Galician Language
A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais o Consello da Cultura Galega (CCG) organizarán este ano o foro Galician Language, que congregará en Santiago de Compostela expertos galegos e internacionais nun encontro centrado na lingua galega. Farano no marco do quinto convenio de colaboración en materia de normalización do galego que asinaron as dúas entidades para reforzar a estreita colaboración que manteñen desde o ano 2010.
O Encontro Galician Language ten como obxectivos:
- actualizar o panorama da situación sociolingüística do galego nos aspectos máis relevantes.
- subliñar puntos de debate máis actuais.
- sinalar tendencias de futuro.
Será un foro lingüístico que permitirá ademais establecer as bases metodolóxicas e conceptuais dun volume monográfico sobre a lingua galega que se publicará nunha revista de difusión internacional, coa finalidade de o converter nunha obra de referencia rigorosa e actualizada para os ámbitos académicos.