Galicia é auga

Concurso fotográfico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Cidade da Cultura, en colaboración con Coca Cola e Balnearios de Galicia, pon en marcha o concurso fotográfico ‘Galicia é auga’, un concurso de fotografía online dirixido a público non profesional, xuvenil e adulto, co obxecto de achegarlle a exposición ‘Auga Doce’ dunha forma lúdica ao tempo que se lle convida a descubrir a arte e a beleza que agocha un dos elementos máis definitorios de Galicia.

Baixo o lema que dá nome ao evento, os participantes deberán subir ao facebook da Cidade da Cultura (www.facebook.com/cidadedacultura) imaxes que evoquen a arte que se agocha na auga doce que baña Galicia: desde a choiva aos ríos, das fontes ás fervenzas, das charcas ás augas termais; seguindo a liña discursiva da exposición.

Ademais, as imaxes que participen no concurso poderán verse e votarse a través do microsite www.galiciaeauga.com, así como nunha pantalla que se colocará no Museo Centro Gaiás, de forma que as obras presentadas pasen a formar parte tamén da exposición ‘Auga Doce’.

O concurso conta con dúas categorías:

  • xuvenil (de 13 a 17 anos)
  • adulta (a partir de 18 anos)

Os participantes poderán subir as súas fotos desde o 3 de xuño ata o 13 de xullo. O 25 de xullo, Día de Galicia, daranse a coñecer os nomes dos gañadores: tres por categoría, elixidos por un xurado profesional, e o premio especial do público, resultado da fotografía que máis votos consiga nas redes sociais.

Os sete gañadores conseguirán, por cortesía de Coca Cola e Balnearios de Galicia, vivir experiencias únicas: para a categoría xuvenil, unha aventura en kaiak polos Canóns do Sil xunto cunha estancia na Ribeira Sacra; e para a  adulta, unha fin de semana termal nun dos balnearios galegos.