A Domus invita os escolares a participar na creación dunha nova exposición sobre a mente

O ano 2012 foi declarado Ano da Neurociencia en España e a Domus, o museo interactivo sobre o ser humano da Coruña, quere sumarse a isto dedicándolle á mente humana a próxima gran renovación dos seus contidos. Con este motivo, convoca un programa de participación escolar co obxectivo de crear unha gran rede neural que se exporá na sala principal de exposicións.

Doa a túa neurona

A participación neste proxecto consiste en construír unha neurona cuxa dimensión non debe superar o tamaño dun folio DINA4, é dicir, duns 30 centímetros de longo por uns 22 de ancho. A estrutura deberá ser plana e posuír certa rixidez e resistencia (podería valer o arame que se emprega en manualidades). A construción ha de simplificar ao máximo a anatomía desta célula, reproducindo tan só a súa forma (corpo celular, dendritas e axón, pero pódese achegar creatividade nos materiais e acabados, elixindo, por exemplo, diversos tipos de arames, revestíndoos con abelorios, con teas ou con cintas de diferentes texturas e cores). As neuronas poden levar un título ou un nome, para facer algunha alusión a como se construíron, quen participou, o aspecto que máis se desexe destacar etc.

Destinatarios

Con esta convocatoria, quérese invitar principalmente o profesorado de educación primaria e secundaria a introducir este tema na aula e ofrecer unha actividade que sirva de motivación para abordar e profundar na célula, que é a base do cerebro e de todos os sistemas nerviosos.

Entrega de traballos

Os escolares que desexen participar deberán entregar a súa neurona na recepción da Domus, en horario de apertura ao público, ou enviala ao seguinte enderezo:

Doa a túa neurona

Domus - Rúa de Santa Teresa, 1 - 15002 A Coruña

Deberán chegar acompañadas dos seguintes datos persoais: nome e apelidos, idade, curso e centro educativo; tamén se indicará un enderezo e un teléfono de contacto.

Aínda que o obxectivo é empregar todas as que cheguen, en caso de que sexan demasiadas, a selección será por orde de chegada. O prazo de participación terminará o próximo 30 de xuño.

Palabras clave: