O BANCO DA AMIZADE

 

BANCO DA AMIZADE

A semana pasada recibimos na nosa escola unha visita moi especial:

O BANCO DA AMIZADE, que non é un banco calquera!!!!

 O mércores, a orientadora do noso cole, a “profe” Ángeles, veu falar con nós e contounos unha fermosísima historia.

Tratábase do acontecido cun bidueiro moi grande que medrara solitario nun recuncho afastado do bosque. A falta compañía facía que se sentise cada vez máis triste e, por iso, as súas pólas parecían caídas e sen vida.

Un día, uns leñadores achegáronse ao monte para talar unha árbore coa que fabricar un banco para unha escola. Había ser un lugar de encontro, un refuxio no que poder sentar agardando unha man amiga disposta a regalar un aloumiño e a escoitar a quen  o necesitase.

Cando o bidueiro oíu o que dicían, pensou que a súa madeira podería servir para construír aquel banco. Dese xeito, sempre estaría rodeado de nenas e nenos e podería axudalos a non sentir a soidade que a el tanto o entristecera.

Así que, sen dubidalo un intre, dirixiuse aos homes para dicirlles que el quería ofrecerlles as súas pólas; que, por arte de maxia, volvían estar firmes e cheas de enerxía!

Ao principio, as leñadores quedaron abraiados, pero axiña comprenderon que era un agasallo que non podían desprezar!

Unha vez que cortaron as pólas, leváronllelas aos artesáns e artesás de HABITAR LAS FORMAS, un grupo de artistas que teñen o seu obradoiro na Coruña e que crean xoguetes de madeira preciosos.

E, como era de esperar, deseñaron e construíron o banco con tanto mimo, que resultou a máis orixinal e fermosa das súas obras!. Era realmente especial! Érao porque nacera da xenerosidade do bidueiro que quixo ofrecer todo canto posuía para axudar a quen necesitase amizade.

Por esa razón, decidiron renderlle unha homenaxe á arbore chamándolle BANCO DA AMIZADE e prestándollelo a todas as escolas do país que o solicitasen.

E mirade que sorte tivemos, que ata o día 3 de febreiro imos gozar del no patio do noso cole!!

 

Ademais, a profe Loli preparounos unha ficha sobre os bidueiros e estivemos investigando sobre o seu nome científico, as propiedades da súa madeira e as súas follas, as utilidades que se lle daban en distintos lugares do mundo...”

 

Casualmente, este venres celebraremos o DÍA DA PAZ e está ben claro que se todas as persoas ofrecésemos a nosa amizade, o mundo sería un lugar mellor!!

MOITAS GRAZAS  A 

HABITAR LAS FORMAS”!!!

ENCÁNTANOS

O BANCO DA AMIZADE!!!