A aprendizaxe permanente en España

O Ministerio de Educación presentou recentemente o informe “A aprendizaxe permanente en España (Novas oportunidades para aprender)”

 

O documento recolle que España se situou en niveis lixeiramente superiores á media europea en participación de persoas adultas en educación e formación. Desta forma, en 2010 o 10,8% das poboacións entre 25 e 64 anos participaba en educación formal ou non formal, mentres que a cifra correspondente á Unión Europea é do 9,1%.

En maio de 2009, o Consello da Unión Europea apoiou o obxectivo de alcanzar unha porcentaxe do 15% para o ano 2020, xa que neste ano se espera que o 85% dos postos de traballo requira unha cualificación de nivel medio-alto.

Con esta perspectiva, debe preocupar a existencia de colectivos numericamente importantes que teñen unha baixa ou nula cualificación e aos que se lles debe prestar atención prioritaria para darlles a posibilidade de integración social e laboral. Entre estes colectivos están a poboación adulta (maiores de 16 anos) que carece das competencias básicas correspondentes ao ensino obrigatorio que, segundo a EPA do segundo trimestre de 2010, é do 33,5%. Tamén hai que prestarlle especial atención á poboación activa que carece de acreditación da súa cualificación profesional e que ascende ao 58,2%. Por outro lado, é prioritario o colectivo dos mozos que non obteñen o graduado en educación secundaria obrigatoria ao finalizar 4.º curso da ESO, así como o dos mozos que abandonan prematuramente os estudos, que segundo os datos de 2010 son o 28,4%.

Por este motivo, o informe establece un plan de acción que presenta, de forma sistematizada, as medidas necesarias para cumprir os obxectivos comprometidos pola Comisión Europea de incrementar a aprendizaxe de persoas adultas no período 2010-2020. Trátase, polo tanto, da necesaria concreción no ámbito nacional das políticas europeas para a aprendizaxe permanente e, especialmente, do plan de acción A aprendizaxe para adultos, sempre é un bo momento para aprender, aprobado en 2007.

Este Plan de acción 2012-2014 ten como punto de partida o Plan de acción 2007 da Comisión Europea e é resultado dun proceso de traballo impulsado polo Ministerio de Educación ao longo dos últimos tres anos. O principal obxectivo é acadar neste período unha taxa de participación do 12% e do 20%, cinco puntos máis ca o fixado pola UE, en 2020.

Este plan está dirixido ao conxunto da poboación para que poida aumentar as súas competencias profesionais, persoais ou sociais, complementando as adquiridas durante o seu paso polo sistema educativo na etapa escolar inicial. Non obstante, o plan ten como prioridade os colectivos con baixa ou nula cualificación.

Para alcanzar os obxectivos que fixa Europa para a aprendizaxe permanente, o Goberno de España proponlles ás administracións, comunidades autónomas, axentes sociais e organizacións ou entidades interesadas no sector, a coordinación das súas accións e recursos e a participación nos seguintes eixes estratéxicos, vinculados e coherentes co Plan de acción 2010-2011 do Ministerio de Educación, coa Lei de economía sustentable e co Real decreto lei 1/2011 de medidas urxentes para promover a transición ao emprego estable e a recualificación profesional das persoas desempregadas:

  • Desenvolver mecanismos que faciliten a reincorporación da poboación adulta ao sistema educativo para obter o graduado en educación secundaria obrigatoria.
  • Xeneralizar o recoñecemento de competencias profesionais como mecanismo para aumentar a cualificación da poboación activa, en particular a dos traballadores pouco cualificados.
  • Establecer novas vías de acceso á formación profesional e facer compatible o traballo e o estudo para a mocidade que o abandona prematuramente.
  • Reforzar a actualización e a adquisición de novas competencias profesionais para afrontar con éxito o cambiante mercado laboral.
  • Promover o acceso das persoas adultas ao bacharelato, á formación profesional e á universidade.
  • Ofrecer educación e formación, formal e non formal, a persoas en risco de exclusión social como estratexia de apoio á superación de situacións de pobreza e marxinación.
  • Difundir entre a cidadanía as posibilidades da formación permanente.
  • Establecer mecanismos para a mellora da calidade e a avaliación periódica da implantación das políticas relacionadas coa aprendizaxe ao longo da vida, coa participación de todos os axentes implicados.

Estes eixes estratéxicos articúlanse en 25 accións, nas cales é posible integrar as actividades actualmente en desenvolvemento e aquelas que van implantar as distintas administracións, axentes sociais e entidades da sociedade civil implicadas na aprendizaxe permanente.

Podes atopar máis información na seguinte ligazón:

http://www.educacion.gob.es/dctm/ministerio/horizontales/prensa/document...

 

Palabras clave: