Senticolor

José Ángel Penas Tallón
CEIP Nosa Señora dos Remedios (Ponteareas)
jose.angel.penas@edu.xunta.es


O proxecto Senticolor está deseñado para introducir as tabletas na aula co fin de facilitar o traballo da lectoescritura, organizándonos mediante un  traballo colaborativo e interrelacionándonos coa materia de Educación Física. Todo isto, sen esquecer fomentar a creatividade, a imaxinación, a colaboración…

O lector pode indagar máis no blog Senticolor,  onde poderá atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do presente proxecto, así como no blog Con Vigo Tablets, no que aparece unha entrevista ao alumnado.

 

O ano pasado botaba a andar unha idea de traballo colaborativo que xurdiu, como outras moitas cousas, nunha xuntanza informal entre un grupo de mestras e mestres do CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas.


A idea era dar un paso máis na educación do noso alumnado, facer algo diferente, traballar en grupos colaborativos, propoñer roles, aprender, ensinar...

Como nós somos moito de retos, o reto non ía ser soamente para nós, senón que, ao presentarlles a proposta aos rapaces, o fariamos como se dun reto se tratase; máis ben un conxunto de tarefas na procura dun todo!

Tras esta primeira idea, comezou a andadura e decidimos constituír un grupo de traballo. Eramos conscientes de que había moito traballo por diante, que ía implicar dedicar moitas horas máis das que tiñamos no proxecto... e así foi como comezou todo.

O reto consistiría en ser capaces de aplicar traballo colaborativo con tabletas na aula ordinaria para a creación dunha experiencia chamada Senticolor. Chamaríase así porque partimos dun proxecto de libro escrito por Susana Lamela (mestra do CEIP Nosa Señora dos Remedios e partícipe tamén no proxecto) que traballaba as emocións e os sentimentos a través das cores. Así, e a través de diferentes tarefas, pretendiamos que os nenos lles desen cor aos seus sentimentos, participando do proxecto e empregando a lectoescritura como ferramenta de aprendizaxe.

O noso primeiro paso no proxecto tería un rol pasivo: “recibir formación” de persoas con experiencia previa nas diferentes dimensións que precisabamos: traballo colaborativo co alumnado, experiencias co uso das tabletas na aula, roles, metodoloxías e un longo etc.

A planificación estaba lista, por diante quedaban meses de traballo... o primeiro de todo foi recibir a formación para o que pretendiamos facer.

Mentres tanto, houbo que buscar de mercar tabletas, pois o centro non tiña ningunha, pero non houbo reticencias para isto en absoluto e contamos con todo o apoio desde a dirección.
 


Tras a formación, chegou a primeira parte práctica do proceso: a busca de ferramentas para empregar coas tabletas. Cada un levamos unha tableta para a casa e, tanto nos tempos mortos como en momentos de sofá e de lectura na cama..., fomos localizando e probando aplicacións que poderían ser útiles cando chegase o momento creativo na aula. Foi un proceso longo, no que creamos un modelo para que non nos repetísemos e cada un buscase dun ámbito diferente. Ao mesmo tempo, quixemos que puidese ser un banco de ferramentas para outros mestres polo que, aínda que algunhas das aplicacións que localizabamos non eran da nosa utilidade, xa as deixabamos clasificadas como interesantes para o resto da comunidade educativa.
 
Tras esta primeira busca, continuou a práctica “máis real”, co propio alumnado. Comezamos a probar as aplicacións para ilustrar e pórlle voz ao conto Senticolor, ao mesmo tempo que motivar os nenos para este camiño que iamos percorrer xuntos.

Nas xuntanzas de traballo iamos analizando como as aplicacións que escolleramos se adaptaban ao que pretendiamos facer a través de actividades cos alumnos; actividades non deseñadas para o fin Senticolor, senón parecidas, co fin de verificar que nos servirían para conseguir os diferentes obxectivos. As postas en práctica coas tabletas na aula habituaban ser os venres, para que o vindeiro martes ou mércores puidésemos analizar en conxunto, reflexionar e decidir sobre a súa idoneidade; é dicir, fomos realizando unha avaliación do proceso conforme este ía avanzando. A verdade é que poucas apps necesitamos modificar, mais ben a forma de empregalas; pero é certo que foi un proceso moi longo.

Durante esta parte do proceso nós tamén poderiamos falar de sentimentos. Ledicia sería o primeiro da lista, sen dubidalo un momento, pois o interese suscitado nos nenos, a súa forma de implicarse na tarefa e de traballar duramente non nos podía ter menos que ledos. Activos, dubidosos, prudentes, realistas, encantados... poderían entrar na longa lista que poderiamos rematar con satisfacción do resultado obtido.



Á fin chegou o gran día, seis meses quedaban atrás e comezaba un venres que daría para moito: reflexionar, aprender do realizado, compartir pensamentos... Con todo, tiñamos dúbidas: sería moi duro? Daría tempo a todo? Faríaselles longo?...

Tocou o timbre e a mañá comezou, e con ela a avaliación inicial do proxecto, consistente en analizar os sentimentos que coñecían inicialmente, dándolles un pequeno tempo para pensar. Pasado ese tempo, cada un debería dicir en alto un sentimento que se lle ocorrese e que gravariamos coa tableta para logo crear unha melodía con todos os sentimentos achegados por eles. Logo de analizar os sentimentos que coñecían, empezou a longa lista de actividades (que chamamos retos).

