Petiscos de ciencia
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca, co apoio do SNL da USC, o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ co obxectivo de achegar a actividade científica á mocidade, ademais de para favorecer a divulgación en lingua galega dos contidos do labor que desenvolve a comunidade investigadora.
O certame está aberto nesta edición á participación do alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de xeito individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, remata o 15 de outubro de 2023.
As propostas presentadas a concurso deben remitirse ao enderezo de correo electrónico fcdeca@usc.gal e teñen que estar aloxadas nunha canle de YouTube baixo licenzas Creative Commons, segundo rezan as bases do certame.