Innovaugas 2022
A Xunta convocou os Premios Escolares Innovaugas 2022 para incentivar a educación ambiental entre os máis novos ao redor da utilización da auga e a preservación do medio natural.
O Diario oficial de Galicia publicou as bases desta convocatoria conxunta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dirixida ao alumnado de 1º e 2º curso de primaria de toda Galicia.
Cada centro poderá participar cunha ou varias aulas destes dous cursos. Cada aula constituirá un equipo conformado polo alumnado da aula e un docente responsable. Admitirase unha participación por aula.
O obxectivo é estimular bos costumes no uso da auga, o coñecemento dos ecosistemas hidrolóxicos, as dinámicas fluviais e os riscos asociados a eventos extremos ou ao cambio climático.
Proponse o desenvolvemento dunha peza audiovisual, dunha duración máxima de 1 minuto e mínima de 15 segundos, relacionada con algúns dos obxectivos do proxecto desenvolvido pola Xunta Innovaugas 4.0.
En cada provincia seleccionaranse catro equipos finalistas e, de entre eles, un equipo gañador por provincia, que recibirá 3.000 euros.
O profesorado participante responsable das candidaturas que resulten premiadas recibirá un diploma de Augas de Galicia que lles acredita como gañadores. Estes docentes responsables dos vídeos gañadores recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 31 de xaneiro, a través da sede electrónica da Xunta.