VIII Festival de Músicas Contemplativas

O VIII Festival de Músicas Contemplativas, promovido polo Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrecerá unha completa e diversa programación de 16 concertos durante a Semana Santa compostelá, entre o 11 e o 20 de abril. Fiel á súa vocación de diálogo entre o patrimonio musical e artístico, o festival celebra unha nova edición, que se desenvolverá en igrexas, salas de concerto e outros espazos singulares da capital de Galicia baixo o lema de ‘Tradición, diálogo e raíces’.

Música, tradición e arte únense nunha proposta que aposta pola diversidade cultural, poñendo en valor outras culturas ao lado da galega. Xapón, Afganistán e a India son algúns dos países representados este ano no festival cun programa de música espiritual, sacra e de raíz.

A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar o festival no Auditorio de Galicia o 11 de abril, e o peche correrá a cargo de tres agrupacións vencelladas ao proxecto didáctico e formativo da Orquestra Sinfónica de Galicia: Orquestra Nova, Orquestra de Nenos e Nenos Cantores. Cómpre salientar tamén a presenza no programa doutras dúas institucións musicais compostelás: a Banda Municipal de Música e o Coro de Cámara do Orfeón Terra Nosa.

Todas as entradas, agás as dos concertos do Auditorio de Galicia do 11 e do 20 de abril, serán gratuítas.

Máis información AQUÍ