Sempre desde a perspectiva do traballo colaborativo, comezamos o primeiro reto, O safari de emocións, no que, a través da aplicación Color Splash Effect, lles puxemos cor aos sentimentos. Consistía en fotografarse uns a outros e asignarlle unha cor a esa cara en relación co sentimento que pretendía representar.

O segundo reto chamámolo A emoción agochada e nel entregabámoslles diferentes imaxes para que eles atopasen o sentimento que se agochaba tras elas e para o que empregamos a aplicación Skitch. Un pouco ao revés do anterior, fixemos un recompilatorio de imaxes filtradas segundo a súa cor e eles terían que descubrir o sentimento que se atopaba escondido.

A través do terceiro reto, Senticomic, decidirían un sentimento, poríanlle cara e texto respondendo á pregunta “Eu sentinme así cando...”, aplicándolle filtros tipo cómic ás viñetas e quedando montado a modo de páxina de cómic coa aplicación Comic Maker.

Tras este, o cuarto reto, no que riron o que quixeron, A árbore dos sentimentos, no que un neno de cada grupo de traballo baixaría ao recreo dos nenos e nenas de infantil para capturar diferentes sentimentos; sacaron centos de fotos das caras deses pequerrechos, pero tanta era a emoción que a maioría ía movida. De volta na aula, escolléronse as máis axeitadas e, tomando como imaxe común unha árbore do patio do noso cole, creamos esa árbore de sentimentos coa aplicación Mindomo.

O quinto reto xurdiu da idea de aproveitar un bloque de traballo na área de Educación Física, a expresión corporal, polo que o denominamos “A caixa das emocións”. Neste reto, dabámoslles unha caixa de cartón e eles debían pensar que obxecto representaba esa caixa, inventar unha aventura arredor dela e asignarlle un sentimento que resumira o que estaban a representar; neste caso non precisamos de ningunha aplicación, senón de varias tabletas para gravar/fotografar o momento.



Tras esta cantidade de actividades, chegaba o momento de volver á aula e avaliar o que aprenderan a través dunha avaliación final, na que lles pediamos que escribisen todos os sentimentos que sabían agora... Puidemos comprobar como non soamente lembraban sentimentos que comentamos ao longo da mañá, senón que incluso aparecían novos sentimentos. Para esta avaliación final empregamos a aplicación Wordcam que convertería todos eses sentimentos aprendidos nunha imaxe espectacular.

Ese 25 de abril quedará no noso disco duro por moito tempo... Falando de sentimentos, nós sentímonos coma nenos, haberá algunha palabra no dicionario que se refira a este sentimento? Haberá que buscar, he he!
 
Logo da parte práctica veu unha xuntanza coa nosa asesora, na que analizamos o noso traballo: obxectivos acadados, reflexión sobre a práctica docente, sobre o papel do alumnado, o papel das tabletas na educación, o papel de varios mestres dentro dunha mesma aula, reticencias, vantaxes, logros, uso da bitácora na casa e coa familia, estatísticas e uso das diferentes aplicacións... poderiamos seguir citando temas e non parar. Foi unha sesión moi produtiva e amena.

Unha parte importante, logo da fase práctica, consistiu en reflexionar sobre o que achegou o traballo con tabletas. Por unha banda conseguimos todos os obxectivos propostos:

  • Coñecer, experimentar e analizar as posibilidades dos dispositivos móbiles como instrumentos de creación de contidos, de comunicación e de colaboración entre o alumnado e o profesorado.
  • Investigar e pór en práctica metodoloxías de introdución das TIC nas aulas.
  • Descubrir e catalogar aplicacións para o traballo da lectoescritura.
  • Empregar as aplicacións para a creación dun conto dixital.
  • Fomentar o traballo colaborativo.
  • Elaborar un protocolo de uso dos dispositivos móbiles no centro.   

Pero non soamente nos parece significativo obter todos os obxectivos propostos, senón ver que a través de todos eles e das actividades propostas os nenos aprenderon a manexar as tabletas con destreza e autonomía, aprenderon novos sentimentos, aprenderon a manexar as súas emocións, aprenderon a colaborar en grupo para obter un resultado conxunto por riba dos éxitos individuais, déronse de conta de que as tabletas non soamente serven para xogar, senón tamén para “aprender xogando”, aprenderon a ser máis autónomos, motiváronse para continuar aprendendo na casa, implicando para iso os pais a través do blog Senticolor, etc.

Tamén puidemos comprobar, como falabamos ao final do parágrafo anterior, que na casa houbo unha grande implicación que comezou por lles prestar os dispositivos aos rapaces, continuou por sentarse a traballar con eles e, en moitos casos, finalizou por mercarlles un dispositivo adaptado para eles mesmos. Os pais e nais tamén aproveitaron actividades do blog para traballar con outros irmáns.

Cremos que a nosa práctica docente se viu moi recompensada, non soamente por acadar os obxectivos propostos, senón por ver esas cariñas no noso alumnado, por responder a preguntas que habitualmente non nos fan, por ser capaces de captar a súa atención dun modo tan positivo... por ser capaces de integrar as tabletas na aula ordinaria e nas casas, por traballar conxuntamente entre nós con gran satisfacción, etc.

 



Unha vez entregada a memoria á nosa asesora, remataban estes seis meses de traballo, non sen propoñernos continuar falando do proxecto, publicando novas entradas na bitácora, creando unha web, unha guía didáctica operativa e libre... un punto e seguido que, de seguro, algún día continuará…

 

Sección: