Skip to Content

Artigo de opinión en Pontevedra Viva - CEP Campolongo - 50º Aniversaio

 Artigo sobre o 50º Aniversario enviado polo mestre Nito a Pontevedra Viva con motivo do 50º Aniversario:

Unha das coplas do maio deste ano canta:

Xa chegamos aos cincuenta,
estamos de aniversario
cantaremos vellos contos
repasando o calendario.

E así está sendo. Comeza o curso coa proclamación do evento, a copla e a pancarta deixan ver que estamos asentados na Vella Estación. Algunhas actividades, sendo as mesmas doutros anos, levan a man da data sinalada, O Magosto, A Trompada, A Milla do 50º Aniversario, A Camelia. No DENEP (Día da Paz) engadímoslle ao himno: "Somos de Campolongo, estamos de aniversario, coa fresca auga do Gafos, dámonos para cantar, arelas rexas, pactos de amor, non violencia e paz".

A actividade máis longa, laboriosa e dixital, é integramente do aniversario, esta é o curso de formación do profesorado que leva por título "Dixitalización do CEP Campolongo co motivo do 50º Aniversario". Son moitas as fotos e os recortes de prensa que se atopan no centro e que decidimos facelos visibles para toda a comunidade. Trátase de escanear, de ordenar e coñecer a historia desta nosa escola. Unha vez subida a información á páxina web, decidimos facer actividades recreativas dixitais, sopas de letras, xogos de memoria, brincaletras, etc. dos 50 anos de historia. Levan por nome "Efemérides". Atópanse dentro da Aula Virtual. Acompañan a estas, pero xa na páxina web, os artigos da Historia de Campolongo, como o "De Sanatorio Santa Teresa a C.R.E. Santiago Apostol" o da "Crónica da Casa e linaxe dos Marqueses de Leis", a do "Pazo de Campolongo e o seu abandono ", a dos "Cambios da Praza de Galicia", a da "Historia da
Igrexa San Xosé", o do "Conflito da adscrición do EEI Crespo Rivas" ... Hai outros pendentes, como por exemplo, o do edificio da Audiencia e o do Cuartel de Campolongo.

Xunto cos artigos puxemos outras categorías na páxina web para poder ver os acontecementos, ben como selección de imaxes, ben como curiosidades ou lembranzas entre outras. Unha das que está a medrar de vagar é a de Novas Deportivas, onde destacamos ex-alumnos/as que chegaron alto, tales como as irmáns Gómez Cortés, unha olímpica en Londres e a outra con algún que outro campionato de España, ou as irmáns Murio Moure en bádminton, entre outros títulos, bronce nos campionatos de España sub-21, ou tamén a de Lucía Ferrer co récord galego no salto de valados na categoria sub-23 ou a do canoísta Jaime Duro que quedou campión de de España e do mundo na categoría sub-23 na modalidade de sprint. Por suposto aínda queda algún no tinteiro.

Engadimos, como actividades especiais, a Semana do Humor, con algúns dos grandes debuxantes da actualidade pontevedresa: Kiko Dasilva, Anxo Fariña, Polo Correo do Vento... e como non, a Festa dos Maios, na que Campolongo leva dende o ano 2008 participando. Chamámoslle especial porque ten a novidade das coplas, tal e como conta a que inicia o artigo. Son anacos de historias que aconteceron dende o inicio do primeiro curso escolar, alá no ano 1973 até este ano 2023.

Xa en maio, xunto coa Festa antes comentada, temos a Semana das Letras Galegas, onde aparte de homenaxear ao ilustre Don Francisco Fernández Del Riego estamos a programar unha xornada lúdica "50º Aniversario-50 Xogos", aproveitando a colaboración do ciclo o TSEASD (Técnico Superior en Ensinanza e Animación Deportiva), do IES Sánchez Cantón.

Intentaremos rematar o curso en xuño cunha xornada lúdica-gastronómica e algunha exposición xunto cunha xornada de xadrez.

Antonio Ferrer Moreira
Mestre e animador do 50º Aniversario

Artigo relacionado



page | by Dr. Radut