O Proxecto Dragal no curso 2014-15

Medrando e diversificándose

Xulia Marqués Valea
xuliatrabada@gmail.com

 

 

 

 

Por segundo ano consecutivo púxose en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega (en diante, EDLG)

Tras o éxito da 1.ª edición, celebrada o curso pasado, a iniciativa chegou este ano a oito centros educativos novos.

Os participantes no 2014-15 foron:

  • IES Rafael Puga Ramón, A Coruña
  • CPI Virxe da Cela, Monfero
  • IES da Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
  • CPI da Cañiza, A Cañiza
  • IES Castro Alobre, Vilagarcía de Arousa
  • IES de Valga, Valga
  • IES Bouza Brey, Vilagarcía de Arousa
  • IES Xesús Taboada Chivite, Verín
  • IES Cidade de Antioquía, Xinzo de Limia
  • IES Alfoz-Valadouro, Alfoz
  • IES de Becerreá, Becerreá


O Proxecto Dragal é un proxecto de dinamización multimedia e multidisciplinar que anima o alumnado a ler, a crear e a investigar en galego e que ten a súa base na triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad.
Este curso, Dragal chegou a 659 alumnos e alumnas de 1.º e 2.º curso da ESO de once centros das catro provincias galegas. Nel estiveron directamente implicados máis de 55 docentes coordinados polos EDLG dos centros educativos e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da súa coordinación central técnica.
O Proxecto Dragal contou cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais aos seus profesores. Alí puideron atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas.
Ademais, o wiki do proxecto, onde os rapaces e rapazas realizaron e compartiron traballos, renovouse con novas funcionalidades.

 

 

 

 

 

 

 

 

O desenvolvemento do proxecto de dinamización lingüística Dragal no curso 2014-15

Tiveron lugar, ao longo dos 3 trimestres, as seguintes actuacións:

1.º trimestre:

  • Lectura da novela Dragal I. A herdanza do dragón.
  • Ambientación (dragalización) dos centros.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Toma de contacto de todos os centros participantes.

2.º trimestre:

  • Sesión de formación para os docentes

O 15 de xaneiro de 2015, 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso no proxecto participaron no encontro organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). A finalidade da sesión era facer unha xuntanza inicial, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous seguintes trimestres.

  • Encontros da escritora cos rapaces e cos profesores nos centros

A escritora Elena Gallego, autora da triloxía Dragal na que se basea o proxecto do mesmo nome, visitou dende o luns 19 de xaneiro e ata o venres 29 todos os participantes.

Durante as visitas, a escritora foi presentada nos institutos polo coordinador ou coordinadora territorial dos EDLG e, a continuación, percorreu cada centro para coñecer o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado durante o 1.º trimestre, tras a lectura da primeira novela da triloxía. A continuación, mantivo encontros co alumnado nos que se referiu ao labor de investigación e de documentación previa que require a escrita dunha novela, ás razóns que a moveron a escoller a temática dos dragóns para a súa triloxía Dragal e á análise dos elementos da cultura galega nas que estes seres fantásticos están presentes.

Os encontros da escritora co alumnado constitúen unha das novidades desta 2.ª edición.

Presentación da escritora no CPI Virxe da Cela de Monfero:

  • Actuación dun contacontos profesional en cada centro

Estas actuacións iniciáronse o 13 de marzo e desenvolvéronse ao longo dos meses de marzo e abril e finalizaron o 11 de maio.

Foron concibidas a xeito de peche da actividade “detective de lendas” coa que o alumnado se veu achegando á investigación da Galicia máxica.

  • Traballo conxunto co wiki

Con esta ferramenta, actualizada, leváronse a cabo tarefas de análise da novela, de pescuda sobre onomástica persoal e de creación (elaboración de cómics, de caricaturas, de finais de narración alternativos...).

O resultado deste traballo arredor de Dragal compartiuse a través do wiki.

3.º trimestre:

  • Traballo conxunto co wiki (continuación).

O proxecto continúa desta volta centrado no patrimonio material e inmaterial galego.

