Cultura e Educación colabora no programa de exposicións co que se celebra o centenario de Eugenio Granell

A Cidade da Cultura e o CGAC acollerán dúas das cinco mostras que promove a Fundación Granell para conmemorar esta efeméride. O secretario xeral de Cultura destacou da iniciativa a súa contribución ao recoñecemento e á difusión entre a cidadanía da obra do artista
Eugenio Granell

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Fundación Eugenio Granell na celebración do centenario do nacemento do artista, para o que se promoveu un programa con cinco exposicións en diferentes instalacións culturais de Santiago.

As propostas expositivas foron presentadas hoxe na sede da fundación, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu na contribución desta iniciativa “a prol do recoñecemento e da difusión social da obra do autor”. Segundo explicou, a Consellería de Cultura e Educación colabora co programa a través da Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que acollerán dúas das cinco exposicións que se poderán ver ata final de ano noutras tantas entidades culturais en Santiago de Compostela. Tamén fixo fincapé no “traballo conxunto no que se sustenta esta iniciativa”, grazas á colaboración das entidades que participan na conmemoración do centenario de Eugenio Granell.

Tamén participaron na rolda de prensa a directora da Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o xerente adxunto do Centro Cultural Novacaixagalicia, Pedro Otero; a vicepresidenta segunda da Deputación da Coruña, María Elvira Padín; o director do CGAC, Miguel von Hafe; a subdirectora do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández; e o director do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Programa expositivo

O programa de actividades comezará o próximo 19 de xuño na Cidade da Cultura, día no que se inaugurará O encontro na poética de Eugenio Granell. A exposición, comisariada por Natalia Fernández Segarra e Eduardo López, é o punto de partida desta mostra multidisciplinar, na que se inclúen óleos, debuxos, construcións ou guaches, todos eles realizados por Eugenio Granell. A mostra poderá verse na Cidade da Cultura ata o 2 de decembro de 2012.

Eugenio Granell. Unha película de vinte minutosé a exposición que acollerá o CGAC desde o 13 de xullo ata o 4 de novembro. Nela ofrécese unha visión global das diferentes facetas dun creador e intelectual completo. Esta mostra presenta un artista multidisciplinar, que ademais da súa coñecida obra pictórica e poética, investiga e traballa coa imaxe, tanto en cine coma en fotografía. Ademais, tamén inclúe seis obras cinematográficas de Granell, obxectos persoais, gravacións domésticas, documentos gráficos e as diferentes referencias bibliográficas que dan conta do seu labor como crítico cinematográfico.

Completan esta programación expositiva as mostras O surrealismo de hoxe, que poderá verse na Fundación Eugenio Granell do 28 de xuño ao 31 de outubro; Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940-1956, que estará desde o 19 de xullo ata o 4 de novembro no Auditorio de Galicia; e O espello do pintor. Eugenio Granell nas coleccións institucionais galegas, que permanecerá no Centro Cultural Novacaixagalicia entre o 5 de xullo e o 16 de setembro.

Palabras clave: