Concurso de carteis para celebrar desde os centros educativos o Día das Letras Galegas 2012
A secretaría xeral publicou hoxe as bases do certame, que consiste na elaboración dunha exposición arredor da vida e da obra de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do ano que vén.
A secretaría xeral publicou hoxe as bases do certame, que consiste na elaboración dunha exposición arredor da vida e da obra de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do ano que vén.
Esta iniciativa busca difundir entre o alumnado a obra, a lingua e a época do escritor, así como a situación sociolingüística do momento no que viviu.
Os centros de ensino que queiran participar no concurso poderán facelo ata o 16 de xaneiro de 2012, día no que remata o prazo para a admisión de carteis.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para promover a celebración do Día das Letras Galegas 2012 nos centros educativos. Con este obxectivo, propón a elaboración dunha exposición arredor da obra, da época e da lingua de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do ano que vén, así como da situación sociolingüística do momento no que viviu.
Segundo se recolle nas bases da convocatoria –que poden consultarse na páxina web da secretaría xeral, www.xunta.es/linguagalega, e no portal educativo www.http://www.edu.xunta.es/web/letrasgalegas2012–, o concurso conta con dúas categorías: nunha delas poden participar os centros de educación infantil e primaria e a outra está dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica. Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías.
A exposición que presente cada centro deberá estar conformada por un total de 10 carteis de 70x50 centímetros. Para cada un deles, elaboraranse unha serie de actividades para guiar a súa observación e fomentar o labor de investigación do alumnado, que se xuntarán á exposición en forma de guía ou cuestionario.
Os traballos premiados
Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros. Ademais, a mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.
Todos os centros que estean interesados en participar nesta iniciativa poderán facelo ata o 16 de xaneiro, día no que remata o prazo para a admisión dos traballos.
Obxectivos do concurso
A posta en marcha desta iniciativa responde ao interese da secretaría xeral de potenciar entre os alumnos e as alumnas o estudo da obra e da época de Valentín Paz Andrade, así como de propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica na que viviu e de difundir unha visión persoal por parte da comunidade educativa sobre a figura do escritor.
Ao mesmo tempo, o concurso pretende ser unha canle para fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas na dignificación e normalización da lingua galega, e para enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros.
Ademais, esta convocatoria aposta pola realización de actividades que fomenten a colaboración e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado. É por iso que se establece que a exposición sexa concibida como un traballo interdepartamental e que na súa elaboración estean implicados diversos seminarios. No caso dos centros de educación primaria, terase en conta a participación dos equipos de distintos ciclos.
Palabras clave: