Compartindo lecturas

Por que compartir lecturas? De todos é sabido que unha cea, unha viaxe, unha película o un libro, compartíndoo, sabe mellor, deixa máis pouso..., en definitiva, recordarémolo mellor. No noso colexio levamos compartindo lecturas dende hai moito tempo e, aínda que a maioría destas prácticas son comúns a moitos centros, contar como as desenvolvemos nós é tamén un modo de compartir experiencias. A lectura compartida introduce dun xeito natural aos nenos e nenas máis pequenos na linguaxe escrita, enriquece o seu vocabulario, incentiva o interés pola lectura e estimula a sensibilidade estética a través das ilustracións. Ademais, axuda a mellorar a fluidez lectora e a expresión en público. Por outra banda, permite que os alumnos desenvolvan a habilidade de escoitar e que aumente a súa capacidade de atención e concentración. Incrementan a motivación xa que os nenos e nenas, con este tipo de actividades, séntense protagonistas. No pracer de compartir créanse vínculos afectivos e favorécense as relacións sociais entre iguais. Axuda a ter máis confianza á hora de relacionarse co contorno e participar en actividades grupais. Failles comprender o valor do traballo en equipo e a colaboración cos compañeiros e compañeiras. En definitiva, desenvólvese a intelixencia emocional ademáis das competencias.

Carmen Vicente Cordo
Coordinadora do equipo de Biblioteca do CEIP de Laredo
carmenvicente@edu.xunta.es

Contextualización

O CEIP de Laredo está situado nun lugar privilexiado da ría de Vigo, dentro do concello de Redondela, na parroquia de Chapela. Este é un barrio moi populoso, de extracción traballadora e moi vinculado a Vigo xa que, practicamente, podemos consideralo unha continuidade desta cidade.

Trátase dun colexio dunha liña, con tres unidades de educación infantil e seis de educación primaria. Contamos aproximadamente con cento cincuenta alumnos e unha comunidade educativa bastante implicada nas actividades propostas desde o centro.

Laredo foi un barrio eminentemente mariñeiro en tempos antigos, pero na actualidade perdeuse moita desta vinculación co mar e, ademais, atopámonos cun forte retroceso da fala en galego. Temos, polo tanto, a obriga de fomentar o galego entre toda a comunidade educativa.

 

Obxectivos

  • Fomentar a lectura entre o alumnado.

  • Implicar as familias no proceso educativo dos seus fillos.

  • Favorecer as relacións entre o alumnado do centro, promovendo as actividades intergrupais.

  • Mellorar a conexión do colexio co seu contorno.

  • Utilizar as redes sociais como medio para dar a coñecer o día a día do centro.

Actividades

Comezamos a formar parte do PLAMBE no curso 2012/13, pero moitas das actividades que imos describir desenvólvense con anterioridade a esta data e xa forman parte do ADN do colexio, e son das máis valoradas por toda a comunidade educativa. Todas están programadas conxuntamente entre o equipo da biblioteca, o de dinamización lingüística e o de actividades complementarias. Tamén somos conscientes de que moitas delas son máis doadas de facer nun centro das dimensións do noso e que, con máis alumnado, as dificultades serían maiores.

Podémolas dividir en tres eidos:

  • Lecturas compartidas entre nenos.

  • Lecturas en familia.

  • Compartindo lecturas no contorno.

1. Lecturas compartidas entre nenos

Os venres lectores

Esta actividade é a coñecida como apadriñamento lector que se realiza en moitos centros. No noso colexio faise desde hai moitos anos e é unha das preferidas polo nosos alumnos e alumnas.

Desenvólvese unha vez por mes, a partir do mes de xaneiro, durante a Hora de Ler do venres. A razón de non comezar antes é dar tempo ao novo alumnado a adaptarse á vida do colexio.

Normalmente, os padriños e afillados coñécense durante a festa que celebramos no Nadal e intercambian un pequeno agasallo (tarxeta de Nadal, manualidade...). Estas parellas afillado-padriño mantéñense durante todo o curso. O alumnado de sexto curso apadriñará o alumnado de tres anos, por ser o que precisa maior atención.

Os padriños e madriñas teñen que preparar na casa un conto da súa elección. Moitas veces —Día da Poesía, Letras Galegas…— somos nós os que damos consignas sobre o tipo de lectura que se vai realizar.

Ao longo do curso observamos que esta actividade favorece a creación de vínculos afectivos entre os nenos, o que se transloce nunha moi baixa conflitividade nos recreos e nos tempos de lecer, a pesar da utilización dun pequeno patio que compartimos todos ao mesmo tempo. No colexio realizamos múltiples actividades conxuntas (saídas, contacontos, xogos populares...) na que algunha vez os padriños exercen de compañeiros- titores dos máis pequenos, de tal forma que conseguimos unha maior atención por parte destes. Cómpre destacar tamén a gran satisfacción que supón esta actividade para os alumnos con NEE.

Os contacontos do noso PDI

Cada curso, o claustro de profesores elixe un proxecto documental integrado que vertebra a vida do colexio e no que a participación do profesorado é total. O ano pasado traballamos a interculturalidade, escollendo cada nivel un país. Ademais de estudar aspectos culturais, de folclore, gastronómicos etc., cada aula debía preparar unha lenda ou conto do lugar escollido e presentarllo ao resto do colexio. Deste xeito coñecemos contos de Rusia, Xapón, Turquía, A India etc. Este ano continuamos con esta mesma dinámica, adaptando os contos á temática escollida “verbas que leva o río” e traballaremos lendas e contos relacionadas cos ríos galegos.

O obxectivo fundamental é mellorar a expresión oral en galego, por ser este o aspecto máis deficitario do noso alumnado.

Os mércores contacontos e os xoves musicais

Estas son dúas novas actividades que poñemos en marcha neste curso. No Mércores Contacontos, calquera membro da comunidade escolar (pais, mestres, alumnos...) poderá contar un conto á hora do recreo. A asistencia ao contacontos é voluntaria; trátase de gozar, sen máis, dos contos e de compartir lecturas.

Nos Xoves Musicais, o que compartiremos será a nosa música favorita, o instrumento que saibamos tocar ou, simplemente, unha canción ou un baile.

2. Lecturas en familia

Para nós, a familia é un dos piares fundamentais á hora de adquirir o hábito lector. Se un neno ve os seus pais ler habitualmente ou se lle len contos antes de durmir, xa temos moito adiantado no camiño de gañar un lector. Neste sentido tratamos de involucrar as familias en diversas actividades e convertelas nos nosos cómplices nesta ardua tarefa. En xeral, a resposta destas é moi positiva, implicándose e gozando das nosas propostas.

Mochilas viaxeiras

Como na maioría dos colexios, todos os anos poñemos en marcha as mochilas viaxeiras. Nelas propoñemos unha selección de diversos materiais (libros literarios, informativos, contos en lingua inglesa, algún específico para os pais, un CD de música...) para o gozo das familias durante unha semana. Permite levar á casa libros que non se emprestan normalmente, por ser máis delicados ou fráxiles. Procuramos que algún deles estea relacionado co PDI dese curso escolar.

Cada mochila leva tamén un caderno no que os nenos e nenas e as súas familias comentan, debuxan etc. os aspectos que destacan do contido da mochila. Cada alumno comparte coa clase cales foron os libros dos que máis gozaron, que é o que aprenderon etc.

Esta actividade está moi consolidada no colexio e o alumnado espera o seu comezo con moitísima ilusión. Para algunha familia, a chegada da mochila á súa casa supón un contacto cos libros e a lectura que non teñen habitualmente, polo que pensamos que é un factor que axuda a compensar as desigualdades sociais.

 

Os diplomas das familias lectoras

Nesta actividade tratamos de fomentar que os pais e nais lean cos seus fillos dunha maneira habitual, crear unha rutina diaria, de tal xeito que a lectura sexa algo cotián para os nenos e nenas.

Nas reunións de principio de curso explícanse as razóns polas que se lles solicita a súa participación e entrégaselles un calendario do curso. Alí deberán ir marcando todos os días que len conxuntamente e, á fin de mes, o alumnado darallo ao seu titor. Ao final do curso, as familias lectoras habituais reciben o diploma de familia lectora.

Aínda que a actividade funciona bastante ben, temos que recoñecer que hai máis participación na etapa de educación infantil e nos cursos baixos de educación primaria. Parece que, unha vez que os nenos e nenas xa son autónomos coa lectura, os pais e nais “desertan” de fomentala nos seus fillos. Evidentemente, tócanos un gran labor de concienciación neste sentido.

Actividades puntuais
Mércores contacontos

Os pais e nais poden vir ao colexio contar contos para todos os nenos no recreo dos mércores.

Recomendacións lectoras

O curso pasado, co gallo do Día do Libro, todos os membros das familias se fixeron selfies recomendándonos os seus libros favoritos. Tivemos unha participación moi alta, cremos que debido á novidade do formato.

Elaboración de contos

Ao longo do curso pedimos a colaboración das familias para escribir contos de medo ou cartas de amor polo San Valentín etc. Con todos eles elaboramos O conto de medo do CEIP de Laredo ou facemos exposicións. Estes traballos pasan a formar parte dos fondos da nosa biblioteca na sección de Producións propias.

3. Compartindo lecturas co contorno

Todos os anos procuramos facer actividades lectoras que permitan a colaboración doutras entidades próximas ao noso colexio:

Relacionándonos coa Biblioteca Municipal de Chapela

Mantemos unha colaboración estreita coa biblioteca do barrio, facéndonos eco de todas as actividades que alí realizan.

Unha vez ao ano imos con todo o alumnado á biblioteca co fin de que a coñezan e alí realizamos algunha proposta de fomento da lectura.

Colaborando co IES de Chapela

O IES de Chapela ten un ciclo de Educación Infantil e, desde hai varios cursos, os alumnos veñen facer contacontos, kamishibai... e outras actividades cos nosos pequenos.

Participando na Microrrede de Bibliotecas de Redondela

Todos os colexios e as dúas bibliotecas municipais formamos parte dunha microrrede de bibliotecas que nos permite elaborar actividades conxuntamente (contos viaxeiros, recomendacións lectoras, itinerarios lectores..). O curso pasado participamos na campaña Bibliotecas Solidarias, na que intercambiamos libros de expurgo por alimentos para familias necesitadas. Compartir recursos e esforzos fai o noso traballo máis doado.

Unha proposta que realizamos hai uns anos foi un bookcrossing. Tratábase de liberar libros no parque que está ao carón do colexio e que estes libros chegasen, de casa en casa, a moitas familias. A verdade é que nunca máis soubemos deles, pero a actividade foi moi motivadora para o noso alumnado.

 

Como lle comunicamos á comunidade educativa o que facemos?

Despois de preguntarnos cal sería a mellor maneira de compartir cos demais o traballo do colexio, tomamos a decisión que utilizar o Twitter por ser unha rede social que permite a inmediatez e contar o día a día no centro, fronte ao sistema habitual do blog, máis elaborado pero tamén máis estático. Desta forma, conseguimos un aumento exponencial das visitas por parte das familias e unha maior visibilidade das actividades realizadas.

Así pois, utilizamos o noso Twitter de centro @ceipdelaredo baixo o hashtag #bibliolaredo para refundir toda a nosa actividade.

Dinámicas vertebradas pola nosa web de centro http://www.ceipdelaredo.com e desde a nosa app para Android dispoñible en Google Play.

Avaliación

Ao final de cada curso facemos avaliacións das actividades realizadas por medio de enquisas para o profesorado e o alumnado. Tamén contamos cos datos que nos ofrecen as probas estandarizadas de comprensión lectora que realiza o Departamento de Orientación e as externas de avaliación diagnóstica de cuarto de educación primaria e en terceiro no ano pasado. De todas elas podemos extraer algunhas conclusións:

  • Apreciamos, en xeral, unha mellora na comprensión lectora ao longo destes cursos.

  • Obsérvase que a fluidez lectora e a expresividade na lectura do alumnado se incrementa por mor da gran motivación que estas propostas teñen para eles.

  • Podemos constatar un aumento da sensibilidade cara á tradición literaria, valorándoa máis positivamente.

  • Pensamos que o bo clima de convivencia do centro pode estar relacionado coa realización de moitas dinámicas nas que participan todos os niveis, desde educación infantil ao último curso de primaria.

  • En case todas as actividades nas que implicamos as familias temos un bo nivel de resposta por parte destas, polo que é preciso seguir insistindo neste aspecto.

  • Todas as propostas nas que está implícito o uso das TIC e redes sociais son un medio moi valorado polo noso alumnado e permiten a integración da educación documental e a competencia lectora en todos os tipos de formatos.

  • Precisamos seguir traballando na mellora da oralidade en galego e compartir lecturas pode ser unha boa maneira de facelo

  • Continuaremos coa metodoloxía de traballo por proxectos e aprendizaxe cooperativa, porque entendemos que mellora a calidade educativa do noso centro.

Para concluír...

Os resultados positivos obtidos por todas estas dinámicas fan que sigamos pensando en proxectar lecturas compartidas. Buscaremos a complicidade das familias para conseguir un alumnado competente en todos os ámbitos da lectura, insistindo no uso da biblioteca como compensadora de desigualdades sociais.

E... que poderemos facer nun futuro próximo? Quen sabe? Por que non facer clubs de lectura para nenos e para adultos? Cando menos, seguiremos gozando, aprendendo e compartindo lecturas.

Palabras clave: 
Sección: