Skip to Content

O Cepo de Nadal

O "Cepo do Nadal" ou "Tizón de Nadal"  era unha cepa grande de madeira boa, de carballo xeralmente, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Nalgunhas comarcas tamén se usaba o chamado "Lume novo" (as brasas deste lume, facíanse nas lareiras das casas queimando toxo ou leña miúda, logo eran benditas o Sábado Santo no adro da igrexa. Gardábanse porque daba boa sorte á familia e acendíanse na noite de Nadal).

Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da Santa Compaña, da Estadea, de mouros,  serpes, encantos, contos de rir, etc mentres os nenos xogaban. Pensábase que ás animas da familia estaban presentes esa noite arredor do lume.

Este cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun curruncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboadas de verán como no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de Nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos.



page | by Dr. Radut