Foro de Emprendemento Cultural

Claves para acometer con éxito iniciativas empresariais no sector cultural

O Foro de Emprendemento Cultural traerá a Galicia catro representantes de proxectos culturais internacionais que se atreveron a emprender e poñer as súas iniciativas en marcha. A través da súa experiencia revelaranlles aos participantes os pasos que seguiron para conseguilo: como xurdiu a idea, colaboradores, recursos utilizados, erros, acertos ou consellos.

Ademais, os emprendedores de calquera sector que estean a pensar en poñer en marcha un proxecto terán unha oportunidade única de coñecer e debater cos catro convidados, extraendo ferramentas que lles poidan axudar a facer realidade a súa idea, ao tempo que se contribuirá a xerar un debate de onde saian claves para emprendementos de éxito.

Neste Foro de Emprendemento Cultural participarán representantes culturais de varios puntos do planeta como Laura Freid, directora executiva do Silk Road Project, unha organización sen ánimo de lucro que conecta músicos, compositores, artistas e audiencias de varios  continentes, promovendo a innovación e a aprendizaxe a través das artes. Xunto a ela estará William Harvey, músico e fundador de Cultures in Harmony, coa que creou máis de vinte proxectos en doce países para promover o entendemento cultural a través da música.

Ademais, o Foro de Emprendemento Cultural contará cun dos fundadores da empresa Piranha Musik, responsable do Womex, un exemplo contundente de emprendemento cultural.

Por último, o emprendemento galego tamén terá o seu representante no foro a través de Joaquín Martínez, director de Esmerarte Servicios Artísticos SL., empresa referente dentro do sector musical galego e nacional e responsable de proxectos como o Festival PortAmerica, o Vigo Transforma ou o Festival Cultura Quente.


O Foro terá lugar a partir das 17:00 horas do día 18 de abril no Museo Centro Gaiás, no marco do festival Galician Connection 2013 que se celebrará no mesmo recinto do 18 ao 21 de abril. Trátase dun laboratorio musical a cargo de oito grandes artistas internacionais, workshops, foros, charlas e un gran concerto de clausura no Museo Centro.

A participación neste Foro de Emprendemento Cultural é gratuíta e aberta a todos os profesionais das industrias culturais, ata completar o aforo. Tan só é preciso reservar praza  AQUÍ.

Máis información sobre GALICIA CONNECTION

Palabras clave: