Planeta Igualdade

Esta experiencia atende os contidos transversais desde unha perspectiva global e integradora, desenvolvendo as competencias básicas, principalmente o tratamento da información e competencia dixital. Está encamiñada a formar o alumnado en igualdade de oportunidades e de xénero, en materia de dereitos humanos e na defensa do medio natural, co fin de xerar unha conciencia crítica e impulsar o compromiso e a responsabilidade. O proxecto adopta o coñecido lema "Actuar localmente, pensar globalmente".

C. Myriam Morán Sacristán, profesora de Inglés
myriam@edu.xunta.es
Ignacio Portela, profesor de Música
iportela@edu.xunta.es
CPI Viaño Pequeno, Trazo (A Coruña)

 

Antecedentes

Cando se creou a materia Proxecto Interdisciplinar en primeiro da ESO, o centro optou por enfocala cara á sensibilización ambiental, cunha metodoloxía cooperativa que desenvolvese as competencias  e fomentase o uso das TIC. O froito dese traballo ao longo de tres cursos íase recollendo en distintos blogs: O anainar do Tambre, Navegando polos ríos de Trazo e Á beira do río.

No curso 2011 vimos a necesidade de ampliarmos a orientación e creamos un proxecto novo: A feira das nacións. Os seus obxectivos baseábanse en lle achegar ao noso alumnado outras culturas e fomentar o aprecio á diversidade social e cultural, favorecendo así a tolerancia e o respecto á diferenza. Traballáronse os Obxectivos do Milenio (OdM), a desigualdade norte-sur, os dereitos humanos e a situación de vulnerabilidade de millóns de nenas e mulleres no mundo.

Co fin de difundirmos o proxecto na nosa contorna e darlle visibilidade ao traballo do alumnado, creamos o blog A feira das nacións.

Logo deste proxecto realizado en primeiro da ESO, durante o curso 2014/15 e no marco do programa O mundo que queremos do Plan Proxecta, naceu Planeta Igualdade. Esta experiencia é interdisciplinar e internivelar: aplicouse en todos os cursos da ESO coa participación da maior parte do profesorado, xa que compartimos unha liña de acción na nosa práctica docente: a preocupación pola consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Organización e desenvolvemento

O marco pedagóxico da nosa experiencia ten como referentes a igualdade social e de xénero, a Declaración universal dos dereitos humanos, os dereitos da infancia e a interculturalidade. Todos os recursos empregados estiveron orientados a abrir unha xanela ao mundo e iniciar así un proceso que xere conciencias críticas na procura da xustiza social.

Na fase inicial do proxecto creamos o blog Planeta Igualdade, elemento vertebrador que se situou axiña como un dos sinais de identidade do proxecto. Foi o medio fundamental para compartir o noso traballo en equipo, informar e formar en valores solidarios, visibilizar tanto as actividades como as accións solidarias e as enmarcadas no proxecto de centro. Para a difusión na rede contamos tamén co Facebook.

Obxectivos xerais

  • Sensibilizar o alumnado na loita contra a pobreza e a desigualdade.
  • Coñecer os OdM e reflexionar sobre a desigualdade social e económica no planeta.
  • Promover a igualdade de oportunidade entre os xéneros.
  • Coñecer a situación de vulnerabilidade de millóns de nenas e mulleres no mundo.
  • Favorecer o desenvolvemento dunha conciencia crítica e de actitudes solidarias e comprometidas.
  • Espertar o aprecio pola diversidade social e cultural.
  • Crear un clima de convivencia dialogante que favoreza actitudes de respecto á diferenza.
  • Tomar conciencia da necesidade de coidar o medio natural.
  • Fomentar a autonomía persoal e a toma de decisións.
  • Desenvolver as competencias básicas e as TIC.
  • Facilitar a participación activa do alumnado nun proxecto de EpD (educación para o desenvolvemento).

 

Contidos e competencias traballadas en liña coa EpD

Partimos da identificación, estudo e valoración dos dereitos de todos os nenos e nenas do mundo recoñecidos nas declaracións universais, no Estatuto de autonomía e na Constitución. O alumnado achegouse ao concepto de responsabilidade, o sentido do compromiso social respecto a un mesmo e aos demais. Creouse un espazo para a sensibilización e a reflexión, co fin de espertar as conciencias cara á construción da xustiza social. Analizamos a necesidade dun xeito de vida sustentable e respectuoso co planeta e as consecuencias dunha actuación irresponsable.

