Catro centros educativos galegos son galardoados cos Premios Nacionais de Fomento da Lectura da Prensa

Un CEIP e tres institutos galegos acaban de recibir os Premios Nacionais de Fomento da Lectura da Prensa no 2011. Deste xeito, a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional do Ministerio de Educación recoñeceu o traballo desenvolvido desde os centros galegos a prol do fomento da lectura.

Así, un dos dous primeiros premios foi para o proxecto "A arte da imaxe a través da prensa”, elaborado por Gisela García Ron do CEIP de Curtis, A Coruña. O segundo premio foi para o traballo “A prensa e construción de sentido nas escolas contemporáneas”, de Manuel Gil Labrador, profesor substituto que desenvolveu o seu proxecto nos IES Val do Asma de Chantada, IES de Melide, Fontexería de Muros,Camilo José Cela de Padrón e Espiñeira de Boiro.
 
Ademais recibiu unha mención honorífica o traballo “Fomentando a lectura de prensa desde as bibliotecas”, de Raquel Arias Arias e Eduardo Rey Moure, do IES Gregorio Fernández, Sarria. Nesta mesma categoría tamén se recoñeceu “Proxecto Revista Entrepontes”; elaborado por María Josefa Lorenzo Torea, Mercedes Vicente Risco, Rosa Conde Vieiro, Jesús Sánchez Bugallo, Juan Sotilla Varela e Guillermo Hernández Rodríguez, todos eles do IES Campo de San Alberto, en Noia, A Coruña.
 
Os centros galegos premiados representan o 40% dos recoñecementos concedidos en 2011 polo fomento da lectura da prensa. Tamén foron galardoados dous centros da Comunidade de Madrid; un de Valencia; outro de Valladolid; un de León e outro de Barcelona.