ALERTA POLA CHEGADA DUNHA BORRASCA DE GROENLANDIA, CON NEVE E ONDAS DE 9 METROS

 

O alumnado de 4º de primaria observou e traballou sobre esta borrasca que nos chegou dende Groenlandia.

A borrasca provoca o primeiro aviso de nivel vermello do outono, debido a ondas de máis de oito metros na costa entre Corrubedo e Ribadeo.

Mapa de avisos previsto para o xoves, coa chegada de Cecilia.

 Galicia vivirá no que queda de semana unha situación de pleno inverno, con fortes ventos, chuvia, neve e grandes ondas no mar. A  responsable desta situación haina que buscar en Groenlandia, de onde procede a borrasca Cecilia, o nome que lle corresponde ao temporal que se deixará notar nas vindeiras horas. A principal novidade é a do primeiro aviso de nivel vermello do outono, que estará activado o xoves desde as 12 do mediodía e ata a medianoite na costa de Muros a Ribadeo, debido a mar combinada con ondas de máis de oito metros.

Tal e como explica desde MeteoGalicia Juan Taboada, “é unha borrasca que vén polo Atlántico desde Groenlandia e desprázase rapidamente ata o norte da Península, porque nas Azores hai un anticiclón que xera un corredor e trae este temporal directamente cara a Galicia”. A situación máis perigosa, con todo, estará no mar, xa que se combina a forza das ondas que viaxan polo atlántico co impulso do vento na mesma dirección, o que as fará medrar por riba dos citados oito metros.

O  xoves chegará o máis intenso con Cecilia: ademais da auga, o vento superará os 80 km/h nas provincias atlánticas, e a neve deixarase ver en gran parte do país. O aviso amarelo activouse por agora só no leste de Lugo e Ourense, pero algúns modelos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) apuntan a que se poderán ver folerpas en gran parte das dúas provincias, mesmo nas zonas máis altas de Pontevedra e A Coruña. Juan Taboada anticipa que as nevaradas por riba dos 800 metros van ser “bastante considerables” en Galicia.

A propia Aemet emitiu no mediodía do martes un aviso especial  que fala de espesores de ata 30-50 centímetros nas zonas máis altas, e de 5-10 cm entre 800 e 900 metros. A precipitación en forma de choiva podería sumar en poucas horas máis de 100 litros por metro cadrado.

Agárdase que a partir do venres a situación sexa máis estable, pero é posible que para a fin de semana regresen as chuvias e o vento con intensidade.

A partires deste texto traballaron a comprensión lectora.

 

AdxuntoTamaño
ALERTA POLA CHEGADA DUNHA BORRASCA DE GROENLANDIA.pdf315.99 KB