A Consellería de Educación participou no XXXI Congreso da Asociación Nacional de Inspectores de Educación
![](http://www.edu.xunta.gal/eduga/sites/site.eduga/files/styles/node_nova/public/portada/actualidad/mira.jpg?itok=fGxMRjZO)
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de participar no XXXI Congreso da Asociación Nacional de Inspectores de Educación, realizado en Sevilla, un encontro no que o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, fixo unha análise das iniciativas levadas a cabo en Europa desde a Estratexia de Lisboa 2010 ata a actualidade.
No relatorio desenvolvido baixo o título “A educación permanente en Europa: obxectivos e actuacións”, o director xeral puxo a énfase na necesidade de ampliar unha oferta diversificada de cualificacións para a poboación, sobre todo con recoñecemento laboral, na necesidade de promover a autonomía responsable dos centros, cunha avaliación permanente dos resultados e dos recursos usados, e no papel activo que debe xogar a Inspección Educativa.
O director xeral lembrou, ademais, durante a súa intervención que a aprendizaxe permanente foi aceptada no ámbito europeo como unha dimensión necesaria da política xeral europea, fundamental para promover a empregabilidade, para a cohesión social e para o benestar da súa cidadanía. “Desde a Estratexia de Lisboa desenvolvéronse diferentes documentos teóricos, tales como o Memorándum para a aprendizaxe permanente, acordos e indicadores concretos para comprometer a acción dos países membros e das institucións europeas na mellora dos perfís formativos dos europeos e europeas”, dixo.
Ademais, o representante da consellería sinalou como algúns dos fitos neste proceso a aplicación do Proceso de Lisboa en España, o desenvolvemento do Programa de aprendizaxe permanente (2007-2013), o Marco común europeo das cualificacións para a aprendizaxe permanente ou a Estratexia de formación e educación 2020, entre outros.
Coa participación neste congreso reafírmase o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa función da Inspección Educativa como garante da calidade do sistema de ensino.
Máis información
http://www.anie-anies.es/index.php?option=com_content&view=article&id=116&Itemid=122