Tres exposicións percorren Galicia para dar a coñecer a vida e a obra de destacados autores da literatura galega
Unha mostra sobre Castelao e outra sobre Lois Pereiro visitan estes días o IES Ortigueira e o IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño, respectivamente, para achegarlle ao alumnado a traxectoria vital e profesional dos escritores.
O Auditorio Municipal de Celanova acolle unha exposición que conmemora os cincuenta anos da obra Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.
As tres mostras enmárcanse nunha iniciativa que promoven a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas están a percorrer Galicia a través de tres exposicións coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos pretenden difundir a vida e a obra destes recoñecidos escritores da literatura galega. Logo do seu paso polos principais museos e bibliotecas da comunidade, as mostras iniciaron o pasado mes de outubro un percorrido por diversos centros educativos das catro provincias que se prolongará ata final de ano.
Desde esta semana, a exposición sobre Lois Pereiro pode verse no IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño, onde estará ata o 27 de novembro. Durante este mesmo período de tempo, a mostra sobre Castelao permanecerá no IES Ortigueira, mentres que a exposición “Querido Balbino” fai esta semana un alto no seu paso polos centros para visitar, ata o 4 de decembro, o Auditorio Municipal de Celanova.
Unha proposta multimedia para coñecer a obra de Lois Pereiro
A mostra que protagoniza Lois Pereiro, deseñada por Ouvirmos, consiste nunha instalación multimedia composta por un muro vertical, que mostra unha liña temporal cos principais episodios da biografía do escritor a través de fotografías e textos, e mais por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que se estrutura en catro bloques: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.
En Fotografía, o alumnado pode coñecer a vida do autor a través do seu álbum fotográfico familiar.Xogando coas palabras convida os escolares a interactuar cos poemas de Lois Pereiro, creando novas palabras e compoñendo os seus versos. Mentres, A música inclúe poemas do escritor musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Nación Reixa e Radio Océano. Finalmente, ademais de presentar a súa produción literaria, a exposición permite escoitar A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.
125 anos do nacemento de Castelao
Xunto coa de Lois Pereiro, tamén forma parte deste proxecto da Xunta unha mostra sobre Castelao que conmemora os 125 anos do nacemento do intelectual. Despois do seu paso polo CEIP de Rianxo que leva o seu nome, a exposición está esta semana no IES Ortigueira para achegarlles aos alumnos e alumnas do centro a traxectoria vital e profesional de Castelao. Para isto, a mostra inclúe sete paneis de desenvolvemento teórico, que son complementados con sistemas interactivos e música ambiental.
A exposición Querido Balbino, 1961-2011. Memorias dun Neno Labrego nace co gallo de celebrar os cincuenta anos da publicación desta obra do escritor de Vila de Cruces, Xosé Neira Vilas. Comisariada polo secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, Valentín García, e por Luís Reimóndez, a mostra articúlase arredor de dous eixes que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas.
Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Deste xeito, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre o protagonista do libro, Balbino. Completan a exposición 10 obras pictóricas de autores galegos inspiradas no personaxe.
Pŕóximas paradas
Logo do seu paso polo IES Ortigueira, a exposición que conmemora o aniversario do nacemento de Castelao estará no IES Leiras Pulpeiro de Lugo do 12 ao 25 de decembro. A próxima parada da mostra sobre Lois Pereiro, o autor homenaxeado en 2011 no Día das Letras Galegas, será o CPI Vicente Otero Valcárcel do 28 de novembro ao 11 de decembro. Finalmente, o CEIP Xesús Golmar de Lalín acollerá a exposición “Querido Balbino” do 5 ao 25 de decembro.