EDLG

Hoxe tivemos unha divertida clase de danza tradicional. Miguel, profe de baile da asociación O Son do Sor, ensinounos a bailar unha muiñeira e, aínda que ao principio a algún/ha se lle enredaron un pouco os pés, ao final conseguimos facer unha coreografía do máis xeitosa que seguiremos practicando ata poder bailala á perfección no Día das Letras Galegas.

 

 

 

 

A pegada da chuvia no refraneiro galego é inmensa. A sabiduría popular deixounos frases como "En abril, augas mil" ou "Cando chove e vai sol, anda o demo por Ferrol".

Neste reto, tedes que recompilar ditos populares sobre a chuvia, a neve, a sarabia, o arco da vella ou o tempo meteorolóxico en xeral.

Para compartilos, usade o novo Padlet. Non é necesario engadir ningunha imaxe, soamente escribir a vosa frase no espazo do "asunto" e enviar.

E lembrade tamén que o reto fotográfico do arco da vella segue activo todo o curso.

A compañía Berrobambán arrancou esta semana no Concello de Mañón a segunda temporada de "Facer Memoria", un proxecto escénico e vivencial no  que se  brinda voz ao público para contar no teatro as súas lembranzas, e quixeron pasar un ratiño no noso centro coas rapazas e rapaces para falar do traballo que realizamos o curso pasado, "As Mulleres do Concello de Mañón".

Facer memoria, é un proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a Proxectos Singulares de Especial Interese Cultural na Provincia da Coruña, parte así da tradición oral, da creación comunitaria e da descuberta colectiva para desenvolver un proceso teatral que desemboca nun encontro-espectáculo no auditorio municipal de cada concello no que a veciñanza participante intervirá sobre as táboas.

Os obxectivos principais de Facer Memoria pasan por coñecer a historia dos lugares que habitados e a súa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e darlle valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a memoria colectiva. Para acadar estas metas, establécense sinerxías e técense redes de colaboración con asociacións e entidades locais dos diferentes municipios polos que xirará este proxecto de Berrobambán.

 

 

Distribuir contido