blogue deadmin0

Parabéns de novo para o CEIP López Ferreiro!

O noso centro vén de gañar o premio á excelencia, xunto con outros catro centros de Galicia, polo seu proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística Fai un trato co galego!

Esta é unha convocatoria da Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Recibiremos unha dotación económica de 2000€ e  unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa.

Parabéns para o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e para toda a comunidade educativa, especialmente para o alumnado de Infantil, 2º, 5º e 6º de Primaria que tanto colaborou nas propostas que se desenvolveron.

PREMIO

Hoxe fíxose entrega do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, na súa terceira edición.

As mestras de infantil, Fátima Rodríguez e Rosa Suárez, foron as galardoadas na categoría A, de centros de educación infantil e primaria. 

Recolleron o premio acompañadas dunha representación do alumnado e das familias que durante estes cursos participaron da iniciativa.

Visita ao Servizo de Normalización Lingüística da USC

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do noso centro foi recibido polas persoas responsables do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis de 50 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro, desprazáronse ata o SNL, no Campus Sur.

Quixeron presentarlles a última fase da campaña fai un trato co galego! Aquí atendemos en galego. Tamén lles achegaron o adhesivo co que premiamos a quen se compromete co noso idioma.

Manuel N. Singala, Xusto Rodríguez e Manuel Bermúdez interesáronse polo traballo que levamos a cabo no centro, pola opinión que a nosa campaña lles merecía e a súa utilidade. Animaron a esta rapazada a seguir desenvolvéndose en galego. 

Agasalláronnos cunhas bolsas dunha iniciativa deste Servizo: Témoslle LEI.

Catálogo de xogos

Queremos presentarvos o Catálogo de Xogos que elaboramos este curso, no marco do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística (Proxecta+) que estamos a desenvolver.  É unha guía dixital de enredos, un traballo no que participaron todos os ciclos do centro e que amosan que nesta escola se xoga en galego. Esta proposta realizouse grazas á colaboración do Equipo de Plan Dixital e recorreuse, maioritariamente, ao Libro da Memoria, elaborado polas aulas Maruxa e Coralia.

Animádevos a botar man deles, estes xogos forman parte da cultura que nos é propia! Premede na imaxe para acceder.

Campaña Fai un trato co galego!

Para o desenvolvemento do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a levar a cabo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega creou unha conta de Instagram:@edlglopezferreiro. Nesta conta estanse a subir os apoios das familias do alumnado do Equipo 21 e doutras persoas significativas que colaboran, desde os seus inicios, hai dous cursos, coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Animámosvos a sumarvos a esta iniciativa remitíndonos os vosos vídeos ao correo electrónico do EDLG: edlglopezferreiro@gmail.com. No Concello, onde onte presentamos a nosa campaña, xa nos están a apoiar!

8M con Caamaño e Ameixeiras

O López Ferreiro conmemorou o 8M, coa actuación do dúo galego de música folk tradicional galega Caamaño & Ameixeiras. Coa acordeonista Sabela e coa violista e vocalista Antía, celebramos o Día Internacional das Mulleres, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na nosa sociedade.

Este concerto, organizado polo EDLG do noso centro, desenvolveuse grazas á iniciativa dos Contratos-programa Inclúe (CPInclúe), nos que estamos a participar, concretamente do IGUÁLA-T.

Novo blog FAI UN TRATO CO GALEGO!

O EDLG do CEIP López Ferreiro, quere convidarvos a acceder ao seu novo blog, Fai un trato co galego!

A través del poderedes seguir o proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a desenvolver no centro.

Esta é unha proposta que está a realizar, sobre todo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria. A través dela quérese convidar a todos e a todas a xogar, a relacionarse e a atender en galego!

Remate do programa 21 días co galego e máis.

O programa dos 21 días co galego e máis chegou á súa fin. Durante o tempo no que se desenvolveu esta proposta no centro, leváronse a cabo moitas actividades lúdicas como xogos tradicionais nos patios, karaoke, tatuaxes... Tamén se realizaron entrevistas, campañas para animar a falar galego, con recollida de sinaturas incluída, e visitáronnos, para contarnos historias e para falar con nós da importancia da nosa lingua, moitas persoas significativas en diferentes ámbitos laborais e da cultura: Rosa Aneiros, Encarna Otero, Fernanda Fernández, Celso F. Sanmartín, Irene Lourido, María de la Fuente, Montse Pena, Irene Lampón, Xusto Rodríguez, Ana Viña, Lois Trigo, Ana Domínguez, Mané Bello, Anxo Fernández e Ana Rodríguez.

O martes, día 6, tivemos o peche oficial e contamos coa presenza de Helena Villar. Non podiamos ter a ninguén mellor para clausurar este programa xa que ela, docente e escritora, pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación.

Pero este programa tamén nos permitiu facer un fin de festa coincidindo co Entroido que, pese ao mal tempo, puidemos desfrutalo cun pequeno desfile e un concerto, da banda Ruxe-Ruxe (con tres pases!), nas instalacións interiores do centro.

O alumnado gozou moito coa música da banda, que combina o rock con sons tradicionais galegos.

 

Aínda nos queda pendente un encontro na Cidade da Cultura, o próximo día 21 de febreiro, e unha videoconferencia co Dígocho eu!, o 29 do mesmo mes.

Queremos que saibades que a nosa campaña a favor do galego vai continuar e, para iso, animámosvos a que sigades os nosos blogs: O niño de pombas Fai un trato co galego.

En breve, empezaremos a desenvolver o noso Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, do que vos iremos dando conta.

Inauguración do Programa 21 días co galego e + 2024!

Hoxe inauguramos o Programa dos 21 días co galego e + 2024! O acto desenvolveuse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación e nel participou todo o alumnado, profesorado e persoal docente e non docente do CEIP López Ferreiro.

Na mesa de inauguración estiveron: Dna. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; D. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; D. Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; D. Jesús M. Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos e Dna. María del Carmen Montero, directora do CEIP López Ferreiro.

Como persoas convidadas asistiron: Jesús Torres (director da Biblioteca Pública Ánxel Casal); Lois Trigo (exdirector do centro); Rosa Aneiros (xornalista e escritora); Teresa Carballido (representante da ANPA); Purificación Galán (coordinadora territorial dos EDLG da Coruña); Carmen Nogueira e María Manuela Leis (asesoras da SXPL).

O acto concluíu co alumnado facendo voar uns helicópteros de papel que iniciaron simbolicamente os 21 días!

Deixámosvos aquí os enlaces ao calendario de actividades, á noticia no telexornal e ao Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

 

21 días e + 2024 no López Ferreiro

Mañá comeza a aventura dos 21 días co galego e + 2024. Inauguraremos o programa no noso centro!!!

Deixámosvos aquí as cancións elixidas para o karaoke, por se queredes ir ensaiando, o modelo para elaborar os helicópteros que faremos voar e as recomendacións lectoras que nos fan desde a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. 

Seguídenos a través desta web e no blog dos 21 días co galego.

 

Distribuir contido