  • Xogo de rol no Pico Sacro

Estaba previsto que rematase o proxecto cunha xuntanza dos participantes no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal, e coa participación conxunta nun xogo de rol. Este encontro sufriu un adiamento con respecto á data marcada de primeiro na programación.

O patrimonio inmaterial na aula dragal. En que nos centramos e como o abordamos

Estamos diante dunha actuación especialmente deseñada e destinada para os mozos, co patrimonio como obxecto e cunha finalidade moi precisa: dinamizar o seu coñecemento de cara a estimular unha participación activa das xeracións máis novas e así incidir na súa conservación.

Fixemos noso o propósito expresado por Reigosa (2012: 192) cando indicaba:

“Poñer en valor este patrimonio, concienciar os máis novos para que o coñezan, para que tomen interese polo estudo, investigación e difusión, incentivar o coñecemento e o valor das tradicións, recoñecer o mérito das persoas que coñecen e transmiten este patrimonio, reparar na oralidade como soporte de comunicación e aproveitar as novas tecnoloxías da comunicación e da información para que estes dous mundos aparentemente incompatibles, o pasado e o futuro, a tradición e a modernidade, se enriquezan mutuamente”.

- Na nosa actuación contemplamos:

Primeiramente, o feito de posibilitar un achegamento do/a alumno/a á súa contorna (lugar de orixe ou en que habita) e facilitar a súa interacción con ela. É importante favorecer a vinculación emocional cos seus referentes, así como facilitarlle os mecanismos que propicien unha participación responsable na conservación do patrimonio (Fuentes, 3).

En segundo lugar, o feito de concibir o patrimonio non unicamente como sede da memoria da cultura de onte, senón tamén como o laboratorio onde se inventa o mañá (Koichiro Matsuura, ex-director xeral da UNESCO, recollido en Roque 2010: 178).

En terceiro termo, o feito de explicitarlles ás novas xeracións que sentido se lles outorga no presente aos elementos patrimoniais. E é que o patrimonio debe ser repensado por cada xeración (Mellina 2003: 57).

Comezamos esta epígrafe con verbas de Reigosa, tamén o finalizamos cunha frase da súa autoría. Como indica moi atinadamente (2012: 176), para protexer o patrimonio hai que coñecelo primeiro, e dálo a coñecer, despois.

- Na nosa actuación determinamos:

1. o obxecto de estudo: as lendas (o patrimonio lendario)

- Que é unha lenda?

Para X. M. González Reboredo (1995: 10) a lenda “sería un relato no que participan seres ou poderes sobrenaturais, pero que ten unha localización espacial e mesmo temporal, non requirindo o apoio dos rituais máis ou menos complexos que acompañan o mito”.

2. as fontes: as persoas maiores

- Os a priori:

a) “Cónstanos da diminución do número de falantes das comunidades de cultura de transmisión oral (...). Sen embargo, a práctica contemporánea da literatura oral das sociedades tradicionais segue dándose” (Fernández Ocampo 2000: 15).

b) No caso da literatura galega as fronteiras entre a oralidade e a escritura foron sempre difusas. As circunstancias histórico-políticas que impediron o desenvolvemento normal da expresión literaria explican tanto a importancia da transmisión oral como o valor identitario da tradición e o folclore. Na actualidade, as dúas expresións seguen convivindo, relacionándose e experimentando transformacións (versión do texto en cast. de Chouciño-Nogueira 2012: 13).

c) “Parece claro (...) que o campo da literatura oral debe ser investigado na súa realidade vivida e non só na súa realidade textual” (A. Acuña 2012: 76).

- Quen sostén a lenda?

Outórgaselles un lugar á xente de máis idade. A eses creadores e recreadores da nosa tradición e piares que manteñen viva a cadea de transmisión da cultura e da literatura por vía oral (Reigosa 2012: 177), aos axentes activos na conservación (Sánchez Ferri 2012: 521).

O patrimonio lendario na aula dragal:do libro de lectura á contorna do alumnado

Continuamos a vía de pescuda iniciada o curso pasado (daquela sobre onomástica xeográfica), pero centrámonos arestora na compilación e difusión de lendas locais.
Serán as circunscritas a lugares como castros ou outros monumentos asociados a eles na tradición popular (mámoas, rochas, fontes) e cos mouros (acompañados de animais: serpes, pitos, cabalos) como protagonistas.
A idea que vertebra, xa que logo, esta proposta é descubrir a inmaterialidade contida no noso imaxinario popular. A tradición oral asociada á cultura castrexa.

 

 

 

Que nos di a lenda?

(a súa localización temporal)

 

ANTIGAMENTE

ANTES

AGORA

Un tempo pasado mitolóxico

Un tempo pasado histórico

 

O tempo dos antigos

Un tempo de vellos

 

Un tempo sen data fixa nin aproximada

O tempo do que temos eferencia polos testemuños dos nosos avós

 

OS/AS MOUROS/AS

OS/AS AVÓS/AS

OS/AS ALUMNOS/AS

(García Porral 2010: 87)

O obxectivo que guiou a intervención foi o de recuperar, poñer en valor e divulgar os elementos lendarios que forman parte da nosa cultura de tradición oral.

Os/as alumnos/as ficaron convertidos en detectives de lendas, en axentes que levan a cabo un proceso de busca con traballo de campo incluído.

Para desenvolver este traballo tiveron que:

1. Procurar informantes (persoas maiores, os seus avós, veciños) na zona que poidan contarlles historias de dragóns, serpes, mouros e mouras, covas ou pozas encantadas.

2. Gravar o que dicía o informante coa axuda dunha cámara ou dun móbil (son ou vídeo).

3. Subir o material ao wiki.

4. Participar no proceso de ‘visibilización’ do fondo lendario recollido.

- Esta actividade cos alumnos complementouse coa:

a) intervención dun contacontos profesional (César Cambeiro co seu espectáculo Tradición 2.0) que recreou lendas tradicionais baixo o parámetro e coordenadas do século XXI.

O espectáculo no CPI Virxe da Cela, Monfero:

b) recreación plástica por parte dos rapaces.

Aquel obxectivo inicial de rescatar o patrimonio oral e divulgalo vese favorecido polo uso do wiki como ferramenta de traballo colaborativo. Este revélase como repositorio ou recurso en rede onde se almacenan e manteñen os materiais recuperados. Tamén cumpre a función de punto de encontro para repoñedores e escaparate para visitantes.

A limitación para o rexistro e a comunicación dos resultados esvaécese agora porque o usuario que se achegue á literatura oral ten a posibilidade de facelo “imitando” o xeito no que o faría no mundo real, é dicir, participando nela.

Ao tratar de rexistrar unha tradición oral mediante a escritura convencional, ao producir libros con ela, obtemos un tipo de rexistro lineal, unidimensional e fixo, no que se perde a maior parte do que constitúe unha execución verbal e consérvase só un texto que equivale á “disección” da voz.

Os recursos de internet, en cambio, por constituír en si mesmos un sistema cun funcionamento similar ao da tradición oral, permítennos obter rexistros moito máis ricos das súas expresións literarias e, sobre todo, moito máis compatibles con elas (Cortés 2008: 69).

Xa salientara Reigosa (2012: 178-179) a oportunidade que representaba internet para a literatura oral. Internet convertérase, segundo o investigador e profundo coñecedor do ámbito, na táboa de salvación das culturas orais e das súas literaturas.

E concluímos cunha afirmación de Prats (2001: 169), coa que concordamos e á que nos sumamos: o patrimonio cultural debidamente comunicado deberá ser un elemento clave para a formación integral da persoa, para o seu desenvolvemento emocional e como elemento propiciador de interacción e cohesión social.

 


 

Bibliografía: 

 

Bibliografía xeral:

Acuña, A. (2012): “Técnicas de recollida e fixación” (71-95), en Palabra viva. Galicia e Hipanoamérica, Chouciño, A.- Nogueira, M.ª X. (eds.). Santiago de Compostela: USC.

Blanco, D. (2006): “Literatura popular de tradición oral” (3-8), en Literatura galega de tradición oral. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Blanco, D. (2008): “A literatura de transmisión oral” (95-118), en Perspectivas sobre a oralidade, Fernández Rei, E. - Regueira Fernández, X. L. (eds.). Santiago de Compostela: USC-ILG-CCG.

Bringas, A.-Martín, B. (eds.) (2000): Identidades multiculturais: revisión dos discursos teóricos. Vigo: Universidade de Vigo.

Bueno Chahín, S. (2012): “Contenidos, metodologías y prácticas: formación de profesores como agentes de valoración del patrimonio cultural” (411-420), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Editadas en soporte dixital as actas das comunicacións.

Calaf, R.- Fontal, O. (coords.) (2004): Comunicación educativa del patrimonio: referentes, modelos y ejemplos. Gijón: Eds. Trea.

Cortés Hernández, S. (2008): “Literatura oral en Internet”, Revista Galega de Educación 41 (xuño de 2008), 67-69.

Fernández Casildo, M. (2008): “La utilización del patrimonio cultural como recurso didáctico en la educación secundaria, al tiempo que como vía de conocimiento y valoración del mismo” (109-124), en Patrimonios culturales: educación e interpretación. Cruzando límites y produciendo alternativas, Pereiro, X.-Prado, S.-Takenaka, H. (coords.). [XI Congreso de Antropología]. [Donostia]: Ankulegi Antropologia Elkartea.

Fernández Ocampo, A. (2000): “Da etnografía á traducción literaria” (15-23), en Identidades multiculturais: revisión dos discursos teóricos. Vigo: Universidade de Vigo.

Fernández Ocampo, A. (2008): “Prácticas verbais e dimensión patrimonial”, Revista Galega de Educación 41 (xuño de 2008), 17-20.

Fuentes Luis, S. “Acercando el patrimonio al presente: Nuevas miradas, nuevos lenguajes” (13 páxs.) http://www.cabildodelanzarote.com/patrimonio/VIIcongreso/ponencias/miercolesAcercando%20el%20patrimonio%20al%20presente.pdf

Fuentes Luis, S. (2012): “El programa de Educación Patrimonial en Canarias: una estrategia para la conservación preventiva y la participación activa en las aulas” (24-33), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Editadas en soporte dixital as actas das comunicacións.

Gallego, M. (2008): As lendas. Proposta para traballar con lendas galegas. Vigo: Ir Indo.

García Porral, X. C. (2010): Lendas castrexas: antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín. A Coruña: Lóstrego.

García Porral, X. C. (2007): “O mantemento da identidade socio-cultural no rural dentro da modernidade”, Descubrindo Deza 9 (2007), 135-162.

García Porral, X. C. (2008): Modernización rural e tradición cultural: un estudo antropolóxico de Goiás (Lalín). Santiago [de Compostela]: Lóstrego.

Gómez Redondo, C. (2012): “Patrimonio e identidad: La educación patrimonial como vínculo entre individuo y entorno” (15-22), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Editadas en soporte dixital as actas das comunicacións.

Lendas de Gallaecia: [novas lendas da Galiza] (2013): [Santiago de Compostela]: Contos Estraños Editora, D.L.

Llinares García, M. [et al.] (1997): Imaxinario, literatura popular. A Coruña : Hércules de Ediciones – ( “Rostros do  imaxinario popular” (20-50) de M. Llinares; “Literatura popular de tradición oral” (54-82) de D. Blanco; “Do texto oral ó contexto cultural perspectiva antropolóxica da tradición oral galega” (86-124) de M. López Coira; “Antoloxía. Lendas” (132-180).

Marín Cepeda, S. (2012): “El patrimonio se crea y se transforma. Una investigación sobre cómo “accesibilizar” nuestro patrimonio a través de la educación” (396-401), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Editadas en soporte dixital as actas das comunicacións.

Mellina, B. (2003): “L’éducation au patrimoine”, Les Cahiers. Innover et réussir, n.º 5, 56-60.

Noia Campos, C. (2010): Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral. Vigo: Universidade de Vigo.

Pedrosa, J. M. (2008): “A literatura, a literatura oral e o xogo”, Revista Galega de Educación 41 (xuño de 2008), 9-11.

Pereiro, X. (2008): “Quen conta un conto acrecenta outro conto! Contribucións da antropoloxía á investigación da literatura oral”, Revista Galega de Educación 41 (xuño de 2008), 14-16.

Pereiro Pérez, X. (1995): Narracións orais do concello de Palas de Rei: antropoloxía, lingua e cultura. Santiago: Sotelo Blanco.

Prats, J. (2001): “Valorar el patrimonio histórico desde la educación: factores para una mejor utilización de los bienes”, en Morales, J. et al. (eds.) Aspectos didácticos de las ciencias sociales. Zaragoza: ICE de la Universidad de Zaragoza.

Ramos, A. R. (1988): El cuento folklórico, una aproximación a su estudio. Madrid: Ed. Pliegos.

Reboredo, X. M. (1995): Lendas galegas de tradición oral. Vigo: Ed. Galaxia.

Reigosa, A. (2006): “Suxestións para recompilar, arquivar e difundir literatura de tradición oral” (9-14), en Literatura galega de tradición oral. Santiago: Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Reigosa, A. (2012): “A literatura oral en internet: Galicia encantada” (175-195), en Palabra viva. Galicia e Hipanoamérica, A. Chouciño-M.ª X. Nogueira (eds.). Santiago de Compostela: USC.

Roque Alonso, M. A. (2010): “Un patrimonio vivo y dinámico” Quaderns de la Mediterrània. Cuadernos del Mediterráneo, n.º 13, 12-20.

Sánchez Ferri, A. (2012): “La importancia del recuerdo. Investigación didáctica para la creación de un modelo de educación patrimonial con personas mayores” (520-527), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Editadas en soporte dixital as actas das comunicacións.

Santamarina, A. (2008): “O patrimonio oral” (325-350), en Perspectivas sobre a oralidade, Fernández Rei, E.-Regueira Fernández, X. L. (eds.). Santiago de Compostela: USC-ILG-CCG.

- Sobre mouros e mouras:

Alonso Romero, F. (2007): “Túmulos, "mouros", enanos, gigantes, salvaje caza: la etnografía gallega vista como registro arqueológico no intervencionista” (229-246), en De culturas, lenguas y tradiciones. II Simposio de Estudios Humanísticos (Ferrol, 14-16 novembro de 2006) - Romero Portilla - García Hurtado (eds.). A Coruña: Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións.

Aparicio Casado, B (1997): “O feito diferencial galego no folklore de mouros”, Pontevedra 13, 141-151.

Aparicio Casado, B. (2007): “O imaxinario popular: notas sobre os mouros encantados” (153-159), en A procura da nosa identidade. Terra de Montes- Raposeiras Correa, J. [coord.]. Pontevedra: Deputación Provincial.

Ayán Vila, X. M. - Ameixeiras Sánchez, F. (2002): “Mámoas, castros e tesouros: a mourindá nas terras de Cuntis” (143-168), en Pasado e futuro de Castrolandín (Cuntis): unha proposta de recuperación e revalorización - X. M. Ayán Vila (coord.). Santiago de Compostela: Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe, USC.

Castro, I (2002): Galegos e mouros. Lisboa: Colibri-Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa.

Cunqueiro, A. (1997): Tesouros novos e vellos. Vigo: Galaxia. 3.ª ed.

González Reboredo, X. M. “Mouros, damas e tesouros: breves consideracións arredor de temas lexendarios” (155-163), en Congreso A. Cunqueiro. Actas, Mondoñedo, 19, 20 e 21 de abril de 1991.

Llinares García, M. (1992): Os Mouros no imaxinario popular. Santiago de Compostela: Ed. Compostela.

Mariño Ferro, X. (out.-dec. 2000): “Mouros e tesouros”, Grial 148, 565-574.

Novo, I.- Reigosa Carreira, A. (coords.) (2012): Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular. Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral / [A Coruña]: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Missler, P. (2008): “O poder do demo sobre os tesouros escondidos”, Escrita contemporánea, 55-70.

Parafita, A. (2012): “Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementaridades”, Escrita contemporánea, T (2012), 41-50.

Quintía Pereira, R. (2012): “Mouros e mouras na procura de nós mesmos”, Escrita contemporánea, T (2012), 13-40.

Reigosa, A. (2008): “Geografías del miedo: lugares de la Galicia mágica en que habitan los monstruos” ([221]-241), en Fernández Juárez, G.- Pedrosa, J. M. Antropologías del miedo: vampiros, sacamantecas, locos, enterrados vivos y otras pesadillas de la razón. Madrid, Calambur.

Reigosa, A. (2011-2012): “A “idea de tesouro” en A. Cunqueiro”. Terra e Tempo, n.º 159/162 (xullo 2011-xuño 2012), 62-67.

Risco, V. (1927): “Da mitoloxía popular galega: os mouros encantados”, Nós : boletín mensual da cultura galega, ano 9, nº. 43 (25 xullo 1927), p.15; ano 9, n.º. 45 (15 set. 1927), 2-8.

Tenreiro Bermúdez, M. (2002): “Os mouros: notas sobre a permanencia do mito no folclore”, Anuario brigantino 25 (2002), 39-62

- Sobre O Pico Sacro:

Acuña Castroviejo, F. (1974): “Pico sagro”, Gran Enciclopedia Gallega. Gijón: Silverio Cañada. Vol. 24.

Anca Calvo, J. A –González, L. (2010): O Pico Sacro: o monte sagrado de Galicia. Santiago: Consellería de Cultura e Turismo, Deputación da Coruña.

Balboa Salgado, A. (2005): A raíña Lupa. As orixes pagás de Santiago.

Santiago [de Compostela]: Lóstrego.

Carré Alvarellos, L (1969): “A Lenda do Pico Sagro” (148-150), en As Lendas Tradizonaes Galegas. Carré Alvarellos, L. (s.a. [1969]) Museu de Etnografía e Historia, Imprenta Portuguesa, Porto. [Orixinal editado na Revista de Etnografía. Porto; tradución ao castelán en Las Leyendas Tradicionales Gallegas, Colección Austral n.º 1609, Madrid, Espasa-Calpe, 1977 [4.ª edición1983].

Francisco Iglesias, R. - Guerra Campos, M. (2001): O Pico Sacro. San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa [texto orixinal de R. Francisco Iglesias e M. Guerra; tradución ao galego, Patricia Albela; redacción e actualización, José M. Abelleira. A Coruña: Deputación da Coruña, Concello de Boqueixón.

Neira Pereira, E. (1992): “O Pico Sacro: Historias, lendas e misterios”, Galicia en Madrid. Revista de Letras y Artes Galaico-Hispánicas. Ano XI, n.º 43, Madrid 4.º trimestre de 1992, 13-15.

Río Ramos, L. (2008): “San Sebastián do Pico Sacro: Lestedo, Boqueixón, A Coruña” (98-109), en Mosteiros e conventos da Península Ibérica. Galicia / [dirección editorial, Francisco Rodríguez Iglesias; coordinación editorial, Mar Pérez Negreira] A Coruña: Hércules. Vol. 3.

Senén, F. (1995): “A cima do Pico Sacro: unha necesaria excursión a un lugar enigmático”, Eco, revista do Arco Atlántico, n.º 45 (febreiro 1995), 94-96.

Vaqueiro, M. (2003): “Burato dos Mouros”. The First Pseudokarst Cave in a Quarts Area near Santiago de Compostela, Galicia - Die erste Pseudokarsthöhle auf einem Quarzgebiet bei Santiago de Compostela, Galicia (Spanien). Nachrichtenbrief Newsletter N.º 11, October 2003. Comision for Pseudokarst at the International Union of Speleology. Istztimér, Hungary, pp. 5-7.

 

Sección: