eXXperimenta en feminino

A raíz da “Iniciativa 11 de febreiro” que ten como obxectivo promover a realización de actividades que dean visibilidade á muller científica e impulsen o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía, o profesorado feminino das carreiras STEM do Campus de Ourense da UVIGO impulsou eXXperimenta en feminino. O seu obxectivo principal é promover a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas e servir de polo de atracción de nenas e mozas cara á ciencia e as enxeñarías.

Con este motivo, as profesoras, científicas e tecnólogas da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría (Campus de Ourense, Universidade de Vigo) veñen organizando nos últimos anos xornadas de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro).

En febreiro de 2021, por mor da situación sanitaria, non se poderá celebrar a xornada de forma presencial. Por iso, queren poñer a disposición dos centros de ensino unha exposición virtual sobre destacadas científicas presentadas por investigadoras dos centros universitarios citados.

Esta exposición virtual está dispoñible na páxina web https://exxperimentaenfeminino.uvigo.gal/ no apartado “Exposición virtual”.

Como se pode ver na páxina web, existe a posibilidade de dispor dunha exposición de posters tipo roll-up que os centros poden solicitar para mostrala durante un tempo limitado nas súas instalacións.

 

Máis información

Palabras clave: