Skip to Content

2013 - SEMANA DA CIENCIA - Segundo premio de debuxo infantil para Nuria Sueira Martínez do CEIP Campolongo

Durante os días 11-15 de Novembro do 2013, a Sociedade de Ciencias de Galicia, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra, a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (BRILAT) e o Liceo Casino de Pontevedra, celebrou a Semana da Ciencia 2013, dedicada a “A auga”. Para conmemorar esta semana, tivo lugar o Concurso Escolar de Debuxo “A auga”.
A declaración de 2013 como “Ano Internacional da auga” pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas é unha chamada de atención á importancia que esta ten para o mantemento do planeta e das poboacións que nel vivimos. A Sociedade de Ciencias de Galicia non quixo deixar pasar esta efemérides e, pensando que o futuro é preciso basealo no presente, creando conciencias positivas de conservación e uso racional dos recursos, organizou un evento cuxo protagonismo recaeu nos nenos, responsables dese futuro que se presume difícil e que deberán encarar con criterio e responsabilidade. No marco da Semana da Ciencia 2013 celebrouse un “Concurso Escolar de Debuxo”, sobre o tema “A auga”, que reuniu a escolares de entre 6 e 11 anos, de 16 centros educativos da Coruña, Madrid e Pontevedra, cun total de 262 debuxos.
Os debuxos expuxéronse en Liceo Casino de Pontevedra entre o 11 e o 15 de Novembro do 2013, e outorgáronse os diplomas e premios nunha sesión pública o último día desa Semana da Ciencia. Os premios foron patrocinados pola Sociedade de Ciencias de Galicia, o Liceo Casino de Pontevedra e a Estación
Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra. O xurado que fallou os premios estivo composto por:  José Benito Peleteiro Alonso, Científico Titular do Instituto Español de Oceanografía, membro da Sociedade de Ciencias de Galicia (SCG), Presidente. Ana M. Martínez Fernández, Catedrática do IES Sánchez Cantón, membro da SCG, Vocal. M. do Carmen Martínez Rodríguez, Investigadora Científica do CSIC na
Miisón Biolóxica de Galicia, Vocal. Alez Vázquez Palacios, artista plástico, Vocal. Luisa Martínez Lorenzo, responsable de Cultura Científica na Delegación do CSIC en Galicia, Vocal. Icíar Solano Sabell, vogal da Xunta de Goberno do Liceo Casino, membro da SCG, Secretaria.
Os premios que se outorgaron foron: Diploma a 59 finalistas das tres categorías (6-7, 8-9 e 10-11 anos).
Primeiro Premio, consistente en 100 € en material de debuxo ou librería, a cada un dos gañadores das tres categorías. Segundo Premio, consistente en 50 € en material de debuxo ou librería, a cada un dos gañadores das tres categorías. O segundo premio na categoría 10/11 anos foi para alumna de Campolongo, Nuria Sueira Martínez.



page | by Dr. Radut