Cultura e Educación convida a todos os galegos esta fin de semana á exposición Gallaecia Petrea, que se inaugurará mañá no Museo da Cidade da Cultura

A mostra poderá visitarse de forma gratuíta este venres 15 de xuño pola tarde e o sábado e o domingo en horario de 11.00 a 20.00 horas.Gallaecia Petrea, que permanecerá no Gaiás ata o 15 de decembro, funcionará como escaparate do patrimonio galego e distribuidor de visitantes, ao tempo que implica un proxecto de rehabilitación e investigación científica.
‘Gallaecia Petrea’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a todos os galegos a visitar de balde durante esta fin de semana a exposición Gallaecia Petrea, unha viaxe pola construción da cultura e da propia Historia de Galicia a través dun elemento tan emblemático e propio da nosa identidade como é a pedra. A mostra, que se inaugurará mañá, venres 15 de xuño no Museo da Cidade da Cultura, permanecerá ata o 15 de decembro, e poderá ser visitada de balde durante as súas tres primeiras xornadas: venres pola tarde, sábado e domingo.

Todos os cidadáns que se acheguen ata o Gaiás poderán disfrutar dunha exposicións que fala de nós, da nosa historia e da configuración da nosa sociedade. A pedra estivo asociada en Galicia a vida, a morte, a relixiosidade, a construción física do noso país, nos eidos rurais e urbanos. Dificilmente pódese comprender a Galicia actual se abordar a importancia que a pedra tivo na construción desta. Esta exposición é unha homenaxe a pedra, pero por riba de todo, unha homenaxe aos homes e mulleres que construíron Galicia.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea ocupará os 6.600 metros cadrados dos que dispón o museo dividida en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medievo, Moderna e Contemporánea. Cada unha delas está comisariada, pola súa vez, por destacados expertos nesas áreas como son: Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester e comisario xeral desta mostra; Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Carlos Valle, director do Museo Provincial de Pontevedra; e Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

Proxecto colectivo: 91 entidades e 76 investigadores

As 341 obras que integran esta exposición, algunhas de ata dez toneladas de peso, proceden de diferentes partes de Galicia, España e de Portugal, coa colaboración dun total de 91 institucións culturais, concellos e coleccionistas aos que a Xunta quere manifestarlles o seu agradecemento. Na lista de entidades prestatarias atópase unha ampla representación das institucións culturais de referencia en Galicia, como o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Belas Artes da Coruña, a Fundación Barrié, o Museo Provincial de Lugo, o Museo  Arqueolóxico Provincial de Ourense, ou o Museo da Catedral de Santiago de Compostela, entre outros.

Entre as institucións do resto de España, Gallaecia Petrea contará con pezas cedidas polo Museo de Arte Centro Nacional Raíña Sofía, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Arqueolóxico de Asturias, o Arquivo Histórico Nacional, o Arquivo Cartográfico e de Estudos Xeográficos do Centro Xeográfico do Exército ou o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, entre outras institucións importantes.

A mostra, que engloba o norte de Portugal e o territorio ata o río Navia (extensión da antiga Gallaecia), conta coa implicación especial dunha vintena de institucións lusas, como o Museo Nacional de Arqueoloxía de Lisboa, o Museo de Arte Antiga de Lisboa, o Museo do Abade de Baçal de Bragança ou o Museo da Rexión Flaviense de Chaves.

Gallaecia Petrea supón, polo tanto, un proxecto colectivo que levou aparellada, ademais, unha exhaustiva investigación científica a cargo de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que dá como resultado non só a propia mostra, senón tamén un catálogo de máis de 600 páxinas que representa unha minuciosa investigación sobre o patrimonio galego.

Viaxe de séculos para a historia de Galicia

Na exposición, a pedra estará presente como elemento identitario, como elemento artístico e arquitectónico, pero tamén como elemento de desenvolvemento, materia base dunha das industrias máis puxantes de Galicia (granito, lousa…). Inclúe unha aproximación dende a xeoloxía, na que, a través de presentación didácticas, se explora a Gallaecia como territorio onde se poden atopar algunhas das rochas máis antigas da península. Ademais, a mostra englobará desde un petróglifo, como elemento exclusivo que en todo o mundo só se ten atopado en Galicia, ata pezas que os grandes da escultura galega contemporánea fixeron ex profeso para esta exposición, como Francisco Leiro ou Silverio Rivas.

Escaparate do patrimonio galego

Gallaecia Petrea, ademais dunha plataforma de excepción para lles dar a coñecer o patrimonio galego aos milleiros de visitantes que se agarda que pasen polo Museo de Galicia, funcionará como distribuidor de visitantes, derivando o turismo aos diferentes puntos representados na exposición, de forma que o visitante descubra onde ir se quere saber máis sobre algún dos períodos ou territorios representados.

Asemade, Gallaecia Petrea non é só unha mera mostra expositiva, senón que supón a rehabilitación, limpeza e posta a punto dalgunhas das obras para poder exhibilas ao público na mellor das condicións, converténdose, deste xeito, nun proxecto de rehabilitación patrimonial e cultural. Así, rehabilitaranse, por exemplo, obras da Catedral de Santiago de Compostela, do Museo Provincial de Lugo, da Catedral de Mondoñedo, da Catedral de Lugo, da Catedral de Tui e do Museo Provincial de Pontevedra.

Doutra banda, a mostra compleméntase cun deseño de montaxe que dialoga co espazo do museo, un deseño gráfico no que tradición e modernidade van da man, e un proxecto audiovisual no que cinco directores galegos –Jorge Coira, Marcos Nine, Jairo Iglesias, Juan Lesta e Belén Montero- ofrecen a súa ollada ao discurso da maior exposición sobre a pedra en Galicia.

Mércores, entrada libre e de balde

Gallaecia Petrea permanecerá aberta ao público desde o 15 de xuño ata o 15 de decembro. Ata o 31 de agosto, o museo permanecerá aberto todos os días en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas. Tras esta primeira fin de semana onde a entrada será de balde, a partir do luns 17 de xuño, a entrada terá un custo xeral de 4 euros, beneficiándose dunha reducida (2 euros) estudantes, familias numerosas, discapacitados, posuidores do carné xove e grupos de máis de vinte persoas. Ademais, Gallaecia Petrea será de balde para menores de 18 anos, desempregados e xubilados. Todos os mércores a entrada será libre e de balde para toda a cidadanía.

Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia ofrece un servizo de visitas guiadas de balde, que terán lugar todos os días en dúas quendas: 12.30 e 16.30 horas. No caso de asistir grupos, é preciso realizar unha reserva a través do correo visitasmuseo@cidadedacultura.org ou no teléfono 881 995 172.

Palabras clave: