Cinco ideas para crear presentacións na materia de Oratoria

O currículo da nova materia de Oratoria propón traballar con dúas modalidades discursivas de índole persuasiva: a presentación e o debate. Para levar ás aulas a primeira delas, ofrécense neste artigo cinco ideas, a modo de orientación práctica, sobre os recursos que nos poden axudar e as estratexias que convén aplicar.

José Manuel Dopazo Mella
Profesor de Lingua Castelá e Literatura
Director do IES Maruxa Mallo (Ordes - A Coruña)
xmdopazo@edu.xunta.es
 

 

Son as catro da tarde. Curso. Un relator e trinta asistentes. Unha pantalla acesa cunha presentación de diapositivas. O relator comeza a falar con voz monocorde. Pasa a primeira diapositiva, escrita de arriba a abaixo con frases minuciosas que o relator le unha por unha. Pasa á segunda, que ofrece un táboa de datos que o relator destripa afanosamente. A terceira ten unha letra tan pequena que o relator precisa achegarse á pantalla para entendela. As diapositivas vanse sucedendo. Datos, fotos encabalgadas unha enriba doutra, teorías, frases abstractas…O relator salta algunhas diapositivas argumentando que non ten tempo para explicalas. Aínda así, supera en quince minutos o tempo asignado. Unha hora e noventa diapositivas despois os asistentes abandonan o curso aburridos, desesperanzados. Ao día seguinte ninguén lembra nada do curso. Trinta horas de vida (unha por cada asistente) tiradas ao lixo.

Quen non padeceu algunha vez unha situación coma a descrita? Quen non exclamou algunha vez “vaia tarde perdida!”? Ou, pola contra, quen non leu un libro, escribiu unha novela ou planificou unha viaxe mentres estaba de corpo presente nunha conferencia improdutiva?

Necesitamos que o noso alumnado aprenda a crear presentacións eficaces, estimulantes e inspiradoras que sirvan para que o auditorio (a sociedade) reflexione, aprenda e pase á acción. A nova materia de Oratoria é un ámbito adecuado para facelo. O seu currículo considera as presentacións e os debates como as dúas modalidades persuasivas que convén traballar. Neste artigo expoñeremos cinco ideas que poden resultar prácticas para crear presentacións nas aulas.

1. Gocemos de presentacións fascinantes

Hai moitos exemplos de como a humanidade mellorou, avanzou e se fortaleceu grazas á forza inspiradora da palabra. Oradores excelentes e apaixonados conseguiron sacar o mellor de nós para poñernos ao servizo dos demais (tamén é certo que outros nos enganaron e nos levarons cara ao mal). O bloque 1 do currículo de Oratoria recoméndanos ler, ver e escoitar co alumnado discursos persuasivos que poidan ser empregados como modelos para seguir.

Xa é un tópico dicir que en www.ted.com poderemos atopar as mellores presentacións do mundo. Probablemente sexa certo. Vale a pena perderse en TED para atopar charlas sobre educación, ciencia, literatura, arquitectura, medicina… Son sempre presentacións breves (non máis de dezaoito minutos) de carácter divulgativo e ton dinámico. En todas elas están dispoñibles os subtítulos en castelán e temos algunhas, cada vez máis, con subtítulos en galego. É recomendable ver as presentacións da sección “TED in 3 minutes” nesta ligazón a súa brevidade convérteas nun material facilmente analizable polo alumnado, que poderá imitar a súa estrutura e estilo. Se comezamos coa charla de Stacey Kramer titulada “The best gift I ever survived” (que xa case ten tres millóns de visualizacións), seguro que o noso alumnado comprenderá o valor das presentacións.

Desde hai cinco anos realízase o evento TEDxGalicia. Na súa páxina web podemos atopar os vídeos con todas as charlas, algunhas delas (quizais menos das que nos gustaría) en galego.

2. Aprendamos de libros reveladores

A bibliografía sobre presentacións é abundante, pero non todos os libros nos permiten unha aplicación directa ás aulas. Estes tres títulos poden axudarnos a dar os primeiros pasos na creación de presentacións:

  • Sam Leith (2012). ¿Me hablas a mí? La retórica de Aristóteles a Obama. Madrid: Taurus

Este libro está organizado seguindo as partes da retórica clásica: inventio, dispositio, elocutio, memoria e actio. Interésanos especialmente a cantidade de exemplos de breves discursos persuasivos que nos ofrece. Todos eles están analizados e comentados de maneira moi accesible. Por exemplo, entre as páxinas 155 e 165 temos un atractivo estudo sobre o célebre discurso de Lincoln en Gettysburg. Ademais, o apartado “Campeones de la retórica” ofrécenos breves biografías de recoñecidos oradores. Ler a historia de Churchill demostraralle ao alumnado que o orador non nace, senón que se fai a base de esforzo e de non renderse ante o fracaso; e ler sobre Martin Luther King faralles ver que o irresistible poder transformador da palabra debe estar ao servizo da sociedade, da xustiza e do ben.

  • Nancy Duarte  (2012). Resonancia. Barcelona: Planeta

Nancy Duarte é unha referencia fundamental na arte de crear presentacións. O seu libro, dun deseño visual claro e atractivo, ofrece numerosos estudos de caso de discursos e presentacións. É un material excelente para traballar na aula: os discursos están comentados de maneira sinxela mediante gráficos e táboas moi suxestivas nas que se destacan os elementos fundamentais de cada discurso. Interésanos especialmente o capítulo titulado “No te sirvas de las presentaciones para hacer el mal”, no que comenta como os directivos de Enron empregaron os discursos para ofrecer unha imaxe falsa da súa compañía. É importante lembrar en todo momento que o bloque 4 do currículo de Oratoria se titula “Oratoria, valores e educación emocional”. Debemos conseguir que o alumnado empregue a oratoria como, tal e como di o currículo, “instrumento ético para a construción ou aproximación colectiva á verdade”.

  • Gonzalo Álvarez Marañón e David Arroyo García (2015). El superhéroe de las presentaciones. Barcelona: Planeta.

Trátase dun libro ameno e suxestivo, ao tempo que rigoroso e eficaz, moi adecuado para empregar co alumando da ESO. As numerosas ilustracións de David Arroyo axudan a entender con facilidade todas as utilísimas propostas de Gonzalo Álvarez sobre planificación, estruturación e deseño de presentacións. Son especialmente entretidos e proveitosos os capítulos nos que o superheroe das presentacións loita contra unha malévolo equipo encabezado por Viñetrón, Presentauro e Infotoxia, dispostos sempre a arruinar unha boa presentación.

3. Retemos o alumnado con proxectos de traballo atractivos

Na materia de Oratoria, coma en toda actividade educativa, é necesario conseguir que as aprendizaxes se convertan en experiencias vitais. É por iso que o currículo da materia, na súa introdución, recomenda a metodoloxía do traballo por proxectos. É a dita metodoloxía a que máis se parece á vida, de feito é a metodoloxía que empregamos para manexarnos na realidade cotiá: propoñémonos un gran obxectivo, preparamos un plan para conseguilo e empregamos os nosos coñecementos e habilidades (os que xa tiñamos e os que necesitamos adquirir) para ir resolvendo as dificultades previstas e imprevistas que vaian aparecendo. Os proxectos supoñen sempre un desafío (necesitaremos activar a nosa intelixencia emocional), promoven a nosa autonomía (teremos que ir atopando as nosas propias solucións) e danlle sentido á aprendizaxe (comprobaremos que todo o que aprendemos “serve para algo”). Estas características xeran inevitablemente o clima estimulante, confortable e seguro imprescindible para traballar coa oralidade.

Un proxecto pretende conseguir un produto final atractivo, vinculado aos nosos intereses e motivacións e conectado coa realidade inmediata. Enfocar a materia de Oratoria como un gran proxecto para elaborar un produto cara ao final de trimestre ou ao final de curso pode dar bos resultados. Algunhas ideas:

- A organización dun congreso sobre xuventude e medios de comunicación: o alumnado realizará presentacións para expoñer a súa análise sobre cal é a visión da adolescencia nos medios. Convidarán a expertos na materia para que os acompañen no “panel de oradores e oradoras”.

- A organización do evento “Creamos unha nova época?”: un ciclo de presentacións no que o alumnado expoña o que fará para crear a sociedade xusta, solidaria e intelixente que necesitamos no 2030. Pode contarnos cales son as súas achegas para crear unha nova ética social, para mellorar o ensino, para considerar a cultura como motor de progreso…

- A creación de vídeos con presentacións sobre “A intelixencia académica”: neses vídeos o alumnado ilustraranos sobre cales son os aspectos da intelixencia emocional que debemos desenvolver para conseguir éxitos académicos. Os vídeos estarán dispoñibles para toda a comunidade educativa.

Para poñer en marcha ideas semellantes debemos ser ambiciosos e realistas: debemos propoñerlle ao alumnado un reto difícil, pero alcanzable. Convén que traballemos con presentacións breves (non máis de cinco minutos) e sempre con público (alumnado doutros cursos, familias, veciñanza…). Si, é certo: teñen doce anos e non temos máis ca unha sesión de Oratoria á semana, pero cando retamos o alumnado a construír entre todos algo co que se sintan importantes, o seu compromiso está garantido. E todo comeza a funcionar.

4. Planifiquemos a creación de presentacións

O bloque 2 do currículo de Oratoria céntrase na elaboración do discurso persuasivo seguindo as partes da retórica clásica: inventio, dispositio e elocutio. As seguintes ideas poden axudarnos a traballar nesas fases da creación dunha presentación.

1. Durante todas as fases do traballo convén que vaiamos convencendo o alumnado, pouco a pouco, destas mensaxes:

-A protagonista indiscutible dunha presentación é a palabra pronunciada. Os medios informáticos e audiovisuais son un simple acompañamento que reforza a palabra.

-Crear unha presentación non é crear un PowerPoint, por iso o traballo que imos facer non se centrará niso. En todo caso, se empregamos diapositivas deben ser sempre visuais e sinxelas. Deben ter moi pouco texto (por suposto, queda prohibido ler a pantalla durante a presentación, pois unha presentación non é un karaoke). Quedan prohibidos os fondos predefinidos e os efectos aparentemente sorprendentes típicos dos programas de creacións de presentacións. Nas diapositivas, menos é máis: sinxeleza, claridade, naturalidade, orixinalidade. (Poden atoparse interesantes deseños de diapositivas na páxina www.slideshare.com).

-Prohíbese aburrir. Prohíbense os lugares comúns. Prohíbese non ser diferente. Prohíbese non arriscar. Prohíbese o medo a equivocarse. Prohíbese non ter erros. É obrigatorio alegrarlle o día ao auditorio. É obrigatorio conseguir que o auditorio aprenda e teña gañas de poñerse en acción.

2. Inventio: teñamos claro de que imos falar:

-Definamos a nosa mensaxe con claridade: toda presentación debe caber nunha única frase clara, breve, que faga referencia á audiencia, que afirme un beneficio para ela e que a mova á acción. Unha mensaxe non é simplemente o tema da presentación. Un exemplo de tema pode ser “Técnicas para crear presentacións”. Un exemplo de mensaxe pode ser “Necesitamos presentacións creativas”.

-Busquemos ideas para desenvolver a mensaxe: a investigación debe ser o máis completa posible. Nesta fase todo nos vale: datos, teorías, frases, citas, exemplos, narracións, experiencias persoais, debuxos, fotografías, metáforas, esquemas, analoxías, poemas, vídeos…

-Fagámonos preguntas para enriquecer as ideas atopadas: Que idea clave necesita coñecer o auditorio? Que dato nos sorprendeu máis? Que anécdota ou metáfora recolle a esencia da mensaxe? Que conflito cognitivo xeran estas ideas? Podemos ilustrar a mensaxe con algunha narración? Que citas podemos conectar coa mensaxe? Podemos debuxar a mensaxe? Como se abordou a mensaxe no pasado?

3. Dispositio: seleccionemos e organicemos as ideas:

-Seleccionemos as ideas combinando lóxica e emoción. É importante que lembremos que as persoas temos unha compoñente emocional que determina as nosas decisións (de feito, parece estar demostrado que, con máis frecuencia da que nos parece, adoptamos decisións emocionais que, logo, xustificamos racionalmente). Por iso todo discurso debe apelar equilibradamente á lóxica (coa presentación de teorías, datos, definicións, citas, analoxías, experimentos…) e á emoción (con anécdotas, casos, fotografías, vídeos ou facendo participar á audiencia con preguntas, xogos, actividades…).

-Ordenemos as ideas en esquemas organizativos claros e sinxelos. Os esquemas máis sinxelos para o alumnado son o enumerativo (as tres claves para…, catro cousas que debemos saber sobre…), o esquema de problema/solución (expoñemos un problema que lle afecte ao auditorio e propoñemos unha batería de solucións), o secuencial ou cronolóxico (presentando as nosas ideas como as fases dun proxecto ou as etapas dunha viaxe), e o esquema de comparación/contraste (expoñendo ideas a favor fronte a ideas en contra, vantaxes fronte a desvantaxes, onde estamos fronte a onde queremos estar…).

4. Elocutio: escribamos a presentación:

-Causemos unha boa impresión coa introdución: debemos esforzarnos por captar o auditorio desde o primeiro segundo. Para conseguilo podemos presentar un feito coñecido ou sorprendente, narrar unha breve anécdota que nos conduza cara á mensaxe principal, citar unha fonte recoñecida, formularlle indirectamente unha pregunta ao auditorio… Adoita funcionar ben o humor.

-Manteñamos a atención do auditorio: hai unha serie de virtudes imprescindibles nunha boa presentación: claridade estilística, fluidez expositiva e precisión conceptual. Para crear unha presentación excelente temos que ir un pouco máis alá: non nos limitaremos a expoñer ideas, senón que contaremos ideas. Podémolo conseguir propoñendo unha incógnita ou situación problemática: o noso discurso irá presentando paso a paso a solución, implicando o auditorio na investigación.

-Deixemos clara a mensaxe nunha breve conclusión: debemos preparar con moito coidado as últimas frases que vai escoitar o auditorio, pois probablemente van ser o único que se recordará da nosa presentación. Convén repetir os beneficios inherentes á nosa mensaxe, empregar unha cita ou unha anécdota memorable e chamar ao auditorio á acción.

5. Gocemos da experiencia de falar en público

A arte de falar en público pode converterse nunha afección da que é difícil liberarse. O ideal é que cheguemos a ese punto co noso alumnado de Oratoria: que queiran máis, que cando o seu traballo non saia ben de todo queiran intentalo outra vez, que cando a súa presentación sexa un éxito xa estean pensando na próxima oportunidade para atoparse cun auditorio.

O bloque 3 do currículo de Oratoria fai especial fincapé na xestión das emocións: o control das negativas e a potenciación das positivas. Debemos conseguir que o alumnado asuma como algo natural e inevitable o medo escénico, a inseguridade e o nerviosismo. E debemos conseguir que o entusiasmo, a confianza e a seguridade nun mesmo acaben apropiándose do escenario. Para iso non hai máis ca o ensaio, a práctica e o traballo na aula. Estas ideas quizais poidan axudarnos:

-Fomentemos un clima de confianza, tranquilidade e serenidade: a confianza vai nacer do dominio do tema da presentación, froito da investigación, da preparación e do ensaio; a tranquilidade, do feito de que xa sabemos que o nerviosismo nos invadirá, de que a nosa mente quedará en branco nalgún momento e de que algo poderá saír mal; e a serenidade, da certeza de que cando algo saia mal o auditorio nos animará e saberemos seguir adiante. Curiosamente, cando o alumnado asume con relaxación estas certezas, libérase da presión e deixa de equivocarse.

-Ensaiemos a comunicación non-verbal. Se o alumnado traballou ben o discurso, se sente unha paixón honesta pola súa mensaxe, transmitirá inevitablemente o seu discurso cun vigor e un entusiasmo que se percibirá en cada movemento do seu corpo. Convén dar moi poucas instrucións, quizais só as seguintes: transmitiremos seguridade se a posición do corpo é vertical e simétrica (co lombo erguido e con simetría entre os dous lados do corpo); estabilidade se as pernas están lixeiramente abertas; tranquilidade se as mans se moven con calma nun espazo imaxinario situado entre a cintura e o peito; e confianza se repasamos coa mirada a todo o auditorio mentres falamos. Despois de ensaiar, teremos que ensaiar outra vez máis, e outra vez máis. Os ensaios cunha alumna ou alumno repercuten directamente na mellora dos demais.

-Ensaiemos o emprego da voz, a expresividade das pausas e o valor do silencio: non convén, tampouco aquí, darlle moitas instrucións ao alumnado. Quizais a máis importante sexa insistir en que falar ben non é falar rápido. Despois de expoñer cada idea, debemos facer unha pausa e respirar. A transición entre cada apartado do discurso debe marcarse cun silencio, que axudará a que o auditorio interiorice o noso discurso.

-Conseguir un escenario estimulante: convertamos unha actividade académica nunha experiencia de vida. Non rematemos o noso proxecto na aula. Saiamos ao mundo. Atopemos un local axeitado: seguro que teremos cerca un auditorio, unha casa de cultura, unha biblioteca, un museo… Que o propio alumnado se encargue de xestionar a reserva do local e de deseñar un escenario sinxelo e atractivo no que apeteza poñerse a falar. Que se encargue tamén de anunciar o evento (con carteis e coa axuda das redes sociais), de convidar os asistentes e de redactar notas de prensa. Que estean orgullosos do que van facer.

Cando todo o mundo vexa do que son capaces, quererán aprender máis, quererán traballar máis, quererán crear máis. Quererán falar en público para achegar ideas que mobilicen a sociedade para transformar a realidade a mellor. Quererán conseguir que, cando teñan que falar diante de trinta persoas, todas elas sintan que esa hora foi unha experiencia que pagou a pena vivir.

 

 

Sección: