A Rede de Dinamización Lingüística inicia o deseño do seu programa de actividades de fomento do galego para 2012

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentoulles a rede aos técnicos e técnicas como “un proxecto ilusionante e prioritario do Goberno galego que aposta pola coordinación e colaboración entre administracións para avanzar na extensión social do galego”.

 

Con este obxectivo, reuníronse esta mañá na EGAP os representantes técnicos desta entidade.
 
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentoulles a rede aos técnicos e técnicas como “un proxecto ilusionante e prioritario do Goberno galego que aposta pola coordinación e colaboración entre administracións para avanzar na extensión social do galego”.
 
A Rede de Dinamización Lingüística está a preparar o deseño do programa de actividades que poñerá en marcha durante o próximo ano para promover a extensión social do galego desde o ámbito local. Con este fin, reuniuse esta mañá a representación técnica da entidade, nun encontro que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e que foi inaugurado polo secretario xeral de Política Lingüística e presidente da rede, Anxo Lorenzo.
 
No inicio da reunión, o secretario xeral presentoulles a rede aos técnicos e técnicas como un “proxecto ilusionante e prioritario para o Goberno galego porque só desde a coordinación e a colaboración entre as administracións poderemos planificar o fomento social do idioma en todo o territorio”, asegurou. Esa prioridade suporá que a secretaría xeral vertebre a través da rede unha gran parte dos seus programas de dinamización lingüística, segundo explicou Anxo Lorenzo, que completarán a actividade propia da rede.
 
Unir esforzos entre administracións
 
Ademais de traballar nos temas que se establezan desde a rede, o secretario xeral recordoulles aos técnicos e técnicas o interese de contar coas súas propostas de actividades, así como de atender as necesidades de formación que se detecten. Finalmente, recordou que o modelo de colaboración e coordinación que inaugura a rede para avanzar na extensión social do galego supón un cambio importante para dúas administracións, a autonómica e a local, afeitas a dinámicas de traballo individuais. Por iso, o secretario xeral solicitou o esforzo de toda a representación técnica da rede para facer realidade un proxecto pioneiro en materia de dinamización lingüística que busca poñer en marcha estratexias básicas comúns en todo o territorio de Galicia.
 
Establecer as tarefas prioritarias e os procedementos de traballo
 
A reunión da Área Técnica servirá para definir as tarefas prioritarias para acometer de inmediato, así como os procedementos de traballo deste órgano da rede, encargado de elaborar a programación de actividades de fomento do galego que despois se desenvolverán a través dos seus membros. Para favorecer o traballo eficaz e operativo, a Área Técnica organizarase en comisións de traballo, que comezarán incidindo na planificación da actividade de 2012, na formación en dinamización lingüística e na oferta de recursos técnicos para o fomento do galego.
 
A Área Técnica da rede
 
Un total de 94 persoas conforman a Área Técnica da rede, unha por cada entidade adherida actualmente. Destas 94 persoas, 47 representan entidades que teñen servizo lingüístico: 44 concellos e dúas deputacións (o que representa o 65% dos servizos lingüísticos locais que existen actualmente en toda Galicia), así como tamén o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén participa na Área Técnica da rede a través do seu gabinete técnico.
 
Para estes 47 técnicos e técnicas, así como para o resto dos que conforman a Área Técnica, a rede ofrécelles por vez primeira un foro no que traballar de xeito coordinado e planificado na dinamización do galego desde o ámbito local.
Palabras clave: