica a cada animal polo son que emite.
- Distingue a pegada de diferentes animais.
- Identifica as características de distintos animais.
- Describe as sensacións que experimenta ao tomar contacto cos animais.
- Recoñece as accións positivas emprendidas polos seres humanos cos animais e o medio.
- Valora criticamente os malos tratos animais.
- Recoñece os diferentes coidados que necesita cada animal.
- Relaciónase e interactúa cos animais e o medio de maneira empática e respectuosa.
- Representa, a través de dramatizacións, características e vida de diferentes animais.
As actividades realizadas ao longo do curso foron as seguintes:
1º trimestre
- Presentación de “Aniamigos”. Nesta actividade o alumnado coloreou o debuxo representativo do traballo que vamos a levar a cabo este curso.
- Choiva de ideas. Nesta actividade entre todos os alumnos fixeron unha choiva de ideas sobre os animais e o que saben, así como que máis cousas lles gustaría saber sobre eles para así traballar desde o seu centro de interese.
- Animais domésticos. Nesta actividade falamos das diferencias entre animais domésticos e salvaxes e centrándonos nos de granxa vimos algunhas características sobre todo alimentación e reprodución.
- Xogo das parellas. Nesta actividade xogamos a buscar as parellas agochadas nunhas cartas sobre os animais de granxa.
- Coidados dos animais de compañía. Nesta actividade falamos e puxemos en común os coidados que necesitan as mascotas que podemos ter con nós na casa, para concienciarnos que dependen de que os coidemos e elaboramos unha serie de “coidados a seguir”.
- Debuxamos a nosa propia granxa. Nesta actividade para rematar este apartado de animais de granxa, os nenos debuxaron a súa propia granxa cos seus animais.
2º trimestre
- Animais mariños. Nesta actividade afondamos sobre os coñecementos que tiñan os alumnos sobre animais mariños e vimos que características presentan.
- Bingo mariño. Nesta actividade o alumnado xogou a un bingo sobre animais mariños para traballar de forma lúdica o vocabulario.
- Animais dos polos. Nesta actividade o alumnado descubriu algúns animais do polo e as características que teñen para vivir nestas zonas.
- Creamos os nosos propios polos. Nesta actividade o alumnado fixo os polos con un par de experimentos e tamén fixo os animais que habitan neles con pasta de modelar.
- Animais do deserto. Nesta actividade o alumnado reflexiona sobre os animais que viven no deserto así como nas diferencias que teñen con outros animais doutras zonas xa vistos.
- O dromedario. Nesta actividade o alumnado centrouse en aprender vocabulario e características propias deste animal.
3º trimestre
Para este terceiro trimestre quixemos centrarnos nos animais en perigo de extinción e para iso levamos a aula varios libros sobre o tema para que os nenos os puideran consultalos. Os libros son os seguintes:
- ¿Nos ayudas? ¡Salvemos a los animales en peligro de extinción! Autora: Grete Garrido.
- Animales en peligro de extinción explicados a los niños. Autores: Sandrine Sihol y Gaelle Guerive.
- Cuentos sortos de animales en peligro. Autor: Jordi Sierra i Fabra.
- Amigos asombrosos en peligro: Abecedario de animales en peligro de extinción.
Actividades:
- Lectura de “¿Nos ayudas? ¡Salvemos a los animales en peligro de extinción!” Autora: Grete Garrido. Nesta actividade o alumnado vai lendo cada semana sobre un animal en perigo de extinción do que despois fan un debuxo.
- Mapamundi. Nesta actividade o alumnado vai colocando sobre o mapamundi os animais sobre os que vamos lendo.
- Reflexión final sobre a importancia dos seres vivos. Nesta actividade pretendemos reflexionar sobre os animais e a súa importancia para nós e como debemos coidalos.
Avaliación:
Foi continua, baseada na observación diaria, mediante a recollida de datos segundo un rexistro de ítems.
Como conclusión, destacar a importancia que teñen os animais no medio así como para o coidado desde e a importancia de formar a os alumnos como futuros cidadáns responsables no coidado e respecto cara eles.