Guía dixital de poesía

A Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura colaboran para promover a lectura poética nas primeiras idades a través dunha guía dixital de poesía, centrada na franxa de idade de 3 a 8 anos, que ten o propósito de dinamizar, entre os máis novos, a lectura do xénero poético, moito menos frecuente nos hábitos lectores dos cativos e que, pola súa importancia creativa e pola propia riqueza verbal, debe estar presente na lectura cotiá.

Este novo recurso está dirixido a persoas adultas que traballan na dinamización da lectura na infancia, como persoal bibliotecario que realiza funcións de animación á lectura, técnicos culturais habituais da dinamización de bibliotecas e ludotecas, mestres de educación infantil e primeiro ciclo de primaria, e tamén a pais e nais ou coidadores que desexen afrontar a lectura acompañada dos máis pequenos con fórmulas e xogos que lles permitan introducilos na descuberta da poesía dunha maneira entretida e atractiva.

A partir dunha selección de seis obras da literatura infantil e xuvenil galega, a guía ofrece materiais de apoio ao mediador con información sobre o contexto histórico, o autor, o ilustrador, os temas do poemario e bibliografía, xunto con propostas de traballo baseadas en actividades diversas e versátiles, nas que están presentes o diálogo con outras artes (como a ilustración, o teatro e a música), a creación literaria e unha vertente afectiva emocional.

Acceso á guía dixital