Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia

O absentismo escolar é un problema ao que os centros educativos teñen que facer fronte dun xeito directo e permanente, e é motivo de preocupación, tanto para a comunidade educativa como para a sociedade en xeral, por incidir directamente no exercicio do dereito fundamental á educación.

O dereito e a obrigación de cursar a educación básica -educación primaria e educación secundaria obrigatoria- significa que, cando menos, todo o alumnado entre 6 e 16 anos debe estar escolarizado e, igualmente, asistir regularmente a clase.

O control da asistencia a clase é unha función do profesorado, e cada centro educativo debe articular a forma de promover a asistencia a clase e o procedemento para controlar esa asistencia.

Coa finalidade de establecer unhas pautas comúns de actuación elaborouse este PROTOCOLO, que é de aplicación nas ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria que se impartan nos centros educativos de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos. Ten un carácter básico e de referencia, de xeito que cada centro educativo, dentro da súa competencia e autonomía, pode adaptalo á súa realidade.

Para facilitar a xestión das faltas de asistencia a clase do alumnado e, de ser o caso, do posible absentismo, o protocolo achega unha serie de ANEXOS dos documentos ou procedementos aos que se fai referencia nas distintas fases. Entre eses documentos destacan: modelos de convocatorias de reunión coas familias, modelos de actas das reunións coas familias, modelo para o rexistro de contactos do centro educativo coas familias e modelo para a notificación do expediente de absentismo.

Cómpre sinalar, ademais, que este documento é tamén o primeiro no que se definen conceptos como o de absentismo ou expediente de absentismo, así como o que está considerado como falta xustificada ou non xustificada de asistencia a clase, con exemplos claros de que e con que documentos se pode acreditar a ausencia da aula.

Por todo o exposto, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dentro das súas competencias, ditou as INSTRUCIÓNS do 31 de xaneiro de 2014, co propósito de trasladar o protocolo xeral e de facilitar a súa aplicación nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.