Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Samaín, Magosto e Día do Peón: Festa rachada!

O pasado mércores 30 de outubro celebramos na escola tres das festas preferidas polo alumnado: o Samaín, o Magosto e o Día do Peón.

Ao longo da semana, as nenas e nenos foron traendo as súas cabazas decoradas, todas espectaculares. Cada ano supéranse en creatividade!

 

Entre toda a comunidade educativa fomos ambientando o colexio durante os días previos. Alumnado, profesorado e ANPA colaboramos para decorar a escola, que quedou xenial!

O mércores pola mañá cedo chegamos todas e todos cos nosos disfraces á escola. Había de todo: momias, esqueletos, bruxas, vampiros, lobishomes…

 

Comezamos a xornada con actividades diversas nas aulas: desfiles para lucir os disfraces, bailes, lectura a escuras de contos de medo alumeando cunha lanterna, obradoiros de Samaín e outono…

A continuación, chegou o momento das “Lecturas compartidas”, unha actividade organizada polo equipo de Biblioteca e as titoras de terceiro ciclo. O alumnado de 5º e 6º leulles contos relacionados co Samaín en lingua galega ao resto de nenos e nenas da escola.

Despois desfrutamos dunha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA, que convidou a todo o alumnado a estes deliciosos manxares. As familias tamén estaban convidadas e acompañáronos durante a festa.

 

Cos bandullos cheos, chegou a hora de bailar os peóns. Que ben se lles dá a algunhas e algúns!

Por último, algúns familiares e alumnado agasalláronnos cunha repichoca na que tocaron varios temas musicais tradicionais galegos e animaron o fin de festa.

Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración! Pasámolo de medo!