Nace un proxecto, medra unha ilusión
Laura Antón Vilariño (mestra e coordinadora de EI e membro do equipo de bilbioteca)
lauraanton@edu.xunta.es
Amalia López Martínez (mestra de EP e coordinadora do equipo de biblioteca)
amalialopezmartinez@edu.xunta.es
CEIP da Espiñeira-Aldán (Pontevedra)
Contextualización do centro
O noso centro, CEIP da Espiñeira-Aldán, está situado na localidade de Aldán, unha parroquia do municipio de Cangas do Morrazo (Pontevedra). Esta localidade é a que está situada a maior distancia do núcleo urbano de Cangas e as familias presentan un nivel económico e sociocultural medio-baixo.
O recinto escolar conta cun total de 16.000 m² repartidos entre edificios e patios exteriores (pista deportiva, pavillón, xardíns, charca, horta…). Somos un colexio pequeno que, durante o desenvolvemento desta experiencia, estaba formado por un total de 69 alumnos, distribuídos en 7 unidades (dúas de educación infantil e cinco de educación primaria), e 12 profesores, incluídos titores e especialistas.
Esta experiencia iníciase e coordínase desde a biblioteca e esténdese a todos os ámbitos do centro, facendo partícipe o alumnado, o profesorado e as familias.
Introdución do proxecto
Todo empezou nos libros.
A biblioteca do CEIP Espiñeira-Aldán apostaba por un cambio metodolóxico, empezou reformando o seu espazo, achegándolles o saber aos nenos e espallándose polos corredores, escaleiras, “recunchos” durmidos, aulas e familias. Quería espertar no alumnado o afán por investigar, experimentar, facer preguntas e buscar respostas.
A biblioteca cobrou vida, xa non era un almacén de libros esquecidos, era o motor que poñía en marcha unha nova forma de facer as cousas, nacía un proxecto documental integrado (a partir de agora referirémonos a el coa nomenclatura de PDI).
A parte máis coñecida dun PDI é a súa vinculación coas distintas celebracións e conmemoracións do centro, pero, ollo!, se só nos quedamos nesta fase non sería un PDI senón un centro de interese.
A nosa aposta era máis ambiciosa, pretendiamos impulsar un verdadeiro proxecto e para iso había que introducilo no currículo, relacionalo cos estándares de aprendizaxe, vinculalo ás competencias e avalialo.
Obxectivos
- Promover a colaboración de todas as persoas da comunidade educativa.
- Utilizar a biblioteca como lugar de investigación.
- Propiciar un cambio metodolóxico no profesorado baseado no traballo por proxectos.
- Aprender a traballar en equipo.
- Incentivar a produción de traballos seguindo o método e rigor científico.
- Utilizar diferentes soportes para a investigación.
- Ampliar a curiosidade e o campo de coñecemento e o afán por aprender e comprender o mundo que nos rodea.
- Coñecer o patrimonio histórico e cultural.
- Fomentar un espírito crítico.
- Elaborar hipóteses, preguntas e explicacións de feitos e experiencias.
Arrancamos! Unha viaxe polo tempo
Máquina do tempo
O día elixido para presentar o proxecto coincide coa celebración do Día das Bibliotecas Escolares e o aniversario da nosa mascota. Espiñeiriña móstranos o vídeo das súas vacacións espazo-temporais e solicita do alumnado a axuda para resolver os misterios e enigmas que lle xurdiron ao longo das súas viaxes.
“Alea iacta est!” (A sorte está botada!). Así se despide no vídeo e así comeza para nós unha viaxe emocionante desde os albores da historia ata os nosos días. O CEIP Espiñeira emprendía un novo PDI: Unha viaxe polo tempo.
En poucos días, recibimos unha carta de Espiñeiriña coa época que reservara para cada un de nós: a Prehistoria (educación infantil), a Idade Antiga (sexto EP), a Idade Media (cuarto EP), a Idade Moderna (primeiro, segundo e terceiro EP) e a Idade Contemporánea (quinto EP). Deste xeito, cada aula era responsable da supervivencia da nosa mascota na época histórica que tiña encomendada.
Unha metodoloxía por proxectos implicaba que o alumnado reflexionase e decidise sobre a súa aprendizaxe, e de aí partimos: que sabemos, que queremos saber e onde buscamos a información.
Nós, ademais, repartimos o traballo do proxecto sobre todo en tres fases que ás veces se mesturan: documentámonos, investigamos e experimentamos. As tarefas de documentación contan sempre coa vinculación das familias, a previsión de fondos na biblioteca, a recollida de información da rede, conferencias, charlas…; nas tarefas de investigación os nosos alumnos clasifican esa información que eles mesmos recolleron, contrástana, e fan un informe, un mural, un PowerPoint…; e coa experimentación, reviven en primeira persoa oficios, personaxes, actividades, técnicas, instrumentos e modos de vida propios de cada momento histórico.
Previamente, o equipo de biblioteca deseñou unhas tarefas comúns a todas as épocas que foron aprobadas polo claustro no plan lector anual. Aínda que estas constituían o denominador común, era o alumnado o encargado de personalizalas e dirixilas en función dos seus intereses.
A orde cronolóxica das actividades comúns que desenvolvemos foi a seguinte:
Onde anda Espiñeiriña? (concurso trimestral na biblio): o noso alumnado tivo que investigar onde estaba a nosa mascota e en que época.
Onde anda Espiñeiriña
Investigamos e experimentamos (ao longo do curso): visita ao castelo de Vilasobroso, a Santiago de Compostela e ao Castro en Vigo, concerto sobre a historia da música no auditorio de Cangas, visita ao muíño de Aldán e ao bosque encantado (bosque que antigamente era propiedade dos condes de Aldán) e visita ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro.
O telexornal trimestral foi unha das tarefas máis esperadas e de máis éxito do noso PDI, entendido como unha posta en común dos avances das investigacións realizadas. Esta nova incorporación das TIC á nosa metodoloxía converteu os alumnos en verdadeiros profesionais do xornalismo e da dramatización: os reporteiros entrevistaron a homes e mulleres prehistóricos, presenciaron grandes descubrimentos da humanidade, infiltráronse nunha tribo comprobando os seus hábitos de caza e arte, entrevistaron a escravos romanos, monxes e cabaleiros, raíñas, exploradores, emperadores e escritores.
A muller ao longo da historia: as nosas alumnas puxéronlle voz ás mulleres de todas as épocas, despois de investigar sobre o seu papel desde a Prehistoria ata a Idade Contemporánea. O produto resultante foi un vídeo no que a nosa mascota viaxaba polo tempo e entrevistaba a estas mulleres.
Avoa cóntasme ou cántasme?: a historia dos nosos maiores contada por eles mesmos e recollidas polos seus netos.
Retalliños de historia: inauguramos un novo espazo de biblioteca feito en colaboración coas familias que participaron na actividade confeccionando un gran cobertor, unha forma nova de entrar na historia do noso colexio.
A roupa na historia: unha exposición sobre os cambios na moda, desde a Prehistoria ata a Idade Contemporánea; realizada coa colaboración das familias.
A liña do tempo que empeza na zona de infantil e remata na biblioteca converteu as paredes do centro nun gran mapa conceptual, onde datas, imaxes e grandes acontecementos fan un rápido percorrido pola historia, tanto no ámbito universal como local. Un grande álbum visual da investigación que permitiu que o alumnado esquematizase e secuenciase todo o aprendido.
Liña do tempo
Festa da historia: esta última actividade común converteuse nunha gran tarefa que tiña que realizar todo o alumnado, obradoiros de todas as épocas históricas: pintura rupestre, mosaicos romanos, vidreiras góticas, cociña con produtos americanos da Idade Moderna, xogos populares, música de tambores e cancións con peneiras.
O alumnado foi o encargado de preparar toda a festa: pregón, ruta, programa, horario, normas, invitacións, carteis… Cada 15 minutos os grupos rotaban en orde ascendente por todos os postos.
Tríptico da festa
A festa rematou co soterramento da cápsula do tempo, na que todas as titorías e membros da comunidade educativa engadiron un obxecto para entrar na historia do noso colexio: ósos de mamut, plumas de contos, cartas, mapas de tesouros… Esta cápsula abrirase cando pase un período de tempo non inferior a seis cursos, e lembraremos a historia deste PDI.
Cápsula do tempo
Así mesmo, o proxecto tamén estivo presente en actividades propostas desde outros equipos: mural da máquina do tempo, calendario, felicitacións de Nadal, certame de contos, o xardín e a horta...
Na biblioteca preparamos unha exposición permanente con libros de consulta en relación coas diferentes épocas históricas. Ademais, parte do equipo asumiu o seu traballo de dinamización directamente co alumnado de cada titoría, realizando con eles non só actividades de formación de usuario e fomento da lectura senón sobre todo actividades de alfabetización informacional (ALFIN) co gallo de que o alumnado adquirise as competencias e destrezas necesarias para levar a cabo as tarefas de investigación.
O proxecto nas nosas aulas de infantil e terceiro de primaria
A Prehistoria invadiu o corredor de infantil, pouco a pouco unha cova paleolítica foi collendo forma. Os nosos pequenos descubriron feitos asombrosos: a desaparición dos dinosauros e a aparición dos primeiros homínidos, sobre todo Lucy (a primeira homínida). O home evoluciona, e tamén as investigacións dos nosos pequenos: o Homo habilis e as súas ferramentas (os chopper), o Homo erectus e o descubrimento do lume.
Xorden novas tribos e clans en cada aula de infantil, os grupos cooperativos, baixo o dominio dos neandertais, toman decisións para cazar o mamut e, por último, a especie máis evolucionada, o Homo sapiens, creador de beleza, artista e grafiteiro, transforma a cova de Espiñeira nunha Altamira neoprehistórica, coas mans en positivo e en negativo, os bisontes pintados no teito e tamén as Venus da fecundidade.
A Idade Moderna tamén chegou a terceiro curso: exploradores, viaxes, artiluxios, produtos de ultramar, reis, raíñas, emperadores, comuneiros sublevados, carabelas e castelos invadiron o corredor.
As actividades da Idade Moderna comezaron co descubrimento de América e, unha vez máis, Espiñeiriña acode na nosa axuda cun xogo de pistas e retos. As pistas foron variadas, desde mapas en clave, versos con mensaxes agochadas e notas con tinta invisible que os rapaces tiveron que descifrar para, ao final, na biblioteca, atopar un cofre con moedas de ouro e un caderno datado no 1492 (de cando Espiñeiriña fixo a viaxe na nave Santa María como compañeira de Colón).
Tras repartir o botín, unha nova pista do interior do cofre levounos ao Gran Imperio, revoltas comuneiras, piratas nomeados cabaleiros, batallas gañadas e perdidas, Galileo e a mirada ao espazo, cambios de familias reais, anécdotas, sociedades inxustas, escritores brillantes… e todo isto cunha boa dose de experimentación.
Moito aprenderon estes nenos e nós con eles! Pero non só a coñecer a historia, senón tamén a traballar en equipo, a chegar a acordos, a admirar o patrimonio e, sobre todo, a recoller, seleccionar e contrastar a información, aprendendo a ser críticos e construíndo as súas propias conclusións baseadas, non en opinións, senón en feitos.
Acudimos ás mellores fontes de información: biblioteca, internet, revistas temáticas, documentais… e tamén a grandes expertos: capitán de pesca de altura, técnico sanitario, cociñeiro, conferenciantes…
Nas nosas titorías o proxecto foi medrando de tal maneira que se fixo necesario argallar un lugar no que mostrar os avances e resultados das nosas investigacións e experimentacións. Así nace a WIX, unha páxina web por e para o proxecto; en infantil cun uso máis comunicativo e divulgativo e en primaria como método de traballo.
Avaliación
Para avaliar esta experiencia tivemos en conta os seus tres grandes integrantes: profesorado, alumnado e familias.
- Profesorado: un dos grandes obxectivos que pretendiamos acadar no profesorado era un gran cambio metodolóxico no centro; este obxectivo foi acadado parcialmente posto que só unha pequena parte do claustro variou a súa práctica docente incorporando o proxecto ao seu currículo. Desde a biblioteca procurouse en todo momento que as actividades comúns fosen sempre resultado dunha investigación integrada no traballo de aula, obxectivo que non sempre logramos. Porén, todo o profesorado incorporou, con maior ou menor éxito, novos instrumentos como as rúbricas para avaliar o alumnado na tarefa do telexornal e no deseño e planificación da festa da historia.
- Alumnado: o grao de motivación conseguido no alumnado foi moi alto e satisfactorio, sobre todo nas titorías nas que as actividades foron máis alá que as propostas como comúns. O alumnado adquiriu non só coñecementos senón tamén procedementos e mellorou o seu nivel competencial. O 100 % do alumnado participou nas tarefas comúns.
- Familias: o PDI tamén contou cun gran seguimento das actividades en rede por parte das familias (visualización de telexornais, consultas e estatísticas na wix...) e unha boa participación directa no desenvolvemento de actividades como retalliños de historia, exposicións, conferencias nas aulas...
Conclusión: por que traballamos por proxectos
- Porque traballar un proxecto non é unha acumulación de contidos sen sentido senón darlle sentido aos contidos do currículo.
- Porque é preciso enmarcar a aprendizaxe nun contexto real e significativo para o alumnado.
- Porque os nenos se implican e se motivan moito máis cando son os protagonistas da súa aprendizaxe.
- Porque favorece o traballo en equipo, e traballar en equipo é enriquecedor (teñen que escoitarse, asignar responsabilidades, chegar a acordos, compartir éxitos e fracasos...).
- Porque esperta ese espírito crítico tan necesario.
Aprendemos a medir medindo, aprendemos a escribir escribindo, aprendemos a falar falando… en definitiva, aprendemos a facer facendo, e vaia se facemos!
Descubre a grande aventura que viviu o noso alumnado durante este curso 2014/15.
ARIAS CORREA, AZUCENA E VVAA (2009). O traballo por proxectos. Xunta de Galicia.
PUJOLÁS, PERE; LAGO, J. RAMÓN E VVAA. El programa CA/AC para enseñar a aprender en equipo. Universidade de Vic.
SÁTIRO, ANGÉLICA (2009). Pensar creativamente. Barcelona: Octaedro.
MAJORAL, SILVIA (2006). ¡Veo todo el mundo! Crecer juntos haciendo proyectos. Barcelona: Octaedro
Referencias lexislativas
Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).
Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE).
Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo de educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.
Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Orde do 30 de marzo de 2015 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería para o curso 2015/16.
Instrucións do 1 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares durante o curso 2014/15, nos centros docentes de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación