Rede de Escolas na Nube

Trátase dun proxecto de innovación educativa que tenta desenvolver unha contorna de colaboración e aprendizaxe en comunidade, baseada en servizos ‘cloud’ e software aberto para os Centros Rurais Agrupados.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) asinarán o día 19 de abril un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de innovación educativa “Rede de Escolas na Nube”, que ten como finalidade a análise e optimización de ferramentas e metodoloxías baseadas na computación cloud (na nube) para atopar unha solución de alta calidade que permita mellorar as propostas educativas, a comunicación e o traballo colaborativo entre o profesorado, alumnado e familias das escolas rurais.

Esta innovadora solución adecúase ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRAs) de Cultura e Educación. Un CRA é un centro público ubicado na contorna rural, que imparte educación infantil e primaria, e que ten a particularidade de que está composto por varias escolas en aldeas distintas, pero que funciona como unha única escola a nivel administrativo e funcional, cun claustro común de mestres, etc. Este modelo funciona en toda España dende os anos 90, e permite proporcionar un ensino de calidade cunha alta integración nas comunidades rurais.

Na actualidade, a experiencia piloto estase a desenvolver en catro Centros Rurais Agrupados: o CRA de Vilaboa, o CRA Amencer en Ribadavia, o CRA Boqueixón-Vedra, e o CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso. Entre eles abarcan 22 escolas unitarias rurais nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, con 60 docentes e 333 estudantes dende os 3 aos 7 anos participando no proxecto dende o principio de curso.


Co proxecto Rede de Escolas na Nube a Consellería de Cultura e Educación tenta acadar unha solución tecnolóxica baseada en computación na nube á que se accede mediante un navegador web para os usuarios finais (alumnos de diferentes idades, mestres, familias). A contorna permite unha gran flexibilidade para adaptarse ao traballo de cada centro, así como permitir unha autonomía na xestión da comunicación e as propostas da aprendizaxe individualizado de cada CRA, contando con recursos como multiconferencia, repositorios na nube comúns e individuais, ferramentas de edición de contidos educativos, etc. Ademais desta contorna autónoma de centro, o proxecto tenta acadar unha solución integrada que permita a comunicación e a colaboración entre os diferentes centros de forma sinxela e superando as distancias, creando unha rede común de aprendizaxe e colaboración en comunidade.


Esta iniciativa vén de ser galardoada recentemente nos premios Computerworld 2012 Iberoamérica, na categoría ‘Cooperación ao desenvolvemento e Inclusión dixital’. Previamente, no 2011, xa recibira outro prestixioso galardón nos Premios internacionais Educared.