Bolsas High School para EE.UU

A Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega elaboran conxuntamente un Programa Internacional de Bolsas High School para aqueles alumnos que desexen cursar un ano académico nun instituto de ensino público de Estados Unidos.
Esta V convocatoria está dirixida a alumnos de 4º de ESO de Galicia que, a través do seu esforzo, tivesen ata a data un excelente desempeño académico.

As Bolsas High School pretenden axudar á maduración persoal e académica dos mozos e mozas galegos, conseguindo que desenvolvan as súas habilidades lingüísticas e persoais a través da inmersión nunha cultura diferente, onde o esforzo, a implicación social e a tolerancia respecto á diversidade exemplifican valores desexables para a xuventude.

Obxectivos do Programa de Bolsas High School

Este programa persegue a consecución dos seguintes obxectivos:

  • Aprender inglés  e mellorar as aptitudes de aprendizaxe nos mozos.
  • Contribuír á formación integral do estudante.
  • Potenciar a confianza dos estudantes e a capacidade de adaptación a un novo ámbito.
  • Desenvolver a capacidade dos alumnos para avaliar os seus propios progresos.
  • Fomentar o intercambio de costumes e o respecto ás culturas.
  • Prepararse ante os retos dun mundo globalizado.

A participación no Programa require unha nota media mínima de 7,5 en 3º de ESO e unha nota mínima de 7 na materia de Lingua Inglesa. Ademais do expediente académico, un dos criterios do Programa para a selección nas distintas fases é a renda per cápita da unidade familiar do solicitante.

As inscricións (do 4 de outubro ao 18 de novembro de 2013) deben realizarse a través da páxina web www.becashighschool.org, onde tamén se poden consultar as bases e a normativa completa, así como información complementaria para pais e centros educativos interesados.