Formación de profesores: Videocreación, fomentando a creatividade e o pensamento crítico nas aulas

Unha ferramenta na docencia
Este artigo relata a experiencia dun curso para profesores realizado en xaneiro de 2015, concretamente do 12 ao 22. Nel revisouse a linguaxe audiovisual e distintas propostas de videocreación para a consecución por parte dos asistentes dunha peza de videocreación con fins educativos. Como resultado, un grupo de 15 profesores de distintas materias e facultades da Universidade de Santiago de Compostela xeraron unha serie de pezas artísticas e tamén de apoio ás materias das que imparten docencia.

Cristina Prego de Oliver López
Doctoranda na Universidade Complutense de Madrid
Departamento de Didáctica da Expresión Plástica
c_pregodeoliver@icloud.com / info@pregodeoliver.com




O meu interese pola videocreación xorde en 1998. A partir deste momento comezo un infatigable labor de investigación co fin de levar a videocreación ao ámbito da educación. O Departamento da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Universidade de Santiago de Compostela, que coñece a miña investigación na materia, convídame a impartir un curso de videocreación dirixido a profesores universitarios. Deste curso, Videocreación, fomentando a creatividade e o pensamento crítico nas aulas, e das posibles aplicacións da videocreación nas aulas falareivos ao longo deste texto.

O curso tiña como finalidade potenciar o uso da videocreación como unha ferramenta para o docente, ben como apoio aos contidos dunha explicación teórica ou práctica, ben como exercicio de creación para lle propoñer ao alumnado.

Entre os obxectivos do curso citarei tres que considero os máis relevantes. En primeiro lugar, coñecer o contexto dos inicios das primeiras manifestacións da videocreación en distintos países; en segundo lugar, adquirir uns coñecementos básicos da linguaxe audiovisual e, en terceiro lugar, desenvolver unha proposta de videocreación persoal ben artística ben enfocada á docencia a partir dos contidos vistos no curso.

A través dunha metodoloxía activa e fomentando a participación constante do alumnado na construción dos seus propios coñecementos en relación cos temas propostos, fóronse realizando unha serie de presentacións e explicacións para profundar na materia da videocreación, a linguaxe audiovisual e o exercicio práctico proposto.

Cando me convidaron a realizar o curso, nese primeiro momento non tiña claro o interese que profesores de distintas facultades da Universidade Santiago de Compostela poderían ter en materia de vídeocreación. Inicialmente eu preparara o curso para docentes da Facultade de Ciencias da Educación. A miña sorpresa chegou cando me dixeron que se superou o límite de alumnos que podía participar no curso (15) e que había profesores que quedaron fóra. Aí decidín darlle un enfoque distinto ao que tiña previsto ao principio. Optei por darlle unha alternativa ao exercicio práctico propoñendo como alternativa a realización dunha peza de videocreación con fins educativos (ou de apoio docente). Matriculáronse un total de 17 alumnos e quedaron en lista de espera cinco máis. O desenvolvemento do curso tivo lugar en cinco sesións, un total de 20 horas nas cales nos introducimos no mundo da videocreación desde os seus inicios ata as prácticas actuais, comentando proxeccións de artistas e revisando contidos teóricos e históricos sobre a materia. De aí pasamos á parte práctica coas súas fases de idealización da peza, de gravación e edición do bruto. Finalmente, cada alumno tivo a oportunidade de presentar a súa proposta persoal e comentala cos seus compañeiros.

 

 

 

Curso na Facultade de Ciencias da Educación, Universidade de Santiago de Compostela

 

A actividade tivo moi boa aceptación por parte do alumnado e abriulles unha porta moi interesante e ata o momento descoñecida aos participantes que lles será de grande utilidade nas súas clases. Aquí podedes apreciar os resultados:

 

         Curso na Facultade de Ciencias da Educación, Universidade de Santiago de Compostela

 

 

Detalle de story board de Cristina Trigo

 

Hoxe en día o medio audiovisual está presente en practicamente todas as facetas da nosa vida. É imposible negar esta evidencia. Algúns deostan o medio por falta de coñecementos e destreza coa cámara, a linguaxe audiovisual e os programas de edición. Non obstante, existen programas de edición moi sinxelos e gratuítos, só hai que poñer un pouco de interese e abrirse a novas formas de creación de contidos educativos ou participar en propostas como esta de creación de contidos educativos audiovisuais que lles presento.

Unha imaxe estática —sexa unha táboa ou unha foto— ten menos capacidade de transmitir información ca unha en movemento. Se a esta lle engadimos son (narración, música…), convértese nun medio evidentemente máis efectivo ca o clásico pase de diapositivas, disertación ou entrega de fotocopias. Pero para que chegue ao receptor, hai que coidar a forma de presentalo, a linguaxe audiovisual; hai que utilizalo de forma consciente; e aí é onde se enmarca este curso. Nos Estados Unidos estúdase socioloxía a través de materias como os Simpsons (falo, por exemplo, da Universidade de California no Campus de Santa Cruz). Que paraliza os docentes nas universidades españolas? Por que non se utiliza o medio audiovisual de forma habitual nas clases como vehículo transmisor de coñecementos?

En calquera web ou blog actual, a súa páxina de inicio mostra un audiovisual. A elección dos expertos en mercadotecnia e comunicación neste aspecto non é insignificante.

A creación de calquera peza audiovisual leva un proceso de idealización, de produción e de edición ben definidos. En cada un deles o creador enfróntase a unha serie de labores que van desde as máis creativas, de redacción, de simplificación e reestruturación de contidos, de oratoria, de transcrición, de investigación etcétera.

Non cabe dúbida de que non só a adquisición de coñecementos se presupón cando un se enfronta a elaborar unha proposta audiovisual sobre un tema concreto senón tamén unha maior destreza no manexo das tecnoloxías e, polo tanto, das competencias en materia das TIC.

Socialmente existe unha gran contradición: por unha banda entendemos a mensaxe literal das imaxes en movemento e percibimos o son. Damos por suposto, polo tanto, que “entendemos” o código. Nada máis lonxe da realidade. Pola miña experiencia á hora de enfrontarnos á creación dunha peza audiovisual, por sinxela que sexa, vémonos desbordados.

O medio audiovisual foi e é unha ferramenta fundamental na transmisión de coñecementos e na creación da nosa memoria colectiva. Se queremos conseguir a motivación e atención do alumnado a través dun medio áxil, con grandes posibilidades expresivas e atractivas, non deberiamos obviar o emprego desta ferramenta tanto como apoio nas clases como a modo de proposta de tarefas. Estas últimas, no seu proceso de elaboración, obrigan o estudante a revisar gran cantidade de material. Esta provisión de documentación, visualización de entrevistas, documentais, artigos, o seu resumo posterior; así como a elaboración do guión e, finalmente, a edición do produto audiovisual, garanten a asimilación de conceptos e contidos do alumnado.

A alfabetización nesta linguaxe é, polo tanto, un gran legado que lles deixaremos aos nosos alumnos.

The medium is the message (McLuhan, 1964).

 

Preséntanse dous exemplos de produtos realizados no curso de videocreación:

Punto contrapunto

 

Muiñeira: pasos básicos

 

 

Agradecementos:
Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal. Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). Universidade de Santiago de Compostela.
Carmen Franco, Carol Gillanders, Guillermo Calviño e demais participantes no curso.
 

Bibliografía: 

 

 

COROMINAS, A. (1994). La comunicación audiovisual y su integración en el currículum. Barcelona: ICE Universitat de Barcelona e Graó Editorial.

MCLUHAN, M. (1964). Understanding media: the extensions of Man. Nova York: McGraw-Hill.

http://ec.europa.eu/culture/library/studies/literacy-case-studies_en.pdf

Sección: