Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Samaín, Magosto e Día do Peón: Festa rachada!
O pasado mércores 30 de outubro celebramos na escola tres das festas preferidas polo alumnado: o Samaín, o Magosto e o Día do Peón.
Ao longo da semana, as nenas e nenos foron traendo as súas cabazas decoradas, todas espectaculares. Cada ano supéranse en creatividade!
Entre toda a comunidade educativa fomos ambientando o colexio durante os días previos. Alumnado, profesorado e ANPA colaboramos para decorar a escola, que quedou xenial!
O mércores pola mañá cedo chegamos todas e todos cos nosos disfraces á escola. Había de todo: momias, esqueletos, bruxas, vampiros, lobishomes…
Comezamos a xornada con actividades diversas nas aulas: desfiles para lucir os disfraces, bailes, lectura a escuras de contos de medo alumeando cunha lanterna, obradoiros de Samaín e outono…
A continuación, chegou o momento das “Lecturas compartidas”, unha actividade organizada polo equipo de Biblioteca e as titoras de terceiro ciclo. O alumnado de 5º e 6º leulles contos relacionados co Samaín en lingua galega ao resto de nenos e nenas da escola.
Despois desfrutamos dunha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA, que convidou a todo o alumnado a estes deliciosos manxares. As familias tamén estaban convidadas e acompañáronos durante a festa.
Cos bandullos cheos, chegou a hora de bailar os peóns. Que ben se lles dá a algunhas e algúns!
Por último, algúns familiares e alumnado agasalláronnos cunha repichoca na que tocaron varios temas musicais tradicionais galegos e animaron o fin de festa.
Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración! Pasámolo de medo!
ELECCIÓNS PARA A RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR
Segundo instrucións da RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos, a Xunta Electoral establece a convocatoria de eleccións en todos os sectores que forman o Consello Escolar.
Adxúntase a información relativa a cada un dos mesmos como adxunto a esta publicación.
Achéganse o Samaín, o Magosto e o Día do Peón!
A próxima semana celebraremos tres das festas máis divertidas e esperadas polo alumnado, o Samaín, o Magosto e o Día do Peón! E o que é aínda mellor, imos facer as tres festas nunha! O mércores 30 poderemos vir disfrazos á escola, comeremos castañas asadas e desfrutaremos dun saboroso chocolate quente por cortesía da ANPA do cole e bailaremos os peóns, vai ser xenial! Por se fora pouco, remataremos a xornada cunha foliada, grazas ás familias e alumnado que voluntariamente deciden colaborar con nós. Esperámosvos a todas as familias desde as 12:00 ata as 14:00. Non faltedes, haberá festa rachada!
Gatiza, que é moi festeira, xa se enterou do evento e quérevos lembrar que podedes traer as vosas cabazas decoradas o luns 28 de outubro para facer unha marabillosa exposición na entrada da escola. Ímolo pasar de medo!
PROGRAMACIÓNS
O acceso ás programacións deste curso poderá facerse a través da aplicación PROENS. Para facelo tedes que introducir o nome do centro ou o código 15022981.
INAUGURAMOS O NOSO PDI!
O pasado venres inauguramos o noso proxecto de centro que este curso versará sobre a arte. Non se nos ocorreu mellor xeito de facelo que valorando o noso: o Perla Mural Fest.
Para isto realizamos unha andaina polos diferentes murais que adornan as rúas da nosa localidade.
Fixemos unha primeira parada no Charanguista Andino, logo nos atopamos a Anf10n, mural do recén galardonado Sfhir e por último, chegamos ao terceiro Mural da 2º edición do festival: A far l’amore comincia tu! de Leticia Mandragora.
Neste traxecto tamén puidemos observar outros murais da anterior edición, entre eles: O mellor mural do mundo.
Rematamos a andaina na praza da escola, onde nos xuntamos todos os nenos e nenas. Alí estaba para recibirnos Diego Maceiras e facer unha pequena actuación para nós. Tocou varias cancións coñecidas polos nenos e nenas entre as que destacamos a canción de Pedro, moi contextualizada, xa que nesa praza está o Mural adicado a Rafaella Carrá.
Xuntamos así a pintura e a música, artes que este curso terán especial importancia na nosa escola.
Non queremos deixar de dar as grazas a Diego por participar nesta actividade tan fermosa e pola súa disposición este día e sempre.
Cando chegamos ao cole levamos a cabo a nosa tradicional votación para darlle título ao proxecto. O título gañador foi: TRANSFORMARTE con 76 votos.
Comezamos!
APRENDENDO A REMAR NA AUGA
Saúdos, familias!
Hoxe tivemos o pracer de rematar a actividade de remo promovida polo Clube de Mar de Mugardos. Lembrádevos que foron tres as tarefas organizadas: visita ao centro cos remoergómetros (como primeira toma de contacto); despois fomos ao IES de Mugardos a unha competición de remoergómetros entre nós e todos os colexios do concello de Mugardos, para rematar hoxe coa verdadeira posta en práctica no medio acuático.
Había moitos nervios pola inseguridade que supón un medio ao cal non estamos acostumados. Unha vez dadas as explicacións pertinentes e colocados os chalecos, dispoñémonos por quendas de 8 persoas, a ir montando na barca facendo unha pequena ruta polo mar. Finalmente a experiencia foi moi positiva e todo saíu xenial. Esperamos poder repetir en vindeiras ocasións.
Quero agradecer enormente a Jorge, o entrenador do Clube do Mar de Mugardos, o seu interese en vir ao colexio a presentarnos este deporte tan descoñecido entre o alumnado así como o resto de actividades organizadas.
Deixámosvos unha mostra pequena do día de hoxe.
TENIS NA ESCOLA!!!
Saúdos, familias!
Un ano máis, solicitouse desde o colexio, o programa educativo "Tenis en la Escuela" promovido pola Federación Galega de Tenis. Nesta ocasión tocounos a cesión do material (raquetas e pelotas de tenis) durante as primeiras semanas de xuño.
Queremos agradecer de novo á escola de tenis "Justo al revés", co propio Justo mailo compañeiro Juan Carlos, por ter interés en vir a darlles e ensinarlles ao alumnado unhas sesións de tenis de xeito totalmente voluntario. Seguirémolo solicitando no seguinte curso académico.
MILLA INTERXERACIONAL CONCELLO DE FENE
Ola, familias!
A continuación plásmase unha pequena mostra dos/das atletas que temos no colexio. Foron partícipes o pasado mes de maio, a cando máis nenos/as, na 1ª Carreira Popular Interxeracional organizada polo concello de Fene. Alí déronse cita moitos rapaces/as desde os 3 anos até a idade máis lonxeva. Discorreron nun tramo adaptado ás idades de cada grupo pola zona do pavillón de San Valentín. Ao remate déronlles a todos e todas os/as participantes cadansúa medalla. Ben orgullosos estaban, velaí a mostra.
Parabéns a todos e todas por querer participar!!!
FORMALIZACIÓN DE MATRÍCULA
Deixámosvos o horario e a documentación precisa para a formalización de matrícula do alumnado de nova incorporación ao centro.
Atoparedes o ANEXO III-I como adxunto a esta publicación ou poderedes recollelo no centro no momento da matrícula.
Traballo do terceiro ciclo sobre os ODS
Entrade en cada obxectivo para ver o vídeo correspondente do alumnado de 5º e 6º de primaria. Agardamos que os desfrutedes e aprendades sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible cos nosos nenos e nenas.
Maios e Letras Galegas 2024
O pasado xoves 16 de maio celebramos na escola a festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.
Tivemos a sorte de contar coa axuda dunha chea de familias que viñeron colaborar para axudarnos a confeccionar os nosos tres maios.
Traballamos e tamén desfrutamos xuntas e xuntos. Ao final, entre todas e todos creamos tres maios preciosos e cheos de cor que levamos para a pista cuberta da escola para continuar alí coa celebración.
O alumnado de sexto fixo unha lectura sobre a vida de Luísa Villalta e tamén recitou dous dos seus poemas.
Todas xuntas e xuntos, alumnado, profesorado e familias, cantamos o noso xa tradicional "Seresín, seresán". Ademais, este ano, escollemos tamén a canción "Cruel Filosofía", de A Banda da Loba, xa que a letra pertence á autora homenaxeada, Luísa Villalta.
Foi unha xornada preciosa, festexando a primavera e a nosa literatura! Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos dar as grazas a todas as familias que se implicaron e colaboraron con nós, facendo este día tan bonito e especial.
Que vivan os Maios e as Letras Galegas!!!
Entrega de documentación de axudas para libros de texto, material escolar e fondo solidario
Deixamos a continuación a publicación da Orde no DOG na que se recolle todo o relativo a estas axudas e á documentación a entregar:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240520/AnuncioG0761-080524-0003_es.pdf