Spainskills

Olimpíadas de formación profesional

Unha delegación de 23 estudantes galegos, acompañados polos seus profesores titores e por un experto por cada skill, compite desde o 13 de febreiro na 34ª edición das Olimpíadas de Formación Profesional Spainskills 2013, que se celebrarán ata o día 16 de febreiro no IFEMA de Madrid. Galicia está representada neste certame en 21 das 33 skills en competición, a través das alumnas e alumnos que obtiveron medalla de ouro na II edición das GaliciaSkills, celebradas o pasado outubro.

Nestas olimpíadas cada participante demostra a súa competencia profesional durante catro días de competición a través dunha ou varias probas de carácter eminentemente práctico.

A participación galega nesta olimpíada implica un forte compromiso por parte do profesorado, por unha banda na preparación dos competidores, tarefa do profesorado titor de cada competidor, e, pola outra, na participación na elaboración das probas así como nos distintos xurados que puntuarán aos competidores, profesorado experto, un por cada skill.

O obxectivo das Spainskills é poñer en valor a FP como un sistema de oportunidades para os estudantes, así como contribuír á difusión das posibilidades laborais destas ensinanzas. Ademais, e grazas ao apoio de numerosas empresas a este certame, convértense nun escaparate para que os estudantes da FP poidan coñecer de preto as demandas e necesidades reais dos sectores produtivos. Ademais, é unha ocasión para que as alumnas e alumnos mostren as súas competencias profesionais, o que supón unha importante oportunidade para a inserción laboral dos máis novos.

Nestas olimpíadas, organizadas polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte coa colaboración activa das Comunidades Autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, participan un total de 272 estudantes de FP de toda España. As probas poderán seguirse en directo a través do portal educativo e AQUÍ.

No seguinte enlace relaciónanse os skills nos que Galicia participa, centro educativo, alumno competidor e o seu profesor titor: Participación de Galicia no Spainskills 2013