O conselleiro de Cultura e Educación comparte coa Fundación Premios da Crítica de Galicia o aniversario de 35 anos de promoción e difusión da cultura e da lingua galegas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe coa Fundación Premios da Crítica Galicia o trixésimo quinto aniversario destes galardóns, destinados á promoción e difusión da cultura e da lingua galegas. Neste encontro, realizado na Bodega Martín Códax (Cambados), no que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; reuníronse boa parte dos galardoados das 34 edicións dos premios. O vindeiro 20 de outubro ditaminaranse os gañadores da 35 edición.
A Consellería de Cultura e Educación colabora en 2012 coa fundación, a través dun convenio, para promover conxuntamente o programa de actividades culturais arredor dos XXXV Premios da Crítica, nos apartados de ciencias e artes, de creación literaria, de ensaio e pensamento, de iniciativas culturais e de música e investigación.
Vázquez Abad felicitou o presidente da Fundación Premios da Crítica, Bieito Ledo, polo labor que estes premios teñen feito desde 1978 – e de forma ininterrompida- a prol de Galicia. Así mesmo, o conselleiro compartiu o xantar cos premiados asistentes ao encontro, autores que teñen contribuído á construción e crecemento da nosa cultura en multitude de eidos, como os da creación literaria, a música, as artes plásticas ou as artes escénicas e visuais.
Con motivo deste aniversario, a fundación prepara ademais o libro 35 anos de cultura galega e ten previsto celebrar sete mesas redondas - unha en cada unha das cidades galegas- nas que se fará balance do estado de cada un dos ámbitos da creación cultural en Galicia nas tres derradeiras décadas.