Traballouse ademais na identificación e rexeitamento de desigualdades entre mulleres e homes no mundo laboral e na vida cotiá, entendendo as diferenzas de sexo como un elemento enriquecedor e analizando as medidas que contribúen a un equilibrio de xénero e a unha auténtica igualdade de oportunidades.

Competencias relacionadas coa educación para o desenvolvemento

O alumnado con este proxecto desenvolveu as competencias seguintes:

  • Sensibilización arredor da desigualdade, a pobreza e os dereitos humanos.
  • Capacidade para analizar a información recibida por diferentes canles e extraer conclusións propias.
  • Posibilidade de expresar as súas opinións libremente, ser más asertivo ante as inxustizas sociais e o incumprimento dos dereitos humanos.
  • Competencia emocional para promover sentimentos e emocións que favorezan a promoción dos valores solidarios.
  • Sensibilización sobre o seu papel como membro dunha cidadanía dentro dun mundo global, identificándose cos problemas e asumindo a corresponsabilidade social.
  • Creatividade, deseñando e elaborando diferentes propostas artísticas como medio de denuncia.
  • Traballo en equipo para buscar solucións aos problemas propostos.
  • Respecto ás normas internas dun grupo e aprecio ao valor do traballo cooperativo.
  • Valoración dos traballos propios e dos compañeiros de forma obxectiva, partindo do esforzo realizado, analizando o proceso e o resultado obtido.
  • Compartir as actividades realizadas, mediante presentacións orais e blog.

 

Metodoloxía

O proxecto desenvolveu unha metodoloxía activa, creativa e cooperativa. Desde o comezo do curso distribuíuse o alumnado por parellas ou equipos de traballo, para a realización de tarefas, a busca e escolma de información e a elaboración das actividades propostas. O traballo en grupo foi unha das pezas angulares para desenvolver no alumnado hábitos, actitudes e valores que máis tarde desenvolverán cando sexan cidadáns adultos, como membros dunha cidadanía global.

As actividades foron variadas e promoveron a creatividade, o traballo en equipo e a reflexión. Algúns dos recursos utilizados foron o cinefórum, as TIC e internet, as artes plásticas e visuais, a música e a lectura. Teatro, fotografía, danza e plástica son medios que favorecen a comprensión e desenvolvemento dos valores de interculturalidade, igualdade, dereitos humanos, educación para a paz e as emocións.

O desenvolvemento de estratexias da linguaxe oral como instrumento de comunicación  (escoitar, preguntar, argumentar) é outro dos piares do proxecto. Trabállanse as habilidades comunicativas para mellorar a expresión de vivencias e sentimentos de forma construtiva; tamén as emocións, ademais de identificalas e verbalizalas.

O interese por fomentar a creatividade e a expresión artística viuse favorecido coa interdisciplinariedade.

Temas tratados nas actividades

Mostra dalgunhas actividades realizadas

Planeta Igualdade é un proxecto da ESO no que se implicaron todas as titorías e  departamentos didácticos. Todas as actividades están recollidas no blog.

Cadro de todas as actividades por departamentos

Situación de nenas e mulleres no mundo

Ao longo de todo o curso, en titorías e diferentes departamentos tratouse a situación de vulnerabilidade das mulleres mediante vídeos e lecturas e reflexionouse sobre a educación das nenas, a violación dos seus dereitos nos países en vías de desenvolvemento, a relación entre violencia de xénero e sida, a escravitude infantil e as desigualdades sociais. As actividades foron moi variadas: presentacións TIC, cinefórum, traballos de investigación e outras.

Librofórum La prisionera del mago

Foi unha actividade realizada polo Departamento de Lingua Castelá e Titoría. Na Titoría, en grupos, o alumnado recolleu datos sobre Filipinas, país onde se desenvolve a historia. Na materia de Lingua Castelá, partindo de vídeos sobre a escravitude infantil no mundo, analizaron a situación e expresaron as súas impresións nunha ficha. Posteriormente realizaron a análise de personaxes e temas no libro desde a perspectiva dos dereitos humanos e da infancia. Na Titoría difundíronse as opinións do alumnado no blog cun Glogster, ferramenta TIC.

O mundo que queremos do Plan Proxecta fomentou dinámicas activas, cooperativas e o traballo creativo a través de dúas actividades: o obradoiro de fotografía e o Teatro da Oprimida. Con estas actividades, o alumnado reflexionou sobre a desigualdade de xénero e comprendeu a función da arte como medio de expresión para visibilizar e denunciar a situación da muller. Coa asistencia e participación no Teatro da Oprimida (A viaxe de Ana), analizaron a situación dunha muller inmigrante en España e buscaron solucións para o conflito proposto.

 

 

Exposición fotográfica do Día Internacional da Muller

Realizaron un obradoiro de técnica e ética na fotografía, para o que analizaron exemplos da situación da muller en todos os ámbitos, modelos de muller e imaxe na publicidade. O alumnado, en equipos, tirou fotos sobre o tema e redactoulles un pé de foto. Enviaron os seus traballos por correo electrónico e elaboramos a exposición fotográfica para conmemorar o 8 de marzo.

Día 25 de Novembro

Coa participación no programa Igualar, realizáronse catro obradoiros de igualdade co obxectivo de reflexionar sobre estereotipos e relacións entre adolescentes.

1º ESO: Habilidades sociais

2º ESO: Igualdade de xénero

3º ESO: Violencia de xénero

4º ESO: Bo trato e relacións igualitarias

A auga e a vida

Co fin de coñecer a situación actual do mundo respecto da auga e de fomentar hábitos sustentables de consumo, o Departamento de Ciencias Naturais realizou ao longo do curso un exhaustivo estudo sobre a auga que incluíu:

- Falta de auga potable no mundo: orixe de enfermidades e pobreza xeneralizada.

- Análise e reflexión da situación e distribución da auga no mundo: actividades prácticas no laboratorio.

- Identificación das implicacións que o acceso e a carencia de auga potable ten nos países do norte e do sur.

Mes da historia negra nos Estados Unidos: importancia de Martin Luther King

Dado que o auxiliar de conversa é afroamericano, no Departamento de Inglés creamos esta unidade didáctica co gallo de difundir esta realidade e erradicar estereotipos e prexuízos. Os obxectivos eran:

  • Informar sobre a escravitude e a historia da cultura afroamericana  nos Estados Unidos.
  • Fomentar a empatía e sensibilizar o alumnado sobre o racismo e a discriminación no noso país e noutros.
  • Coñecer o movemento polos dereitos civís e os seus líderes máis importantes.
  • Analizar os diferentes tipos de activismo existentes.

- Presentación do tema “A escravitude, a segregación racial e a historia afroamericana” coa participación do auxiliar de conversa e a utilización de vídeos, presentacións en PowerPoint, textos e audicións como recursos.

- O movemento polos dereitos civís: personaxes relevantes na historia negra e activistas sociais.

- O alumnado de segundo escribiu biografías de personaxes afroamericanos famosos e posteriormente fixo unha  presentación oral.

70 Aniversario da Liberación dos Campos de Exterminio

Conmemorando a liberación de Mauthausen, os departamentos de Música e o de Educación Física realizaron esta actividade:

- Investigación en internet sobre o tema e vocabulario clave (xenocidio, holocausto, shoah…), ficha con preguntas xerais sobre o tema e a súa incidencia directa en España e Galicia.

- Videofórum A lista de Schindler.

- Ficha individual e reflexión individual a partir de citas e fotogramas do filme.

- Danza Liberación.

- Interpretación en directo do tema principal da BSO A lista de Schindler, danza en grupo (coreografía básica de expresión corporal).

 

 

 

Celebración do Día da Paz

- Fabricación de lanternas chinesas, coa colaboración do Departamento de Tecnoloxía, por parte do alumnado de segundo e terceiro da ESO en conxunto.

- Presentación oral de primeiro da ESO na Titoría sobre as lanternas chinesas como símbolo e a súa importancia nesta cultura. Exposición aos demais cursos da ESO.

 

 

- Nas titorías, participación na enquisa virtual da ONU Propostas para cambiarmos o mundo, e reflexión sobre o mundo que queremos, creación dun vídeo e redacción de manifestos en favor da paz. Difusión en liña dos vídeos e manifestos creados.

- Por último, conmemoración do Día da Paz coa lectura dos textos e a solta de lanternas chinesas.

Campaña de recollida de alimentos para o pobo saharauí

Esta actividade foi realizada nas titorías co obxectivo de sensibilizar o alumnado sobre a situación na  que se atopa o  pobo saharauí e fomentar accións solidarias.

1. Proxección do documental Lalia nas titorías.

  • a) Análise do documental realizando a unidade didáctica Lalia.
  • b) Escolma por parte do alumnado das frases que máis impacto lle causaron e xustificalas.
  • c) Compartir no blog este traballo utilizando unha ferramenta web.

2. Proxección do documental Sáhara Marathon e coloquio posterior sobre activismo e compromiso social.
3. Charla da ONG Solidariedade co Pobo Saharauí: información sobre a vida nos campos de refuxiados, historia deste pobo e programas de axuda da ONG.

4. Organización da campaña de recollida de alimentos en colaboración co concello e a participación das familias.

Colaxes sobre os dereitos humanos

A expresión artística como medio de expresión para visibilizar e denunciar a situación dos dereitos humanos no mundo.

Lectura dos dereitos humanos e escolla dun deles para a realización da colaxe en equipos en primeiro e terceiro da ESO.

Avaliación

Tratáronse todos os obxectivos propostos en relación con EpD, malia que é difícil determinar o grao de consecución dalgúns deles. O traballo continuado de anos en materia de igualdade, educación ambiental e respecto á diferenza favoreceu o desenvolvemento do proxecto en toda a ESO.

O alumnado é consciente da situación de pobreza e desigualdade no mundo e desenvolveu a súa capacidade de empatía, a súa sensibilidade e coñecemento do desequilibrio no planeta.

Foi un proceso enriquecedor para o alumnado: estivo motivado, involucrado nas actividades propostas e fixo unha valoración positiva sobre o proxecto, o traballo docente e a metodoloxía empregada. Afirman que coñecen mellor o mundo que os rodea e que son máis sensibles aos problemas sociais.

A súa participación nunha acción social e o método de traballo cooperativo foilles moi gratificante. Resultoulles moi atractivo o relacionado co mundo informático: a publicación no blog dos seus traballos e os vídeos coas súas exposicións foron ferramentas moi motivadoras.

Impresións do profesorado

A actuación conxunta e coordinada do profesorado do centro e a participación en proxectos en EpD (Plan Proxecta e programa Igualar) contribuíu a evitar a dispersión das accións e a unir esforzos.

O traballo creativo, co emprego de recursos como a fotografía, o teatro, a danza e a plástica para a denuncia social, enriqueceu a formación do alumnado.  

A participación en campañas solidarias acentúa a idea de compromiso social e de que todas e todos somos corresponsables e axentes transformadores do mundo.

Colaboracións e axentes externos

A participación de todo o profesorado, especialmente desde as titorías, foi a base para conseguir un proxecto dinámico e cooperativo, no que o alumnado se implicou de xeito moi activo.

As familias do alumnado colaboraron en actividades como a recollida de alimentos e no obradoiro de fotografía. 

Foi fundamental a inclusión no Plan Proxecta-O mundo que queremos que nos ofreceu a colaboración de  Mundo Cooperante. Con esta ONG realizouse un obradoiro de desigualdades norte-sur e foi o nexo de unión para o encontro con mocidade de países do sur.

O programa Igualar, da mancomunidade comarcal de Ordes, ten como obxectivo formar criticamente a mocidade fronte aos prexuízos sexistas.

O Concello de Trazo prestou a súa colaboración de maneira puntual na acción solidaria de recollida de alimentos para os campamentos saharauís.

Contamos co apoio da ONG Solidariedade co Pobo Saharauí, que realiza actividades de sensibilización en toda a comunidade galega e desenvolve proxectos de cooperación e desenvolvemento, de axuda humanitaria e emerxencia, proxecto sanitario e de formación.

Este proxecto foi recoñecido co VII Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento  “Vicente Ferrer”, convocado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, canda o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

 

 

Sección: