Premios Mil Primaveras

Os Premios Mil Primaveras son unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e contan coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Foron creados coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Con eles preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Os Premios Mil Primaveras concédense en seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado
  • Premio ao mellor proxecto novo
  • Premio á mellor comunicación e impacto
  • Premio ao proxecto máis innovador
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.)

Non se premian nin entidades nin traxectorias, senón accións, campañas, programas ou proxectos concretos e xa realizados.

Logo da interrupción do prazo inicial para presentar proxectos, ábrese un novo período desde o 27 de outubro de 2020 até o 31 de xaneiro de 2021.

 

Toda a información

Palabras clave: